Unha representación da CIG-Ensino mantivo unha reunión co ministro de Universidades

O sindicato maioritario nas universidades galegas dou traslado ao ministro Subirats das demandas sobre a LOSU ao tempo que recibiu información sobre as previsións ministeriais na tramitación da LOSU e o Estatuto do PDI

A reunión, que tivo lugar na sede do Ministerio, implica romper unha inercia que o sindicato denunciara ao respecto do trato recibido no anterior mandato do ministro Castells, ao deixar de ser convocada a CIG ás reunións para tratar sobre o articulado da nova lei. Neste sentido, o sindicato parabenízase da rectificación do Ministerio e agarda que as relacións volvan ao curso que nunca debían ter abandonado, toda vez que a nosa condición de sindicato máis representativo, nos coloca con todo o dereito na mesa de negociacións do futuro das universidades e do seu profesorado.

Na xuntanza participaron Suso Bermello, secretario nacional da CIG-Ensino, e Alba Nogueira, portavoz do sindicato ante o Ministerio de Universidades. Acompañaron ao ministro Joan Subirats o secretario xeral de Universidades, José Manuel Pingarrón e a xefa de gabinete do ministro, Marta Cruells.

O ministro adiantou unha previsión da tramitación da fase actual da LOSU, que está a ser modificada como anteproxecto partindo do documento existente de novembro de 2021:

- Maio: agardan poder ter rematada a actualización do anteproxecto para remitilo ás organizacións sindicais.

- Xuño: previsión de aprobación do proxecto de lei da LOSU no consello de ministros, abrindo os prazos para una posterior tramitación parlamentaria.

- Xuño: en paralelo á aprobación do proxecto de Lei, remisión dunha proposta de Estatuto do PDI e comezo das negociacións coas organizacións sindicais.

A CIG-Ensino fixo fincapé na necesidade de constituír formalmente a Mesa Sectorial de Universidades con antelación a esas reunións. De non ser así, o sindicato propuxo que se continúe actuando coas mesmas regras que os últimos gobernos: convocando reunións de traballo cos sindicatos que, por lei, temos dereito a participar nesa Mesa, estea ou non constituída formalmente.

A CIG-Ensino presentoulle ao ministro as principais consideracións sobre o último texto coñecido da LOSU, que  se ben é certo que introduciu destacadas melloras ao respecto do anterior, aínda mantén importantes elementos que non responden, desde o noso punto de vista, ao que as universidades públicas precisan.

  • Mantén a eliminación da figura de Axudante sen dar unha solución que sirva de pasarela entre os contratos predoutorais (FPI, FPU…) e a figura de Axudante Doutor/a e mantén, con carácter transitorio, que o profesorado contratado non doutor (esa figura pasarela que botamos de menos) poida ser contratado só por un período máximo de tres anos e, por riba, cunhas condicións moi limitantes (contar cunha relación contractual previa de cinco cursos académicos). Sobre este tema os responsábeis ministeriais incidiron en que a súa pretensión é axilizar o paso a axudante doutor desde as figuras predoutoriais, informando de que non existirá acreditación previa.
  • Limita a tres anos a duración do contrato do profesorado substituto, algo que nin sequera cobre, por exemplo, os prazos de substitución dun cargo académico. Esta limitación a tres anos é froito do pacto sindical (CCOO, UGT e CSIF) co Goberno que vén de mudar o EBEP na Lei 20/2021 e implica un incremento da precariedade, xa que, tras o cese obrigatorio de quen leve tres anos no posto, e de persistir a razón que o motiva, habería que facer unha nova contratación cando está claro que as substitucións non se deben limitar no tempo e deben durar mentres non se produza a incorporación da persoa titular. De feito, no texto indícase expresamente que o actual PDI temporal non poderá superar os tres anos de contrato desde a súa entrada en vigor, o que pode provocar o seu despido.
  • Aínda que no novo texto si se recolle, á diferenza do anteproxecto, a actual figura de Profesorado Contratado Doutor (figura que no futuro pasará a denominarse Profesorado Permanente Laboral), non se aborda un proceso de funcionarización a TU, o que serviría para facer unha estrutura da carreira profesional máis sinxela e reforzando a relación funcionarial. En todo caso, e partindo da estrutura actual, debería indicarse expresamente que se poderán convocar prazas de PCD mentres non se desenvolva a nova figura de Profesorado Permanente Laboral.
  • Estabelece normas de carácter básico e homoxéneo para a convocatoria de concursos para o acceso a prazas dos corpos docentes universitarios e de programas de promoción e estabilización que limitan a capacidade de negociación colectiva e de adaptación á realidade de cada universidade. Así acontece cando fixa os criterios para a reserva de prazas para investigadores/as I3 ou profesorado asociado nos casos nos que superen o 15% do total do PDI.
  • O acceso que se fixa para o profesorado asociado, que en moitas universidades foi usado como vía fraudulenta de contratación e ao que agora se lle quere dar unha solución con esa reserva do 15% das prazas, non se propón, por exemplo, para figuras como PDI interino ou de substitución que ocupan prazas estruturais vacantes. Non está nada claro se os procesos extraordinarios fixados na Lei 20/2021 se van aplicar nas universidades para favorecer a estabilización do PDI en abuso de temporalidade.
  • Non se fai ningunha referencia ás taxas de reposición, motivo principal da precariedade e temporalidade na universidade. O Ministerio afirma coincidir co punto da vista da CIG mais alude aos criterios do Ministerio de Facenda, a través de Función Pública, para alegar a imposibilidade de anular a taxa de reposición.
  • Deixa sen regular, unha vez máis, unha carreira profesional que permita a evolución salarial e profesional dentro de cada categoría como sucede en todo o emprego público.
  • Non se inclúe o financiamento básico da investigación na parte estrutural, xa que se mantén fixa nesa parte estrutural que non cobre máis que os salarios e o mantemento dos servizos ordinarios, nunha interpretación cativa do que deben facer “estruturalmente” as universidades. Considérase, en cambio, financiamento variábel por “obxectivos”, e por tanto inestábel, toda a actividade de mellora da calidade da docencia e de investigación. De forma incoherente con esa non consideración como algo estrutural do gasto en investigación, establécese unha nova obriga para as universidades de dedicar un 5% do seu orzamento a programas propios de investigación.
  • Non existe ningún remedio para a ampla inestabilidade coa que subsiste a maior parte da actividade investigadora nas universidades ligada a convocatorias irregulares nos prazos, ríxidas nas fórmulas de xustificación e contratación. A lei non integra previsións específicas para solucionar sen parches os problemas singulares que ten a contratación pública na investigación.
  • Aínda que se elimina a parte máis antidemocrática da dualidade na elección de reitora ou reitor ou a capacidade deste de controlar os nomeamentos de decanatos, mantén un único mandato de seis anos, cando o lóxico sería manter un mandato de catro anos como na actualidade (cun máximo de dous mandatos).
  • O texto mantén unha supervisión autonómica da contratación de profesorado que ralentiza as convocatorias.
  • Mantén unha serie de funcións do Consello Social (decisións económicas, creación de centros, asignación de complementos retributivos) que limitan a capacidade do Claustro e do Consello de Goberno en temas nos que estes órganos deberían decidir, limitando moitos trámites de supervisión económica que entorpecen o funcionamento universitario sen potenciar o seu teórico papel na promoción da colaboración da sociedade co financiamento da universidade.
  • O Consello Social pasa a non ter presenza de membros da comunidade universitaria, eliminando a xa escasa presenza actual (unha persoa en representación do PDI, do estudantado e dos PAS) e confórmase  con 20 integrantes externos á universidade, se ben é certo que o 50% das e dos integrantes deben ser a proposta da universidade (sen formar parte dela).
  • O proxecto reincide en vicios da LOU ao homoxeneizar a organización das universidades, impedindo que en función da súa autonomía e características (tamaño, especialización…) poidan prescindir de certos órganos (por exemplo, os departamentos) ou axusten a representación dos distintos sectores dependendo da natureza das funcións que se atribúen aos órganos de goberno. O ministro afirma que a intención é facer unha lei máis flexíbel e que permitan unha mellor organización das universidades en función das súas propias realidades.
  • Non se dá ningún paso na descentralización da acreditación e da valoración de méritos, que segue controlada pola ANECA, cando o lóxico sería que fosen as axencias autonómicas as que, partindo de criterios comúns no caso das acreditacións estatais, se encargasen da xestión de todas as acreditacións, tanto do PDI funcionario como do laboral. En resposta a este tema, e aínda sen entrar en datos concretos, o ministro afirmou que se deberían dar pasos para un traballo en coordinación que supere limitacións actuais, partindo da colaboración coas axencias autonómicas.
  • En relación coa compatibilidade de PDI das universidades públicas, introduce a posibilidade de que se realicen funcións de titoría en universidades a distancia privadas parcialmente financiadas con fondos públicos.
  • Non existen medidas que tendan a reducir o exceso de burocracia.
Futura reforma dos graos universitarios

A maiores, o ministro mencionou un proceso de futura adaptación das titulacións universidades ao marco europeo, no que fai referencia á duración dos graos, ao ser o estado español dos poucos nos que os graos seguen sendo maioritariamente de 240 créditos. Así, ese proceso levaría a reducir os graos a tres anos (180 créditos). Desde a CIG-Ensino amosamos a nosa preocupación polo que poida implicar de segregación e expulsión de estudantado se esta medida non vai acompañada dunha política de taxas que equipare as dos másteres aos graos e lembrou a loita contra o 3+2 no que como sindicato estivo implicado. Reducir a formación superior básica nun ano, se non se toman medidas para asegurar a continuidade nos posgraos para todo o alumnado universitario, pode implicar unha involución coa que estaríamos frontalmente en contra. Cremos, igualmente, que pode ser unha nova vía de maior privatización da oferta universitaria. O ministro afirmou ser consciente de que os pasos deben darse a un tempo para evitar o que denunciamos desde o sindicato.

Volver