Unha sentenza avala a obriga de cursar Relixión no Bacharelato para poder elixir Robótica

O xulgado do Contencioso Administrativo número 2 de Compostela desestimou unha demanda dunha familia que pedía a anulación da matrícula dun alumno de 1º de Bacharelato que se viu nesta situación

O auto tamén exime de toda responsabilidade a Xunta de Galiza malia ser esta a que publicou o Decreto de 2015, que emana da LOMCE e que regula as materias que se deben cursar como específicas en 1º de Bacharelato. Esta mesma situación tamén se dá co alumnado que escolle Coeducación para o século XXI nese mesmo curso.

A CIG-Ensino lamenta que o xuíz encargado de ditar esta sentenza asuma como “natural” que se teña que prescindir obrigatoriamente de Robótica se non se quere cursar Relixión católica e desbote os argumentos achegados na demanda que aludía a que a obriga de optar pola Relixión para poder elixir Robótica vulnera o dereito fundamental á educación, en relación cos dereitos fundamentais de liberdade ideolóxica e de igualdade. Neste sentido, a fundamentación da denuncia contra o acto de matrícula materializado no curso 2017/2018 baseábase en que “o alumnado con conviccións relixiosas católicas poderá cursar todas as materias do currículo escolar, mentres que o alumnado que queira ver respectadas as súas conviccións verá restrinxida a súa capacidade de elección, dispoñendo dunha oferta curricular menor”. A denuncia fíxose a iniciativa da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público e contou co asesoramento da asesoría xurídica da CIG-Ensino.

A conclusión do auto non pode ser máis clara: se non se quere cursar Relixión hai que renunciar á Robótica, o que desde o punto de vista do sindicato implica unha clara discriminación con aquel alumnado, que no Bacharelato é claramente maioría, que non desexan ter clase de Relixión. 

No auto atribúese a responsabilidade desta situación exclusivamente á configuración da oferta formativa dos centros educativos, sen ter en conta que a norma que regula o currículo de 1º curso de Bacharelato emana da LOMCE e que a Consellaría de Educación tamén tería potestade para modificar esta cuestión. No citado Decreto 86/2015 especifícase que Relixión católica é a única materia específica cunha carga lectiva dunha hora semanal e que o total de horas que deben sumar as materias específicas de opción e as de libre configuración neste curso é de seis horas semanais, tendo que cursar o alumnado un total de tres. Pola súa parte, Robótica, Antropoloxía ou Coeducación para o século XXI, por exemplo, son materias de libre configuración autonómica que, segundo as Ordes da Xunta que as regulan, teñen unha carga lectiva de dúas horas semanais. Así pois, e dado que os centros teñen que ofertar, sempre que teñan matrícula suficiente, todas as materias específicas (que teñen disparidade horaria chegando algunhas a catro horas semanais), calquera estudante que opte por algunha das materiais de libre configuración autonómicas terá que completar obrigatoriamente as seis horas con Relixión católica. Esta situación, como ten denunciado a CIG-Ensino en reiteradas ocasións solucionaríase cunha regulación de carga horaria diferente das materias de libre configuración autonómica. 

A relixión fóra das aulas 

En calquera caso, e dada a negativa a introducir ningún cambio por parte da Consellaría de Educación, a CIG-Ensino insiste na necesidade de derrogar a LOMCE canto antes por afianzar a presenza e o valor académico da Relixión católica nos currículos da ESO e do Bacharelato. Desde o sindicato defendemos un ensino laico, igualitario, inclusivo e con perspectiva de país e non nos cansaremos de seguir reivindicando que a relixión se manteña fóra das aulas.

CIG Informa sobre a sentenza que obriga a cursar Relixión se se escolle Robótica

Documento


Volver