
Valoración da CIG-Ensino do inicio do curso escolar
Comezo de curso 07/08
Valoración do inicio de curso
Na rolda de prensa da CIG-Ensino co motivo do inicio do curso escolar, o secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, valorou o comezo do novo curso 2007-2008, incidindo nos seguintes temas:
- Eliminación da xornada reducida de setembro e xuño
Unha das situacións que marcan o comezo deste curso é a eliminación durante o mes de setembro e xuño da xornada reducida. Esta substituíuse por unha disparidade de horarios diferentes marcados pola conveniencia do transporte escolar (uns 130 centros van ter menos de 5 horas e uns 15 vense obrigados a ter algún día clase pola tarde). Desde a CIG-Ensino, demandamos da Consellaría que reflexione sobre o fracaso desta iniciativa e, ao igual que ocorreu en Cataluña, rectifique de cara ao mes de xuño volver ao horario de sempre. A supresión da xornada reducida continuada foi contestada, durante o pasado curso, cunha consulta na que o 78´5 % do profesorado afectado se manifestou en contra, o que marca un inicio conflitivo do presente curso se non hai xestos por parte da Consellería nos que amose unha vontade de solucionar este problema.
- Novos cadros de persoal de Infantil e Primaria
Na aplicación do acordo do 8 de xuño que amplía os cadros de persoal dos centros e reduce o horario lectivo e de permanencia do profesorado de Infantil e Primaria, tamén atopamos inicialmente impedimentos que neste caso se atallaron a través das instrucións que enviou a Consellaría a instancias da CIG-Ensino, nas que se aclara a execución da implantación das 25 horas de permanencia fixa semanal para todo o profesorado no inicio deste curso.
- Incidencias do comezo de curso
Volven a producirse problemas para o comezo de curso nalgúns centros de nova construción ou que sufriron reparacións, está sen resolverse o nomeamento de varios directores, non se dou resposta á demanda de prazas nalgúns centros e detectamos que continúan os problemas na xestión administrativa de atención ao profesorado debido á escaseza de recursos humanos con que conta a Consellaría de Educación, e nomeadamente nalgunha Delegación como a da Coruña, onde esta situación provoca graves prexuízos aos traballadores do ensino.
- Estabilidade do profesorado interino
Lembramos que tanto na Mesa Sectorial como no Parlamento, a Consellaría comprometeuse para logo das oposicións retomar as negociacións co fin de chegar a un pacto de estabilidade para o profesorado interino. Unha vez que se celebrou esta convocatoria, agardamos que a Consellaría cumpra o dito acordo e comece o proceso de negociación sobre esta materia.
- PROPOSTAS DA CIG-ENSINO
Seguimos pendentes de que se elabore un plano de actuación integral para a renovación e adecuación dos centros que, nalgúns casos, xa teñen moita antigüidade con problemas estruturais urxentes; defendemos a xeneralización de servizos complementares ao ensino mais alá de casos puntuais onde a colaboración de pais ou Concellos estabelece programas específicos. É precisa unha Lei do Sistema Educativo Galego, onde se sinalen os ditos servizos complementares e outras reivindicacións históricas como a redución de rateos, tan necesaria para a mellora da calidade do ensino, e a dotación de administrativos, educadores sociais e outros profesionais que descarguen de traballo que non lles corresponde aos ensinantes; reforzamento das bibliotecas, das novas tecnoloxías e do ensino no mundo rural, contemplando medidas eficaces contra o abandono nas aulas.
Cómpre pór en marcha o plano de Convivencia Escolar xa aprobado e elaborar un Estatuto do Profesorado Galego que asuma as demandas máis sentidas do profesorado.
- Negociacións inmediatas
De xeito inmediato para este trimestre, cómpre abordar a negociación das condicións de traballo do profesorado itinerante, fixar novos criterios para que os centros que o desexen poidan acollerse á xornada única, mellorar os incentivos para a xubilación anticipada do profesorado, redución da xornada a maiores de 55 anos, etc…
- Decreto de Normalización Lingüística
Debe executarse o Decreto de Normalización na súa totalidade para o cal pedimos os medios necesarios, planos de formación do profesorado, materiais na nosa lingua…
- Desenvolvemento da LOE
Neste curso, é preciso aprobar os currículos de Bacharelato e Educación Infantil, polo que agardamos se eviten as demoras que sufrimos no curso anterior co currículo da ESO, xa que foron publicados no mes de xullo para aplicar no mes de setembro.
- Defensa do ensino público
É mester potenciar os centros públicos para que absorban a demanda de prazas en lugar de desvialos a centros Concertados. Danse casos de que o ensino público non oferta prazas suficientes en Educación Infantil en localidades como Carral, Culleredo e Cambre. É inaceptábel que a estas alturas estean sen revisar concertos educativos no ensino non obrigatorio en localidades con oferta nos centros públicos que sexan capaces de absorber o alumnado dos centros concertados. Imponse, polo tanto, unha política decidida no camiño de reducir os concertos educativos con centros privados e de aposta por mellorar e dotar os centros públicos. Como exemplo vemos que se concertaron para este curso dúas unidades de educación de 3 anos no centro dos Escolapios de Monforte malia que hai dous centros públicos neste concello e dous concertados mais un dun padroado que absorberían sen problema ningún este alumnado.