Unha vez máis a Consellaría de Educación exhibe o seu desprezo pola nosa lingua
A dez días de remate do curso, acaba de comunicarlles aos equipos a contía da axuda para a realización de actividades de normalización lingüística durante o curso que xa remata
Pouco, moi pouco, poden facer estes centros coa axuda concedida, unha axuda que para máis do 57,5 % dos centros, 499 centros que atenden a máis de 118.500 alumnos e alumnas, non supera os 350 € (a contía máxima concedida é de 800 € a catro centros). Por iso, a maior parte do traballo ten que ser levado adiante coa enorme voluntariedade e imaxinación do profesorado dos equipos.
A convocatoria de 2017 tampouco tivo en conta as recomendacións máis básicas:
- Publicación no inicio de curso (non se publicou até o 18 de xaneiro)
- Resolución o antes posíbel, como moi tarde no inicio do segundo trimestre (como vemos, publícase a dez días do final do curso)
- Incremento das axudas de xeito que signifiquen unha dotación real e efectiva para o desenvolvemento de actividades nos centros (a Consellaría mantén a redución orzamentaria de máis do 60% que desde hai anos sofren os centros públicos).
Estamos ante un sutil mecanismo de paralización do importante labor dos equipos de normalización. A Consellaría sabe que os equipos non poden programar as actividades sen coñecer a contía das axudas, de aí a súa tardía publicación, e sabe tamén que a súa continua redución é un importante impedimento para deseñalas e desenvolvelas.
A CIG-Ensino denuncia esta situación e esixe:
- Incremento das contías das axudas aos Equipos de Normalización de maneira que sexa unha axuda real.
- Publicación da convocatoria co inicio do curso e resolución o antes posíbel, de xeito que as axudas sexan efectivas e permitan o deseño e a convocatoria de actividades que incidan no proceso de normalización da nosa lingua.