Uns orzamentos que siguen na liña de precarización do emprego e asfixia da investigación

A CIG valora moi negativamente os Orzamentos Xerais do Estado

A CIG valora moi negativamente os Orzamentos Xerais do Estado para 2014 xa que manteñen a aposta por unha taxa de reposición do 10% para os corpos de funcionarios e un investimento raquítico en investigación sustentado fundamentalmente en préstamos reembolsabeis.

A lei de orzamentos volve a incluir unha limitadísima taxa de reposición de efectivos para o profesorado das universidades. Tan só se poderá repoñer o 10% das vacantes que se produza (1 de cada dez xubilacións ou baixas definitivas).   Só se autorizan contratacións temporais cando sexa posibel motivar "necesidades urxentes e inaplazabeis" polo que volve a pecharse a porta a calquera tipo de estabilización laboral en prazas fixas nas universidades -profesorado contratado doutor- coas implicacións que iso ten de consolidación da precariedade no emprego e de falta de expectativas profesionais. 

Impídese, ademáis, que se progrese na carreira académica xa que ao non acceder a prazas estabeis o profesorado máis novo non pode dirixir proxectos, pedir sexenios...coutando o seu desenvolvemento académico.

En investigación 2014 tampouco vai ser o ano da ciencia nos orzamentos.  Moi lonxe da chamada realizada na Carta por la Ciencia, nin hai un aumento significativo dos fondos -71 millóns frente aos 636 que se reclamaban- nin se corrixe o rumbo ocultando detrás dos créditos reembolsabeis a estrepitosa caída no financiamento da investigación.

Dos 5.633 millones orzamentados 3.383 millones corresponden ao capítulo de préstamos. O grao de execución destes préstamos é baixísimo polo que a súa inclusión orzamentaria crea unha ficción de financiamento. Como mostra do orzamentado en 2012 non se executou nin o 50%.  Parece claro que nun sistema de investigación en precario sen prácticamente outras achegas que as públicas parece dificilmente sostibel pretender financiar a investigación con base a préstamos reembolsabeis.

A media de gasto en I+D na UE está no 2% e no Estado español non chega ao 1,3%. En Galiza os datos son aínda piores e non alcanza o 1%.
O pequeno aumento de 71 millóns de euros será íntegramente para o gasto en I+D militar xa que este pasa de 363 millóns en 2013 a 506 millóns de euros no vindeiro orzamento o que se enmarca nunha escalada do gasto militar tanto pola vía dos orzamentos como das modificacións extraordinarias de crédito (1459 millóns de euros en 2013) para enxugar a tremenda burbulla de gasto en defensa.


Volver