Valoración da carga horaria da ESO e estudo comparado do horario

Implantación da LOE

O secretario nacional de CIG-Ensino, Anxo Louzao, presentou en rolda de prensa a posición da central a respecto da proposta da consellaría de Educación para a aplicación da LOE en Galiza, nomeadamente no que se refire aos currículos no ensino secundario obrigatorio e as consecuencias derivadas deste proxecto de decreto. Logo de levar a cabo asembleas por toda Galiza, acordouse levar a cabo unha mobilización o vindeiro mércores diante da Consellería

CIG-Ensino demanda da consellaría que reconsidere a súa proposta de currículo da ESO

 

 

O secretario nacional de CIG-Ensino, Anxo Louzao, presentou en rolda de prensa a posición da central a respecto da proposta da consellaría de Educación para a aplicación da LOE en Galiza, nomeadamente no que se refire aos currículos no ensino secundario obrigatorio e as consecuencias derivadas deste proxecto de decreto..

No mes de xaneiro publicábase o decreto de ensinanzas mínimas da ESO . Tras coñecer o seu contido, a CIG-Esnino dirixiuse á consellaría para que intervira diante do Ministerio para modificar esta proposta, a fin de mellorala, pois xa evidenciaba recortes na carga horaria de áreas relevantes na formación do alumnado.

Porén, na Mesa Sectorial do día 5 de marzo, a consellaría presentaba o decreto polo que se regula a ensinanza da ESO en Galiza. Un proxecto que supón un deterioro naqueles aspectos que precisamente se criticaban.

 

Diante diste, CIG-Ensino manifesta que a proposta da consellaría é desafortunada e pouco compensada, se cadra como consecuencia do proceso acelerado co que se levou a cabo, sen dar lugar a un debate sosegado e reflexivo sobre as consecuencias que esta tería:  a área artística redúcese ao mínimo, a área lingüística amplíase até o 36% do total, introducindo unha segunda lingua obrigatoria nos tres primeiros cursos da ESO e relixión incrementa o mínimo exixido fixado polo MEC, tendo maior carga docente que tecnoloxía, música e educación plástica e visual.

Educación para a Cidadanía incrementa un 50% ese mínimo; mentres que materias como tecnoloxía redúcense de 7 a 4 horas e a música e a plástica de 5 a 3. Créanse ademais dúas novas asignaturas : proxecto interdisciplinar e iniciativa emprendedora que abordarían aspectos que terían que tratarse de forma transversal tanto nos valores e actitudes que se pretenden inculcar como na orientación práctica e profesional que se lle debería dar ao ensino.

A proposta de CIG-Ensino é que Tecnoloxía pase de 4 a 6 horas; música pase de 3 a 4 horas e plástica de 3 a 5 horas. Para iso, proponse reducir unha hora da materia de Educación para a Cidadanía, a supresión da nova asignatura denominada proxecto interdisciplinar, dado que debería ser de aplicación transversal; recuperar 2 horas da 2ª lingua estranxeira que ten previstas 6 e deste xeito pasaría a 4.

Alén diso, CIG-Ensino aínda que considera que a materia de relixión non debería formar parte do currículo escolar, entende que unha vez que está nas ensinanzas mínimas obrigatorias, non é lóxico que a consellaría lle incremente máis o seu horario. Por iso, proponse que se manteña o mínimo obrigatorio.

 

Segunda lingua

A este respecto CIG-Ensino entende a ESO como un ensino integral no que non se pode abandonar ningunha das dimensións que hoxe teñen relevancia na vida social, como a área tecnolóxica ou artística. Por iso, non opóndose a que haxa unha segunda lingua obrigatoria considera que a súa implantación debe facerse dunha forma máis matinada para que non provoque unha distorsión no conxunto das materias que son imprescindíbeis para garantir esa formación integral.

Diante desta situación CIG-Ensino está a convocar asembleas entre o profesorado para darlle resposta a este despropósito. Ademais, iniciará unha recollida de sinaturas e vai solicitar entrevistas cos grupos parlamentarios que sustentan o goberno, BNG e PSOE, agardando que a consellaría reconsidere a súa postura.

 

Recollida de sinaturas e Manifestación

A CIG-Ensino está a recoller sinaturas entre o profesorado para pedirlle a Consellaría que reconsidera a súa postura de pecharse a abrir negociacións pola carga horaria diante dos problemas que se presentaron.

Volver