Outros temas da Mesa sectorial do 4 de febreiro

A CIG-Ensino presentou na rolda final de intervencións outros temas de relevancia.

A mobilización do profesorado esixe que a Consellaría mova ficha e remate coa negativa a negociar e ao inmobilismo.
Cunha concentración ás portas da representación sindical da CIG-Ensino e as demais organizacións ás portas da EGAP, onde se celebraba Mesa Sectorial, e co despregue dunha faixa reivindicativa durante a propia Mesa, evidenciamos hoxe que nin as organizacións sindicais nin o profesorado no seu conxunto estamos dispostas a dar marcha atrás nas nosas demandas de mellora das condicións laborais e na recuperación do noso horario lectivo de 18 e 21 horas en secundaria e primaria respectivamente.

Para a CIG-Ensino, unha vez confirmada a negativa dos responsábeis a ter en conta a resposta do profesorado na folga do 12 de decembro, só se pode concluír que o único responsábel da situación actual é o presidente Feijóo e damos por pechada calquera posibilidade de interlocución con quen está á fronte da Consellaría, pola incapacidade notoria demostrada nos últimos meses e dirixirémonos directamente ao presidente da Xunta. 
A protesta serviu de antesala ao desenvolvemento da propia Mesa e evidenciou novamente a soidade e a prepotencia na que se move a Consellaría.emandas de mellora das condicións laborais e na recuperación do noso horario lectivo de 18 e 21 horas en secundaria e primaria respectivamente.

A resposta do Director Xeral, reiterando as escusas presentadas pola conselleira no seu día non deixan lugar a dúbidas: terá que ser o profesorado quen obrigue á Xunta a ser respectuosa co noso traballo e profesionalidade e devolvernos os dereitos arrebatados, a comezar polo horario lectivo.

Críticas da CIG por non incluír na Mesa a orde de convocatoria das oposicións

A CIG-Ensino amosou na Mesa o seu malestar polo feito de que a día de hoxe a Consellaría non teña xa o borrador da convocatoria e a distribución das prazas. Despois de todo o tempo transcorrido non pode existir escusa para non ter xa a proposta enriba da mesa. 

Preguntamos tamén por se teñen pensado ter en conta algunha das propostas que presentamos na Mesa da oferta de emprego, nomeadamente a oferta de Portugués para PES e o cambio de corpo docente en Galego para EOI.

Só confirman que a Mesa para tratar sobre as oposicións será o 18 de febreiro, sen adiantar ningunha outra información.

Vacantes CXT. Solicitamos unha reunión da comisión técnica nacional

 A CIG-Ensino instou á subdirección xeral a convocar unha reunión da comisión para revisar tanto vacantes que non foron atendidas polas inspeccións nas xefaturas territoriais e que consideramos que están xustificadas como para revisar erros que nos trasladan desde os centros. Cremos que o momento oportuno é agora, procurando que os posíbeis cambios se produzan antes da adxudicación provisional.

A Consellaría informa que a resolución provisional do CXT podería saír xa a finais desta semana. O subdirector xeral afirma que non haberá reunión técnica nos servizos centrais, limitando o seu compromiso a revisar as reclamacións que lle mandemos.

Para a CIG isto é totalmente insuficiente e, de feito, é unha marcha atrás no bo traballo feito nos cursos anteriores.

Indefensión dos cargos directivos e do profesorado dos centros pola ausencia de protocolos. Dos temporais ás obras nos centros.

Tanto pola non asunción de responsabilidades habitual nos casos de temporais como nos problemas que se poden causar por defectos de infraestruturas nos centros, como aconteceu recentemente en Sarria, as equipas directivas e o profesorado en xeral está totalmente abandonado. Ben porque non se dan instrucións concretas sobre a suspensión de aulas ou ben porque se pretende modificar as decisións que toman as direccións, a sensación de indefensión é total ante estes casos.

Tanto o Director Xeral de Persoal como o de Educación e Innovación, presentes na Mesa, descargan toda responsabilidade na xestión destes temas na Secretaría Xeral Técnica da Consellaría. O caso é botar balón fóra.

Veto parental: de como o fascismo quere controlar as aulas e a Consellaría mira para outro lado

En toda a polémica creada polas campañas promovidas por HAZTER OÍR (ariete e vangarda da homofobia e o machismo desde o ultracatolicismo) e VOX, coa conivencia do PP, é impresentábel que a Consellaría non tivese feito un comunicado institucional en defensa do profesorado e da nosa liberdade de cátedra. Lamentamos o silencio cómplice da Xunta que só se pode entender pola posición do PP en todo este tema.

Ceses e cambios nos nomeamentos de persoal interino na FP Dual

Ao longo do curso xa interpelamos varias veces á Subdirección Xeral polos problemas que detectamos nos nomeamentos de persoal interino ou substituto que cobre postos de quen está con liberación para “dinamización” da FP Dual. A Consellaría adquiriu o compromiso de que ninguén sería cesado. Malia iso existe cando menos un caso no que se lle acaba de comunicar o cese con data 31 de xaneiro. Solicitamos que ningún contrato de interinidade sexa anulado e se busque unha solución para a persoa ou persoas afectadas.

Por outro lado temos información de que algúns contratos teñen data de remate a 31 de xullo cando as incorporacións dos titulares non se producirían até setembro. Se é así, solicitamos que se estendan os contratos até cando corresponde.

Van revisar as alegacións e reclamacións que lle presentemos. Afirman que os substitutos teñen que cesar a 30 de xuño.

Discriminación dos centros educativos con poucas unidades

Somos conscientes e así o temos denunciado en varias ocasións que a Consellaría debería ter máis en conta o traballo que se realiza en centros pequenos (EEI, CRA ou CEIP con pouca matrícula). A ausencia de dotación de profesorado suficiente e as propias normas legais actuais, tanto a efectos de pago de complementos como de redución horaria no caso de cargos directivos, provoca unha sobrecarga de traballo maior se cabe do que se produce en centros de maiores dimensións. A CIG-Ensino insta á Consellaría a revisar os cadros de persoal destes centros e a incrementar o apoio aos seus equipos directivos e profesorado en xeral. Non pensan introducir cambios.

Criticas da CIG-Ensino pola xestión das axudas do Pacto de Estado contra a violencia de xénero

Os centros recibiron nestes días unha comunicación pola que se lles indica que teñen que modificar as contas do 2019 porque unha segunda partida deses fondos non foi aínda ingresada nin se sabe data prevista. Non casos dos centros que xa fixeron o gasto debe rectificar e incorporalo a outro materiais inventariábeis. Cremos que non é serio este proceder e pedimos explicacións.

Escúsanse nun retraso na recepción dos fondos e indican que só é unha cuestión interna de como asignar os gastos mais que non supón ningunha irregularidade

33 horas de clase nun IES por culpa do transporte escolar: inadmisíbel.

O IES de Celanova ten agora mesmo 33 horas lectivas para o seu alumnado en vez das 32 preceptivas. O ano pasado, coas mudanzas do transporte, houbo reunións coas Xefaturas Territoriais de Ourense de Educación e Infraestruturas e non solucionaron o problema e este ano segue todo igual. Xa nos parece un exceso que o transporte escolar condicione os horarios de inicio ou remate das aulas mais o que non se pode permitir é que se amplíe ou reduza o horario lectivo. A Consellaría de Educación ten que buscarlle unha solución inmediatamente.

Din descoñecer a situación e dubidan que se dean 33 horas de aulas xa que, afirman, non sería legal e que seguramente se trata de que “o alumnado teña que quedar unha hora máis no centro”. Para a CIG-Ensino nin sequera iso estaría xustificado e non se pode “castigar” o alumnado dese centro e quedar no centro unha hora máis para beneficiar a unha empresa do transporte escolar. A Consellaría afirmou que revisarán a situación.

CIG Informa dos varios da Mesa Sectorial

Documento


Volver