Unha sanción pasa de 15 meses a 15 días: ou de como hai que facer fronte ao sector ultra da Inspección cando se excede nas súas funcións.

A CIG-Ensino considera que a Consellaría de Educación e as Xefaturas territoriais deberían controlar os abusos de poder que se teñen producido por parte dalgúns inspectores de educación

Unha sentenza gañada pola CIG-Ensino vén de tirar abaixo a instrución e a resolución dun expediente disciplinario a unha profesora que só se pode entender como unha auténtica persecución e represión froito dunha extralimitación do que deben ser as funcións da inspección educativa. Desgraciadamente, o lamentábel papel da Inspección non foi corrixido e censurado polo Director Xeral de Centros e Recursos Humanos, cando tivo ocasión de facelo.

Desde hai anos, a CIG-Ensino asesora e defende a persoas que foron e están a ser vítimas destes abusos de poder. Un caso claramente paradigmático é o dunha profesora á que, despois de poñer en coñecemento da inspección unha actuación irregular dunha persoa do seu centro, como directora que era, foi ela o obxecto da investigación, apertura de expediente e sanción desproporcionada. A profesora viu como se revisaba a totalidade da súa traxectoria de trinta anos, sometida a unha investigación case policial mentres esta organización sindical non ten coñecemento de que a persoa infractora, contra a cal existía probas documentais, fose expedientada en momento ningún.

A investigación da totalidade da vida profesional dunha docente, cando esta, no exercicio das súas funcións, pon en coñecemento dos seus superiores o que sucede no seu centro, só pode ser interpretada como un afán sancionador contra unha persoa que ao longo dos anos deu mostras dun compromiso claro con posicións claramente progresistas e críticas, algo que inspectores como os que actuaron neste caso, de probada e pública ideoloxía conservadora e mesmo ultraconservadora, non poden tolerar. Se calquera docente ou traballador en xeral fose sometido a unha revisión coa porfía e desproporción coa que se fixo esta investigación, seguramente se sentiría acosado e con probabilidade tamén se atoparía algunha incorrección sen importancia, sobre todo se exerceu cargos de responsabilidade.

A realidade é que o funcionamento da Administración, como vimos de comprobar novamente, deixa no desamparo aos cargos directivos e ao profesorado que, en moitas ocasións, deben tomar decisións seguindo instrucións que, ao non estar estritamente recollidas na norma, acaban por se volver en contra do funcionario ou funcionaria a quen se lle esixe que as cumpra. Neste caso ao que nos referimos, puidemos comprobar como se recolleron como feitos sancionábeis, actuacións das que a Xefatura Territorial de Pontevedra tiña coñecemento, mais que, cando lle conveu, decidiu facerse a descoñecedora para castigar a docente.. Esta situación advírtea a sentenza do Contencioso Administrativo que, en resposta da demanda dirixida polos servizos xurídicos da CIG-Ensino, anula unha das faltas que se lle querían impor á profesora e modifica drasticamente a segunda, reducíndoa a quince días. Unha situación moi diferente da que deseñaba o instrutor do expediente, outro inspector sobre o que a CIG-Ensino expresou as súas queixas na XefaturaTerritorial no seu día, que solicitaba un total de 15 meses de suspensión de emprego e soldo, máis dun ano de sanción.

Non é a primeira vez que algúns destes inspectores de Pontevedra se extralimitan nas súas funcións impoñendo medidas non xustificadas ou investigando a quen contacta con eles para buscar solución a un problema no centro, en lugar de corrixir o problema. Tivemos exempos como foron a modificación de acordos claustrais ou a investigación á equipa docente dun colexio que emitira unha queixa dunha traballadora do centro.

Neste momento, o mesmo inspector que podemos atopar relacionado con todos os casos anteriores, iniciou o trámite dun expediente contra unha profesora de longa e recoñecida traxectoria, que estaba a piques de se xubilar, entre outros motivos porque non lle gustou a forma en que se dirixiu a el. Para reprendela, apareceu un día no centro con outro inspector e sometérona en privado e sen que puidese acompañala ninguén a un interrogatorio do que inicialmente non lle querían dar copia da acta, ante o que a compañeira tivo que mencionar que recorrería á asesoría xurídica do sindicato. Estas son as formas duns inspectores que, á hora da verdade, non actuaron coa mesma dilixencia para resolver o problema que tiña o centro, mais si que reaccionaron de maneira punitiva cando se lles retrucou, para facerlle ver cal era o problema.

Estamos pois, diante de persoas que exercen a súa función cunha autoridade excesiva e unhas formas que non son propias da función docente e que translocen a súa ideoloxía ultraconservadora, da que todas e todos podemos ter coñecemento grazas ás redes sociais.

Desde o sindicato lamentamos igualmente que a actuación do Director Xeral de Centros e Recursos Humanos non o levase a paralizar a resolución do expediente cando puido comprobar, porque así llo trasladamos desde a CIG, que a actuación da inspección era totalmente desproporcionada. A claridade  da sentenza sobre a actuación da administración é total e a modificación da tipificación das faltas e a rebaixa de 15 meses a 15 días é o mellor exemplo.

A CIG-Ensino esixe que se reproben estas condutas e que se modifiquen inmediatamente. Esta organización sindical non permitirá que determinadas concepcións ideolóxicas marquen a axenda de traballo dun funcionariado que ten como cometido procurar a boa marcha do ensino. A inspección debe estar para colaborar no bo funcionamento do noso traballo docente e para revolver os problemas que docentes e alumnado poidamos ter. Nin para ser brazo político da administración nin para dar renda solta aos seus complexos persoais ou ideolóxicos. 

O noso compromiso coa defensa do profesorado seguirá a chegar onde faga falta e seguiremos mantendo o control sobre calquera posíbel abuso de autoridade que se poida producir por quen pensa que co nomeamento de inspector lle puxeron ao lado unha placa de policía ou unha licenza para sobrepasar calquera límite.

 

CIG Informa sobre sentenza do abuso da inspección

Volver