Unha reunión que chega 6 semanas tarde e non abre expectativas de cambio na Consellaría de Educación

As organizacións sindicais agardamos case un mes e medio para que a máxima responsábel en materia educativa mantivese unha reunión moi demandada e que se limitou a un acto unicamente formal que só tería sentido que se producise ao inicio do confinamento

 

Lonxe queda xa a comparecencia e ameaza de peche que a CIG-Ensino se veu forzada a promover cando, en plena entrada en vigor da emerxencia sanitaria decretada pola Xunta, coa conseguinte suspensión das aulas e o peche dos colexios, a Consellaría actuaba despótica e unilateralmente cunha instrucións que obrigaban, sempre que así o determinasen as direccións, a que todo o profesorado fose a uns centros docentes baleiros.

Logo daquelas impresentábeis instrucións, e tras dúas rectificacións máis, a Consellaría deu o brazo a torcer mais en ningún momento convocou ningunha reunión nin promoveu ningún intercambio ou contraste de pareceres coas organizacións sindicais como representación do profesorado. Nin tan sequera cun tema tan sensíbel como todo o relacionado coa desinformación absoluta ao respecto do final de curso escolar. As oposicións foi outro claro exemplo dun comportamento dunha administración desacomplexadamente autoritaria.

Un acto protocolario, nada máis.

A reunión convocada pola conselleira, sen orde do día, foi deseñada como exclusivamente protocolario para dar resposta ás innumerábeis críticas por unha xestión feita de costas ao conxunto da comunidade educativa e especialmente do profesorado. Neste sentido, non serviu para nada mais que para que poidan marcar na axenda política que “se reuniron con sindicatos e ANPAs”.

Logo dunha intervención inicial de 50 minutos de Pomar na que se limitou a repasar a súa intervención en sede parlamentaria da véspera, abriuse unha rolda de intervencións limitadas a 5 minutos e sen dereito a réplica, o que un exemplo de como se deseñou a reunión por parte do equipo da Consellaría.

A única novidade da reunión foi o anuncio da convocatoria dunha Mesa Sectorial para a semana próxima para falar das oposicións. Tendo en conta isto, diferentes aspectos propios dese ámbito de negociación reservámolos para esa reunión, con independencia de que a CIG-Ensino xa ten uns criterios claros ao respecto, especialmente no tema das oposicións e que apuntamos brevemente.

OPOSICIÓNS. Criticamos a xestión feita coas oposicións e o uso partidista e electoral delas, mantendo unha tensión improcedente con miles de persoas. Logo do anuncio de onte de aprazalas, demandamos a convocatoria urxente dunha Mesa Sectorial para negociar as condicións do aprazamento, xa que non nos convenceron as declaracións da conselleira, ao non se asegurar que se engadirán no 2021 todas as prazas necesarias. Non vemos ben, a non ser que haxa un acordo que se traslade a unha orde, o anuncio de manter os prazos de inscrición, como xa anunciamos no día de onte.

ACLARACIÓN E NEGOCIACIÓN SOBRE CONVOCATORIAS PENDENTES.

O formato desta reunión, non dirixida ao profesorado do ensino público, senón tamén ao ensino concertado e ás nais e pais, non é procedente para tratar temas que ao persoal docente do ensino público lle preocupan. Pensamos no acceso a cátedras, na selección de directoras e directores, nos prazos de matrícula do alumnado, en convocatorias pendentes de publicar (atención preferente, licenzas de formación, PIALE, prazas sometidas a convenio, prazos previstos para solicitar comisións de servizo de saúde e concilia, etc…).

Xa centrados nos temas nos que entramos en maior detalle, a CIG-Ensino centrou as súas demandas nos seguintes puntos:

ORGANIZACIÓN DO QUE QUEDA DO CURSO ESCOLAR. AVALIACIÓN E PROMOCIÓN.

O feito de que a Ministerio teña que publicar a orde que, en virtude das súas competencias, habilite ás CC.AA. para que adapten a promoción de curso en función das condicións extraordinarias provocadas pola covid-19, non pode manter paralizada á Consellaría. Todo o que ten a ver coa avaliación e cunhas pautas e instrucións para o desenvolvemento do curso escolar debería estar xa en mans das equipas docentes para a súa adaptación á realidade que vivimos. Antes de publicar a orde correspondente á promoción, tendo en conta que sería unha modificación transitoria dun Decreto aínda que se fixese con rango de orde, a Consellaría debe someter esa norma a consulta. Entendemos que a urxencia xustifica que non se dean todos os trámites oportunos (mesa sectorial, pleno do consello escolar) mais demandamos que se cree unha comisión con representación, como mínimo, das organizacións sindicais e ANPAs presentes no Consello Escolar de Galiza para ser consultada antes de publicar a norma.   

Para a CIG-Ensino hai varias cuestións que son fundamentais:

  • Instrucións detalladas e diferenciadas por niveis educativos sobre como proceder en función da desconexión do alumnado ou a participación deste na teleformación. A norma ten que ter en conta as diferenzas que hai dentro do ensino obrigatorio mais especialmente entre este e os niveis non obrigatorios.
  • Evitar a carga burocrática. O máis importante neste final de curso é o contacto, o reforzo e o apoio ao noso alumnado. Limitar os informes necesarios a identificar os problemas do alumnado para seguir a actividade a distancia, a afectación que isto vai supoñer e as medidas correctoras que se deberían aplicar para o seguinte curso no caso de que promocionen.
  • Cobertura de vacantes por profesorado substituto. A Consellaría denegou e segue denegando a cobertura de baixas por enfermidade, mesmo de longa duración, así como xubilacións. O único movemento foi afirmar que se cubrirían casos excepcionais. Iso non é apoiar ao profesorado ou recoñecer o se labor. Iso é sobrecargalo de traballo. Hai docentes de ciclos de FP ou de Bacharelato que teñen que atender a alumnado doutros cursos neste momento xa tan saturado de traballo. Demandamos que se cubran todas as prazas que sexan solicitadas polas direccións, porque é de supoñer que a Consellaría se fía delas e que ninguén vai pedir nada que non necesite.
  • Promoción. As conclusións da enquisa promovida pola CIG-Ensino é clara. O profesorado demanda que a norma sexa clara e que a excepcionalidade na promoción non estea vinculada á interrupción das aulas nin se poida penalizar a quen non pode participar, centrándose na evolución do alumnado no curso ou etapa escolar, en función da propia valoración do conxunto da equipa docente. Queremos coñecer as intencións da Consellaría e o borrador que xa ten listo e se nel se fixan diferenzas por etapas educativas ou non.
  • Curso escolar 2020/21. De pouco ou nada vai servir ningún tipo de decisión que se adopte ao respecto da promoción se esta non vén acompañada dun reforzo dos cadros docentes e dunha flexibilización dos agrupamentos. Se se manteñen as ratios, se non se autorizan desdobres, se non se rebaixa a carga burocrática e se dá maior importancia á coordinación didáctica, se non hai un reforzo da acción titorial e da atención á diversidade, o curso que vén non vai poder cumprir os obxectivos de recuperación e de adaptación á nova realidade. A maiores da propia necesidade destas medidas desde a perspectiva pedagóxica, hai unha realidade que a Consellaría ten que ter presente: non sabemos nestes momento como van ser as medidas de adaptación progresiva á vida normal tras o confinamento nin se se pode dar, como se apunta por parte de especialistas sanitarios, un rebrote no outono ou no inverno. Temos aulas saturadas, especialmente nas cidades e concellos limítrofes. En moitos casos os principais problemas dánse en edificios construídos nas últimas décadas, con dimensión máis reducidas nesas aulas. Urxe un plan de continxencia para abordar esta situación.
  • Reforzos, non recortes. As decisións que adopten os gobernos (o español, o galego) para dar saída ás necesidades educativas marcarán novamente se a saída á crise se fai sobre as costas das familias e do profesorado ou en colaboración con este. Todas sabemos que o Estado vai ter que asumir unha débeda pública enorme. Galiza xa ten unha elevada débeda pública e non foi en beneficio do sector público, nin do sanitario nin do educativo. Preocupounos a afirmación da conselleira de que o goberno central podería aplicar recortes no ensino público. Pedimos que se nos aclare esa afirmación e que papel vai xogar este goberno.
  • Coincidimos en que a maior opcionalidade nas probas da ABAU é o camiño a seguir, tendo en conta que o profesorado imparte as materias cunha diferente temporalización ao longo do curso escolar. Urxe que eses criterios estean canto antes nas mans do profesorado de 2º BACH. As garantías sanitarias teñen que ser totais. Debe descentralizarse ao máximo a realización das probas e evitar aglomeracións de alumnado.
  • Formación Profesional. A Xunta vén de publicar hoxe mesmo a resolución que regula o desenvolvemento da FP e vemos que recolle a opcionalidade dos centros para fixar a FCT integrada co módulo de proxecto, realizala até 31 de agosto ou facela no próximo curso. Parécenos correcto. Queremos saber se van adoptar algún criterio sobre a avaliación das perdas de dereito á avaliación continua así como se a norma sobre promoción (fixar ou non un máximo de módulos suspensos) vai ser común á ESO e o Bacharelato ou non.
  • Estudos artísticos superiores. A estrutura destes estudos, propia do ámbito universitario, con cuadrimestres e Traballo de Fin de Estudos, implica necesariamente que as normas que se diten garden relación co que se fai na universidade. Hai que ter en conta que tanto nestes estudos como na FP a titulación implica unha habilitación profesional. Se se produce un retraso e hai que realizar probas en setembro que se faga. O mesmo dicimos para as probas de acceso que non deben coincidir coa ABAU, nin en xullo nin en setembro. É moi probábel que todo isto poda derivar nun retraso do inicio do curso escolar nestes estudos, o que se deberá ter en conta no calendario escolar.
  • Como na ABAU haberá que ter en conta as medidas de distanciamento para a realización das probas, xa que cremos que non se van poder facer on line. Queremos saber se contemplan trasladar as probas de xuño a setembro e estas a outubro, retrasando tamén o inicio do curso a este mes.
  • Ensinanzas de adultos. As probas extraordinarias de abril non se puideron facer e isto supón un problema para alumnado que podería ter aprobado es estaría agora preparando as probas de 4º de xuño. A situación é complexa xa que na ESA practicamente non houbo clases, ao comezar o cuadrimestre a mediados de febreiro. A diferenza da estrutura dos estudos de adultos fai necesaria a adopción de criterios específicos. Ten pensado a Consellaría algunha medida ao respecto?
  • Escolarización de alumnado con discapacidade máis alá dos 21 anos nos CEE. Até o curso anterior cando o alumnado se matriculaba nunha FP Básica se permitía que seguise no CEE máis alá dos 21 anos (existe unha discrepancia entre a norma que regula a FPB e o decreto 229/2011 de atención á diversidade). Este curso non foi así e houbo que habilitar con carácter extraordinario esta opción no CEE Terra de Ferrol. Solicitamos que se revise e se xeneralice.
  • Medidas sociais. Está claro que o envío deses mil computadores aos centros sen ningún tipo de criterio previo foi un claro exemplo de improvisación. Resaltamos o traballo dos centros, especialmente das direccións, á hora de distribuír o material informático co que se contaba nos centros. O que non ten sentido é que a estas alturas non exista un plan de actuación coordinado entre concellos e Xunta para a distribución deste ou doutro material e que dependamos do voluntarismo de persoas ou institucións e non dunha planificación centralizada. Ningún goberno podería, na situación que vivimos e partindo das condicións previas, dar unha resposta perfecta ao caos creado pola pandemia. Non encontrarán crítica da CIG a este respecto. Mais 6 semanas é tempo de abondo para ter xa unha plan detallado e que se poida aplicar xa para chegar ao maior número posíbel de alumnado. A fenda dixital, por desgraza, non se salva con envío de material, porque o problema principal non é de dixitalización do noso alumnado senón de mellora das súas condicións de vida, de superación da fenda social.
  • Aprender para o futuro. Oxalá nunca volvamos vivir unha situación como esta mais é obvio que a experiencia vivida ten que valernos para moito. Por exemplo, no que garda relación con plataformas e recursos para traballar on line. A educación virtual non pode ser espello da presencial e cometeriamos un erro se sacralizásemos agora o que nunca pode substituír un proceso socializador tan importante como é a educación nos nosos centros. A Consellaría debe, iso si, ter un deseño claro de como actuar se algunha vez se produce unha suspensión das clases e evitar que o profesorado se teña que buscar a vida e que o propio profesorado, familias e alumnado toleemos usando varias plataformas e diferentes métodos para impartir teledocencia. Houbo moitas queixas de docentes e alumnado pola plataforma ofrecida pola Xunta.
  • Agradecer, ben. Apoiar e reforzar, mellor. Está ben agradecer o traballo do profesorado, mais o que se precisa é apoio. Tanto hoxe, coas medidas que xa indicamos nas nosas demandas, como no futuro inmediato para poder dar resposta aos problemas e retos que teremos que afrontar no curso seguinte.

Volver