Unha sentenza pon en dúbida o sistema de avaliación dun tribunal nas oposicións docentes

Obriga a repetir a corrección das probas cun novo tribunal

Un xulgado vén de estimar unha demanda dun opositor, defendido pola asesoría xurídica da CIG-Ensino, poñendo en cuestión o resultado do proceso selectivo ao entender que a avaliación foi realizada sen motivación e con dúbidas razoábeis sobre a imparcialidade do tribunal

A sentenza do xulgado recolle o procedemento seguido polo tribunal, que como única motivación ofrecida para non aprobar a un opositor, transcribe literalmente os criterios de avaliación previamente estabelecidos e engade a palabra “non”. Na sentenza dise que non ofrece a máis mínima explicación das razóns concretas polas que non se cumpren os criterios, que é unha indicación idéntica e xenérica para todos os opositores e que non analiza ningún dos exercicios. 

Na sentenza afírmase que se incumpre a esixencia de expresar porque a aplicación dos criterios de avaliación conduciron ao resultado individualizado e critícase que non “concreta o material ou fontes de información sobre os que opera o xuízo técnico do tribunal”, algo que era exixíbel xa que o opositor demandante así o reclamou no recurso de alzada contra a publicación da listas de persoas aprobadas.

A conclusión do xuíz é que aínda que “non se pode ter plenamente acreditado que a avaliación como non aprobado fose arbitraria o certo é que foi inmotivada e existen dúbidas sobre a imparcialidade do tribunal”. Por tanto, a sentenza ordena retrotraer o procedemento selectivo ao momento da cualificación dos exercicios e que o faga un novo tribunal. A sentenza pode ser recorrida perante o TSXG e a CIG-Ensino reclámalle á Consellaría que a acate e considere as fundamentación da demanda e do fallo para estabelecer criterios comúns a todos os tribunais baseados na transparencia.

Mellores condicións para os tribunais e maiores garantías para o proceso selectivo

A CIG-Ensino xa defendeu na Mesa Sectorial, con independencia da nosa oposición ao actual modelo de ingreso na función pública docente, que había que introducir melloras cualitativas no desenvolvemento do proceso de concurso-oposición, comezando pola extensión do anonimato das probas sempre que fose posíbel.

Entre as medidas propostas pola CIG-Ensino está a de tribunais compostos na súa totalidade por docentes seleccionados por sorteo ou cando menos, mentres se manteña o inmobilismo da Consellaría no nomeamento das presidencias, evitar que repitan as persoas nomeadas a dedo pola administración ano tras ano, máis se cabe nos casos onde nos seus tribunais tiveron conflitos, sexa polo número de persoas aprobadas ou polas numerosas reclamacións no tribunal.

As condicións que se lle exixen aos tribunais (escasa marxe de tempo, número moi elevado de aspirantes, …) non favorecen en absoluto que poidan desempeñar correctamente o seu labor. De aí que desde a CIG-Ensino propuxeramos a redución de aspirantes por tribunal e a realización do baremo por unha comisión técnica para que o tribunal puidese ter máis tempo para atender as funcións centrais que lle corresponden na avaliación da fase de oposición. Estas medidas tamén axudarían a dar resposta a unha vella demanda sindical, a obriga de dar resposta ás solicitudes e recursos que as persoas aspirantes poidan presentar contras as correccións e puntuacións das probas.

É obvio que o proceso debe ser absolutamente garantista, ao estar en xogo obter un posto de funcionario ou funcionaria de carreira, e xa denunciamos en anos anteriores que determinadas actuacións dalgúns tribunais estendían unha sombra de dúbida sobre o proceso. 

A sentenza que os servizos xurídicos da CIG-Ensino veñen de gañar é un exemplo disto. A Consellaría ten na súa man favorecer que o proceso se desenvolva en mellores condicións, tanto para quen se examina como para quen ten a responsabilidade de formar parte dos tribunais. Até agora o goberno galego negouse a facelo. A CIG-Ensino fai novamente un chamamento á administración educativa galega para que non se repitan situacións como as descritas na sentenza e que poña á disposición dos tribunais todos os recursos necesarios para facilitar o seu traballo. Ao tempo, o sindicato agarda un cambio na política de oposicións da Xunta e a asunción das demandas expresadas pola CIG-Ensino para próximas convocatorias. 

Volver