Unha sentenza do TSXG gañada pola CIG-Ensino exime da responsabilidade de recepción de alimentos do comedor escolar á dirección dos centros docentes
O alto tribunal galego critica que a Consellaría obrigase a dirección dun colexio a efectuar esas funcións para se aforrar custes superiores no persoal de cociña.
Desde a CIG-Ensino demandamos que a Consellaría proceda a dar instrucións precisas a todos os centros para evitar novas “desviacións da potestade de organización” por parte dos responsábeis políticos territoriais, modificando se é preciso a normativa actual cos criterios fixados nesta sentenza.
Unha sentenza do TSXG vén de confirmar unha resolución previa dun xulgado vigués na que se recoñecía o dereito da persoa á fronte da dirección dun CEIP a non se facer cargo da recepción dos alimentos do comedor escolar. Igualmente afirma que, malia que a responsabilidade administrativa da contratación de subministros depende da dirección, as decisións sobre que produtos son necesarios mercar correspóndelle ao persoal de cociña. O tribunal tira abaixo deste xeito a imposición unilateral do Xefe Territorial de Pontevedra de obrigar a que fose a directora dun centro a que tivese que estar pendente de recibir os provedores e as mercadorías para o comedor escolar. Esa imposición veu acompañada pola prepotencia, xa que a desde a xefatura territorial non contestaron inicialmente ao escrito que desde o centro se lle remitiu solicitando aclaracións sobre a responsabilidade e funcións da dirección, o que obrigou a directora a presentar unha demanda a través dos servizos xurídicos da CIG-Ensino.
A Consellaría argumentaba a súa decisión no problema que se presenta coas funcións que lle corresponden ao persoal de cociña. Así, na meirande parte dos centros non se conta con Oficial de 1ª e existe xa reiterada xurisprudencia que lles recoñece o dereito aos Oficiais de 2ª a cobrar por realizar funcións de categoría superior, pagamento que a Consellaría pretende evitar a todo custo.
Na sentenza cabe salientar que o xuíz repróchalle claramente á Administración Educativa que faga recaer no colectivo docente responsabilidades que lle corresponden ao persoal de cociña por cuestión puramente economicistas. Así, afírmase que “o intento da administración autonómica de eludir os custos que suporía contar con persoal de cociña de categoría superior para realizar determinadas funcións non pode amparar a atribución desas funcións específicas de cociña aos/ás directores/as ou persoal encargado do comedor, supoñendo un uso desviado da potestade de organización, ademais dunha atribución indebida a quen nin ten a formación técnica precisa en materia de manipulación de alimentos nin debe asumir a responsabilidade propia dun cometido do persoal de cociña”.
Desde a CIG-Ensino criticamos o que consideramos un abuso de autoridade do xefe territorial de Pontevedra ao impoñer unhas funcións que non son propias do persoal docente, sexa membro da dirección ou responsábel do comedor. De novo, a cobiza da Consellaría lévaa a sobrecargar de traballo o colectivo docente para se aforrar o lexítimo complemento que debería cobrar o persoal de cociña por realizar esas funcións.
Por tanto, a sentenza aclara, tendo en conta a lexislación vixente, cales son as funcións que lles corresponden tanto a dirección como ao persoal de cociña. Así estabelécese que:
Correspóndelle á dirección do centro a programación dos menús de 4 a 6 semanas segundo as bases que estabeleza o Consello Escolar, tal e como aparece na Orde do 21 de febreiro de 2007 (artigos 12.2 e 11.1)
- É a dirección do centro a que ten que facer as contratacións do subministro, pero correspóndelle ao persoal de cociña decidir que produtos son necesarios para o servizo.
- A recepción dos pedidos é función exclusiva do persoal de cociña, o único coa formación necesaria para poder comprobar a calidade e o estado dos alimentos.
Desde a CIG-Ensino demandamos que a Consellaría proceda a dar instrucións precisas a todos os centros para evitar novas “desviacións da potestade de organización” por parte dos responsábeis políticos territoriais, modificando se é preciso a normativa actual cos criterios fixados nesta sentenza.