Universo LGBTIQ+ nas Artes Escénicas Galegas Actuais
Material didáctico para traballar a diversidade LGBTIQ+ nas aulas
Como cada ano no mes do orgullo a CIG-Ensino achega ao profesorado unha proposta didáctica para o alumnado. Nesta ocasión presentamos un texto e un vídeo onde o dramaturgo galego e profesor de Dramaturxia na Escola Superior de Arte Dramática de Galiza, Afonso Becerra, comenta pezas recentes de artes escénicas con perspectiva LGBTIQ+.
Becerra fai afirmacións tan interesantes como as seguintes:
“É necesario facer visible a diferenza, sobre todo cando esa diferenza implica unha marxinación histórica contra lesbianas, gays, bisexuais, transexuais, intersexuais e persoas queer. Ou sexa, contra todas aquelas persoas que non nos identificamos coa tendencia hexemónica e maioritaria da norma heterosexual do patriarcado, na que somos educades desde que nacemos.”
“O máis bonito dos escenarios é que nos permiten non só imitar as realidades que nos rodean, xogar con elas para poñer o foco en aspectos sobre os que queremos chamar a atención dunha maneira emocionante e que faga pensar á xente. Ademais, tamén podemos crear mundos e facer que algunhas utopías poidan realizarse enriba dos escenarios.”
Animámosvos a traballar con este material xunto ao voso alumnado e a reflexionar arredor dos comentarios desta atractiva escolma de pezas que se recollen:
‘Elisa e Marcela’ d’A Panadaría
‘Microspectivas dun marica millennial’ de Incendiaria
‘Mosca’ de Gustavo del Río – Ártika Teatro
‘Menu-do dia’ do Colectivo CBV
‘Metodoloxías carroñeiras para corpos invertidos’ de Colectivo VACAburra
‘Blondi’ de David Loira
‘Nó’ e ‘Intempestiva’ de Elahood
‘BAqUE’ de Gaya de Medeiros
‘Contos invertidos’ de Nicolás Otero
‘Non obstante, Life Is a Cabaret, As You Know’ de Alopro
‘Unha rosa entre as pernas’ de TEP – Teatro En Punto
‘Ceibe’ de Fran Sieira Danza
Ligazón ao texto
Ligazón ao vídeo completo
Vídeo Completo
A CIG-Ensino crítica coa ausencia de data concreta no calendario escolar para a conmemoración da diversidade de xénero e afectivo-sexual
A CIG-Ensino cre na importancia da reivindicación do día do orgullo LGBTIQ+, nas rúas e nas aulas e ano tras ano denunciamos que todas as conmemoracións orientativas teñen unha data concreta no calendario escolar: un día, unha semana, todas agás a diversidade de xénero e afectivo-sexual.
A proposta que a CIG-Ensino traslada á administración educativa reiteradamente é que se busque unha data alternativa ao 28 de xuño, por quedar esta fóra do período lectivo, logo de tela pactado con colectivos e entidades de longa traxectoria de loita polos dereitos neste eido.
É responsabilidade da Consellería de Educación impulsar a visibilidade e a normalización da diversidade LGBTIQ+ nos nosos centros de ensino e ocultando esa data está actuando na dirección contraria.
A instrución do 6 de setembro de 2019 para a elaboración de Plans de igualdade nos centros educativos recolle que un dos apartados de dito plan será “a análise da situación do centro en relación coa LGTBIfobia e un dos obxectivos coeducativos a intervención nos casos que se detecten”.
Mediante dita instrución a Consellería de Educación obriga aos centros a elaborar e actualizar un Plan de Igualdade, condicionando á voluntariedade do profesorado asumir a responsabilidade da coordinación da área de Igualdade, sen liberación horaria, compensación económica nin de puntuación a efectos de CXT e despreocupándose de facer apoio na súa aplicación e seguimento.
Poñendo estes recursos ao alcance de toda a comunidade educativa pretendemos fornecer de material para traballar a coeducación nas aulas e contribuír a encher o baleiro que deixa a administración educativa.
Novas relacionadas