Unha vez máis, a posta a disposición de material educativo en galego depende da voluntariedade do profesorado e non da acción da Consellaría de Educación

Como xa vimos denunciando a Xunta non se preocupa de que existan contidos formativos on line na nosa lingua e nin sequera de que o material que elabora o profesorado durante as licenzas por estudos estea nestes momentos dispoñíbel.

A maiores dos contidos cos que está fornecendo o profesorado ás familias, están a xurdir iniciativas do profesorado que se suman a outras particulares xa existentes para facilitar a continuidade de certa “actividade académica” na casa, tendo en conta que moitas nais e pais teñen que compatibilizar o (tele)traballo co coidado das crianzas. Mentres tanto, a Consellaría ou a CRTVG están ausentes na súa obriga de proporcionar contidos educativos na nosa lingua que lle cheguen a toda a poboación galega a través deste medio, dado que o acceso a Internet está lonxe aínda de ser universal no noso país. Moitas docentes están constatando estes días como existe unha disparidade de recursos e de manexo das ferramentas informáticas por parte do alumnado e das súas familias, o que dificulta o seguimento das tarefas on line e crea diferenzas entre este colectivo.

Aínda que para a CIG-Ensino a prioridade nestes momentos é controlar a emerxencia sanitaria na que nos atopamos por mor da expansión do COVID-19, a situación de confinamento da poboación está a poñer en evidencia a nosa constante denuncia da actitude de desleixo que mantén a Xunta de Galiza ao respecto do noso idioma. Namentres que outras institucións públicas como o Ministerio de Educación e Formación Profesional ou o Departamento de Ensenyament catalán veñen de anunciar que se poñen en aberto, tanto a través de páxinas web como de canles públicas de televisión, contidos curriculares que lles permitan ás familias e alumnado continuar con certa actividade académica mentres dure esta situación de confinamento, en Galiza nin a Consellaría de Educación nin a CRTVG deron até o momento ningún paso neste sentido. Así, cremos que é moi importante que a TVG, que é un medio que si chega a toda a poboación, non como lamentabelmente ocorre con Internet, cumprira a función de servizo público que lle corresponde nun momento de emerxencia social. Unha vez máis, todas as iniciativas que pretenden fornecer de contidos educativos en galego en todas as especialidades e para todos os niveis responden ao voluntarismo ou ben do colectivo docente ou de persoas e entidades particulares. De feito, na guía que vén de publicar a Consellaría de Educación para facilitar o teletraballo do profesorado, dos once espazos que se mencionan para a consulta de recursos educativos xa elaborados, só un depende do departamento galego, que é o repositorio de contidos espazoAbalar. O resto ou ben dependen do Ministerio ou doutras organizacións internacionais, polo tanto non contan con recursos no noso idioma. O resto da guía compleméntase con instrucións para elaborar materiais adaptados á educación a distancia. 

Desde a CIG-Ensino instamos á administración galega a que mobilice os recursos existentes e que, cando menos, favoreza que aqueles materiais que foron elaborados polo persoal docente durante as licenzas por estudos se poñan a disposición en aberto de todo o profesorado interesado en acceder a el. Así mesmo, lembramos a necesidade de que a administración educativa aposte pola creación de contidos audiovisuais e interactivos na nosa lingua porque sabemos que poden ser un bo recurso formativo complementario para o alumnado e as familias non só nesta situación extraordinaria senón tamén no día a día. Así mesmo, lembramos que a CIG-Ensino vén de poñer en aberto os materiais dos cursos de formación que teñen que ver coa creación de contidos mediante o uso das TIC´s para que o profesorado poida consultalos e adaptalos á docencia telemática que se nos require estes días. 

Recursos na web

Así mesmo, fixemos unha pequena e rápida recompilación dos recursos dispoñíbeis na rede que poden ser de interese tanto para o profesorado como para alumnado e familias durante este tempo de permanencia nos domicilios. Hai que ter en conta que este non é un traballo exhaustivo e que seguramente moitas docentes coñezades outros recursos da vosa especialidade ou para as distintas etapas educativas pero intentamos recoller aqueles sitios que precisamente estes días están a poñer a disposición novos materiais aproveitando o cancelo #euquedonacasa ou #culturanacasa. Moitos son iniciativas de docentes, pero outros de colectivos de creadoras e creadores, entidades privadas:

- AS-PG

Aulas Galegas.

- Alí Alí. Recursos en galego para a educación infantil.

- Carta Xeométrica.   Retallos de matemáticas.

Matemáticas na rúa 

- Proxecto Xeoclip

- Kidblog.org/lingua e Kidblog.org/imersion

- Kalandraka TV.

- Novo cinema galego

- Cantos e contos desde o poleiro. Urdime

- Pandemia de contos. Colectivo NOGA (Narración Oral Galega)

- Palabra de Gatsby do crítico literario David González.

- Salón do libro do Concello de Pontevedra.

- Leandro Lamas e os seus debuxos por pasos.

- Certame de radioafeccionados para crianzas.

- Festival de poesía Alguén que respira.

- Asociación galega do libro infantil e xuvenil

- Museo Provincial de Lugo.

- Tradescola e Asociación de Gaiteir@s Galeg@s

- Ciclo de Músicas de Sofá e Orgullosas do noso.

- Aulas de baile con  Artur Pastoriza Puga 

- Crea, Asociación de Directores, Realizadores e Guionistas de Galicia.

Se nos queres axudar a enriquecer esta listaxe con máis enderezos e recursos ponte en contacto con nós a través do enderezo: galiza@cig-ensino.gal

Volver