Valoración da CIG-Ensino das últimas novidades xudiciais para o persoal interino

A nova sentenza do TXUE, que incide nas críticas que a CIG-Ensino leva feito dos chamados procesos de estabilización, non implica ningún cambio efectivo ao respecto das anteriores.

Desde o ano 2016 véñense producindo diferentes pronunciamentos xudiciais sobre o abuso de temporalidade do persoal temporal, quer no ámbito europeo (TXUE), quer no estatal (T. Supremo) ou no autonómico (TSXG). Os ríos de tinta, titulares e valoracións diversas producen desde hai case 8 anos unha importante confusión que, lonxe de se reducir, retroaliméntase no bucle xudicial e mediático no que levamos todo este tempo. En moitos casos, esta confusión está alimentada por mentiras, interpretacións sorprendentes e intereses pecuniarios (despachos de avogacía) ou partidarios (sindicatos que son quen de dicir unha cousa e a contraria sen vergoña nin escrúpulos).

Coa intención de informar co máximo rigor, como vimos facendo desde o comezo desta lea xudicial, e sen esquecer que hai alternativas viábeis fóra dos xulgados, desde a CIG-Ensino trasladamos as seguintes consideracións tanto sobre as novidades xudiciais como sobre o escenario que se crea.


A nova sentenza

A sentenza do TXUE lembra que a lexislación europea obriga os Estados membros a previren, corrixiren e sancionaren o uso abusivo da temporalidade. A sentenza reitera que ningunha das medidas tomadas polo lexislador español serviu para satisfacer esta esixencia. En resumo, estas medidas foron os procesos de estabilización e as indemnizacións de 20 días de salario por ano, cun tope de 12 meses, para as persoas que mediante estes procesos selectivos non accederon ao posto que viñan ocupando. O TXUE entende que estas medidas non son suficientemente protectoras para as persoas que sufriron unha temporalidade abusiva como consecuencia do incumprimento, por parte das administracións, do prazo máximo para cubrir definitivamente eses postos. No ámbito docente a Consellaría de Educación nega, co acordo da minoría sindical na última reforma do acordo de persoal interino, que teña dereito a indemnización quen ocupe prazas non estruturais, unha medida que a CIG-Ensino xa advertiu que considera abertamente ilegal.

Perante esta situación de ausencia de medidas efectivas para combater e sancionar a temporalidade abusiva na administración, o TXUE entende que a fixeza podería, de modo hipotético, ser unha medida suficiente e válida. É dicir, a fixeza das persoas funcionarias interinas sería unha medida conforme coa normativa da UE.

Porén, o que non di o TXUE é que a fixeza sexa a única posibilidade de sancionar o abuso nin moito menos a converte nunha resposta automática ao mesmo. De feito lembra que os xulgados e tribunais internos poden deixar de aplicar a súa xurisprudencia para facer cumprir a norma europea pero o que non poden facer é contradicir a lexislación interna. E, no Estado español, a lexislación é clara no sentido de que o acceso á función pública esixe procesos selectivos de libre concorrencia que respecten os principios de igualdade, mérito e capacidade.

En resumo, na sentenza:

  1. Confírmase que o Estado español incumpre o deber de prevención, corrección e sanción da temporalidade abusiva. Nin os procesos de estabilización nin as indemnizacións taxadas son medidas adecuadas e suficientes.
  2. A fixeza nos postos de traballo das persoas funcionarias interinas podería ser unha medida correctora válida do punto de vista do dereito europeo, pero non é a única e ademais non pode aplicarse cando contradiga claramente o dereito interno.

A doutrina fixada até o momento polo Tribunal Supremo afirma que non se pode recoñecer a fixeza de persoal interino ou indefinido non fixo sen superar un proceso selectivo, que ordinariamente se fixa no EBEP como concurso oposición e, só mediante a aprobación dunha lei específica (como é o caso da Lei 20/2021) pola vía do concurso.

Polo tanto, volvemos ao punto de partida, nunha situación que cómpre lembrar foi propiciada polas políticas de recortes de persoal (taxas de reposición que limitan as ofertas de emprego), por acordos sindicais que deixan tirado o profesorado e por unha confrontación de dereitos e lexislacións estatais e europeas.


O contexto

Consideramos que é preciso non perder de vista o contexto que nos trouxo até aquí e como estamos na actualidade. Resumímolo nos seguintes puntos

  • Os recortes aplicados desde 2010 implicaron que se disparase a porcentaxe de profesorado interino en Galiza: na chegada de Feijóo á Xunta estabamos por debaixo do 5% e en poucos anos chegou a cuadriplicar esa cifra. A responsabilidade foi compartida: os gobernos español (PSOE primeiro e PP despois) e galego (PP) aplicaron medidas duras en materia de persoal, reducindo profesorado e a oferta de prazas nas oposicións: foi a chegada da taxa de reposición ao ensino, inexistente até 2010.
  • Os procesos de estabilización previos á lei 20/2021: os mal chamados procesos de estabilización existentes desde o acordo sindical estatal de 2017 (CCOO, UGT) non foron tales procesos de estabilización. Foron unha entrega aos intereses do Goberno que, negándose a eliminar a taxa de reposición, vendía un lixeiro incremento de prazas por riba das xubilacións. E foron un fracaso: non serviron para crear máis postos de traballo (o propio acordo sindical indicaba que dos procesos selectivos non se podía derivar un incremento de prazas sobre as existentes) nin para paliar a alta taxa de temporalidade nas distintas administración. No ensino en Galiza é sorprendente que durante eses anos non se convocara ningunha praza de especialidades nas que nunca houbo oposicións ou que levaban máis de 10 anos sen convocatorias.
  • En todos eses anos mantívose a resposta negativa de sindicatos estatais e gobernos galego e español a considerar a posibilidade dun acceso de dobre vía diferenciada como propoñía historicamente a CIG-Ensino, fixando procesos selectivos diversos e en paralelo para prazas de reposición (xubilacións) de prazas para dar resposta ás longas interinidades: seica era imposíbel e ilegal. Mediante este procedemento garantiríase que tanto as persoas que levaban tempo traballado para a Consellaría de Educación como quen pretendía acceder ao ensino sen experiencia tivese un procedemento selectivo sen probas eliminatorias pero que nun caso primaba máis a fase de concurso que a de oposición e no outro o concurso.
  • Os procesos vinculados coa lei 20/2021 demostraron que a legalidade podía cambiar: aínda que a lei melloraba substancialmente o que ía ser unha nova reedición das falsas “estabilizacións” dos anos anteriores (de novo co acordo de CCOO e UGT), o resultado do texto legal e a súa aplicación para o profesorado era claramente insuficiente e recibiu a crítica da CIG-Ensino. En resumo, polo seguinte:
    • Non se impoñían sancións contundentes aos cargos políticos que permitisen o abuso da temporalidade ao non convocar os procesos selectivos en tempo e forma.
    • A lei tiña un carácter global, sen atender as peculiaridades dos diferentes sectores da función pública (trataba por igual á administración local, o ensino, a sanidade…) malia termos situacións ben diferentes.
    • Non se eliminaba a taxa de reposición e mantiña o apartado do acordo pactado con CCOO e UGT de que non podería aumentar o número de postos de traballo como resultado dos procesos selectivos.
    • Ao formar o profesorado parte de corpos estatais, o desenvolvemento da lei dependía da negociación do Real Decreto na Mesa estatal. Nela, a CIG-Ensino fixo propostas concretas para poder paliar ao máximo posíbel as carencias da lei 20/2021. O Ministerio de Educación non tivo en conta a maioría delas, especialmente as que facían referencia a primar a antigüidade (como mellor exemplo do recoñecemento do abuso da temporalidade) que, fronte ao 70% que propoñía a CIG, rematou cun 46% de ponderación no total do baremo.
    • O traballo da CIG-Ensino en solitario desde a parte sindical na negociación a nivel galego da oferta de prazas fixo que se duplicaran as inicialmente previstas. Se o resultado final deixou a unha parte do profesorado con moita antigüidade sen poder consolidar un posto fixo, os efectos de ofertar só 500 prazas no canto das 1156 que se convocaron pola vía do concurso tería sido devastador.
    • En paralelo, a CIG-Ensino presentou unha proposta moi detallada na Mesa Sectorial galega para incorporar no acordo de persoal interino, que o sindicato nacionalista nin asinou nin asinará mentres non se atenda a cuestión da estabilidade, unha cláusula para garantir que o profesorado interino de longa duración puidese ter garantido un posto de traballo no caso de non poder acadar a fixeza no concurso ou no concurso oposición. Contamos coa negativa da Consellaría e dos demais sindicatos.
O que está por vir e as propostas da CIG-Ensino 
  • A nivel xudicial queda pendente o seguinte capítulo entre o TXUE e o T. Supremo, coa resposta que Luxemburgo dea a unha cuestión prexudicial que o TS vén de remitirlle.
  • Agás un xiro sorprendente nas decisións do TS, primará o que está consolidado na lexislación e na xurisprudencia estatal: os principios de mérito e capacidade que figuran na Constitución española só se poden observar mediante o sistema que recolle o Estatuto Básico do Empregado Público (oposición, concurso oposición ou concurso previsto con carácter excepcional nunha lei).
  • A nivel lexislativo o Goberno debería mudar o EBEP para recoller modificacións importantes na liña do proposto pola CIG: sancións contundentes e disuasorias para os cargos que promovan o abuso de temporalidade por non ofertar todas as prazas estruturais e indemnizacións que sexan unha resposta real ao abuso de temporalidade en caso de cese.
  • O Goberno español debe anular a taxa de reposición e a Xunta debe garantir a máxima transparencia na determinación de prazas estruturais (as que deben ser convocadas nas oposicións sen demora) e non estruturais. Esta información, previa negociación e control da representación sindical, debe facerse pública e actualizarse anualmente, de tal maneira que todo o profesorado coñeza exactamente que prazas, ao seren estruturais, deben ser ofertadas nas oposicións e nos concursos de traslados.
  • Regular con rango de lei a convocatoria de procesos extraordinarios se se supera a porcentaxe do 8% de interinidade permitindo que a negociación das condicións de acceso se poida adaptar a cada realidade, especificamente para o ámbito docente, e a cada territorio.
  • Política de incremento de persoal, con maior dotación de profesorado e redución dos horarios lectivos e das ratios.
  • Remate do bloqueo na negociación para poder incorporar unha cláusula de estabilidade para o profesorado interino de longa duración. Esta é segundo a CIG-Ensino a solución que máis se axusta ás consideracións do TXUE porque non implica a consecución, no ámbito docente, da condición de funcionariado de carreira vulnerando os principios que marca a normativa estatal, senón o mantemento dun posto de traballo na administración para a que se vén prestando servizos desde hai moito tempo e que non cumpriu a lexislación en materia de convocatorias de emprego público.

Volver