Volta ás aulas: tras o debate ficticio sobre a presencialidade reaparecen a desinformación e os recortes

Información da reunión mantida hoxe coas consellarías de Sanidade e Educación

Responsábeis de Educación e Saúde Pública mantiveron hoxe unha reunión informativa coa CIG-Ensino e outras organizacións sindicais para dar a coñecer as novidades na adaptación á nova situación da covid, unha vez que recibiron esta mesma mañá o documento do Ministerio de Educación.

Na reunión informouse do que xa se coñece polas comparecencias públicas dos responsábeis da Xunta e do Goberno estatal e que afectan as novidades sobre a xestión de gromos: 

  • Considéranse “esporádicos” os contaxios cando son de 4 ou menos alumnas/os nunha mesma aula. A xestión é a seguinte:
    • Alumnado menor de 12 anos: non se fai corentena ou illamento.
    • Alumnado maior de 12 anos: é preciso o illamento só nos casos nos que a persoa non estea vacinada, sexa inmunodeprimida ou estea en contornos vulnerábeis como son os Centros de Educación Especial.
  • Considérase como gromos cando afectan a 5 ou máis nunha mesma aula.
    • Debe illarse todo o alumnado que non estea vacinado, sexa inmunodeprimido ou estea en contornos vulnerábeis.
  • Test de antíxenos para alumnado. Existe neste momento un problema cos fillos e fillas de mutualistas con prestación sanitaria privada ao non poderen recoller o test nas farmacias, xa que só se proporciona a quen é do SERGAS. Como vén sendo habitual estamos diante dun novo problema de coordinación entre MUFACE e Xunta.

A CIG-Ensino demandou:

  • Vacinación completa coa 3ª dose do persoal ao que non se lle administrou (menores de 40 anos con dobre pauta mixta de AZ con Pfizer ou Moderna). A Xunta alega que ten solicitado que se poida comezar a vacinar ao grupo de 30 a 39 anos canto antes. No caso de que se autorice este próximo xoves poderían comezar a partir do día 16 para ese grupo (non incluiría a menores de 30 anos ao facerse por grupos de idade por acordo da comisión de vacinas a nivel estatal). A CIG-Ensino lembrou que isto afecta especialmente ao profesorado de Infantil e Primaria, cunha idade media inferior e cunha incidencia maior por estar con alumnado aínda non vacinado.
  • Xestión das baixas por contaxio con declaración responsábel. Educación aceptou a solicitude da CIG-Ensino de que o profesorado contaxiado poida presentar unha declaración responsábel de que comunicou ser positivo a través do formulario da Xunta diante das dificultades para poder obter unha certificación de I.T polo persoal médico da atención primaria do SERGAS ou das entidades privadas. Así, mañá martes a Consellaría colgará o modelo que haberá que cubrir e enviar a través de "datos persoais” como se fose unha baixa médica. Indicarase a data do test e da comunicación ao SERGAS. Será nese momento cando as direccións poderán subir a baixa á web de substitucións. No caso de que se consiga finalmente a baixa médica deberá achegarse posteriormente. Nestes momentos, segundo información da Consellaría habería unhas 800 profesoras e profesores con baixa por covid. Polo seguimento que vén facendo desde hai días a CIG-Ensino esta cifra estase a disparar desde o venres. Só na mañá de hoxe houbo 492 prazas subidas á web (até as 14 horas).
    Declaración responsable. Ligazón
  • Deber inescusábel por atención a fillos e fillas menores contaxiados ou en illamento. A CIG-Ensino afeoulle á Consellaría de Educación que non se tomaran aínda medidas para xustificar e considerar estas ausencias ao traballo como un deber de tutela para os pais e nais. Alega que é un problema legal de carácter xeral e que non afecta só ao profesorado. Con ser isto certo, a CIG-Ensino propuxo que se lle dera o mesmo trato que aos contaxios e se aceptase unha declaración responsábel para autorizar o permiso retribuído por deber inescusábel. Temos claro que o primeiro é a nosa obriga como pais e nais e que baixo ningún concepto se pode abandonar un fillo ou filla menor e animamos o profesorado a tramitar este permiso e a reclamar no caso de que llo deneguen, primando sempre a obriga de custodia e permanecendo na casa se non existe outro proxenitor ou proxenitora que se poida facer cargo. 
  • A Consellaría non deu resposta á solicitude de que se reserve a praza dunha substitución a aquela persoa que non pode tomar posesión por estar contaxiada ou ter que gardar corentena; algo que si fixo o curso pasado mais que xa non veu facendo no que levamos deste.

A CIG-Ensino denuncia que o retorno aos centros educativos se produza sen que a Consellaría mude nada na súa estratexia de priorizar as ansias por recortar recursos humanos.

A reincorporación ás aulas neste 10 de xaneiro cumpre co guión previsto: presencialidade como prevía e demandaba a comunidade educativa. Tamén cumpre o guión a Consellaría de Educación mantendo inalterada a súa estratexia de reducir profesorado e orzamentos para facer fronte á pandemia.

Nos últimos días de decembro así como nestes primeiros días de xaneiro houbo quen, desde os gabinetes de comunicación dos diferentes gobernos e de moitos medios de comunicación, se preocuparon de centrar todo o debate da afectación da nova vaga da pandemia na suposta incerteza da volta presencial aos centros educativos. 

En todas as resposta e comunicados ante os medios de comunicación destes días, a CIG-Ensino insistiu en considerar este debate como unha impostura que só podía interesar aos propios gobernos que ao longo deste curso escolar se desentenderon de manter os xa mínimos reforzos educativos do curso anterior, algo que hai que afear ao goberno español, no que se refire ao esforzo económico, máis sobre todo á Xunta de Galiza que é quen ten todas as competencias en materia educativa.

Así, mentres se poñía en cuestión a presencialidade non se falaba dos aspectos verdadeiramente relevantes deste momento: as condicións na que se desenvolve o ensino presencial.

A presencialidade nunca estivo en cuestión: os recortes e as condicións do ensino presencial, si

Nin nesta sexta vaga nin en ningunha das anteriores, superada a fase inicial da pandemia na primavera do 2020, estivo cuestionada a presencialidade, garante dunha mínima equidade do sistema educativo. O que desde a CIG-Ensino levamos pondo en cuestión desde o comezo da pandemia, e especialmente neste curso escolar, pola deriva da Consellaría, son os recortes e a decisión da administración de contemplar este curso como de transición: mantendo un perfil de suposta continuidade nas medidas sanitarias, cunha relaxación de determinados aspectos, e un recorte nos medios humanos e económicos cos que afrontar o día a día nas aulas.

Así o vimos denunciando ao longo da pandemia. Exemplos como a negativa a manter os desdobres conseguidos no curso 2020/21, a negativa a estender máis alá de decembro os contratos ARCO ou a decisión de reducir ou cortar por completo as substitucións de profesorado no mes de decembro, deixando a centos de alumnos e alumnas sen a correcta atención, son o perfecto retrato.

O trimestre arranca con desinformación e incremento de baixas que tardan en cubrir

A primeira hora da mañá do luns 10 estamos sen datos comunicados formalmente pola Consellaría de Educación ou a de Sanidade sobre o total de persoas contaxiadas ou en corentena, sen ningún tipo de información sobre as baixas de profesorado, nun día que comezou con 240 baixas por cubrir e que en menos dunha hora superaron as 350 sen que exista ningunha seguridade de que se van cubrir as ausencias derivadas da COVID.

Ao tempo, a situación creada co sistema de comunicación de contaxios a través dun formulario e a necesidade de comunicar unha baixa médica formal está a crear unha enorme confusión entre o profesorado afectado ben por enfermidade propia ou por atención das súas fillas e fillos que deban quedar na casa.

A CIG-Ensino considera que, máis alá da evolución da pandemia con carácter xeral, estamos diante das consecuencias das propias decisións adoptadas a comezo deste curso escolar (menor distancia física, maiores ratios) así como dos erros cometidos na protección da saúde (retraso inxustificado no reparto xeral de máscaras e especificamente das FFP2 para persoal coidador, mestras e mestres de Infantil, PT e AL, tanto en centros de infantil e primaria como de Educación Especial; desconcerto coas indicacións do rastrexo de casos e as decisións a adoptar en casos de contaxios e contactos, etc).

Nesta volta ás aulas en xaneiro, cunha evolución moi á alza dos contaxios e contactos estreitos, todo fai prever un elevado número de baixas médicas do profesorado e de ausencia ás aulas de alumnado. Tendo en conta esta situación, a CIG-Ensino considera:
  • Non se pode reproducir a situación vivida no mes de decembro coa non cobertura das baixas de docentes. A Consellaría debe cubrilas inmediatamente, evitando a vergoña e desidia de deixar sen cubrir durante unha semana completa as ausencias por enfermidade ou contaxio.
  • Deben concederse permisos a aquel profesorado que ten a obriga legal de custodiar ao seu fillo ou filla cando teñen que gardar corentena.
  • Debe enviarse información con carácter inmediato a todo o profesorado sobre a xestión das baixas médicas por COVID. A CIG-Ensino entende que a comunicación do contaxio a través do formulario web implantado pola Xunta debe ter a mesma consideración que unha declaración responsábel se non existe a opción de que se tramite unha baixa médica, entendendo a todos os efectos esa ausencia como xustificada e cubríndose de inmediato con persoal substituto.
  • Non se pode fiar todo de novo á vacinación, o uso da máscara e a ventilación das aulas. Deben tomarse medidas para reducir o alumnado que comparte espazos. Cambiar a estas alturas do curso os grupos de alumnado non parece unha medida efectiva xa que implicaría uns importantes problemas de xestión, mais si o é a contratación de docentes de reforzo que permitirían que se desdobrasen puntualmente aulas e se puidese atender o alumnado con maiores necesidades educativas.
  • A Consellaría debe rematar coa política de ocultación de información: debe informar diariamente da incidencia da pandemia nos centros, diferenciando por grupos de idades e colectivos (docentes, non docentes, alumnado…)
  • Debe mellorar dun xeito rotundo a xestión da información en casos de contaxios e corentenas, evitando o descrédito xa atinxido polas graves incoherencias anteriores.
  • Tendo en conta que nesta terceira dose a xestión da vacinación xa non está a ser por colectivos senón por franxas de idade, mais que se incorporou o profesorado menor de 40 anos vacinado con AstraZeneca, urxe rematar canto antes coa 3ª dose con todo o profesorado que aínda non a teña, incluíndo quen se vai incorporando de novo aos centros.

Volver