Unha nova web para seguir sendo o portal de referencia do ensino galego na rede

E como non podía ser doutra forma seguimos en .gal: www.cig-ensino.gal

Seguindo os pasos da Confederación Intersindical Galega, a CIG-Ensino estrea hoxe páxina web cun anovado deseño e unha maior accesibilidade e funcionalidade. O portal mantén as principais seccións simplificando a busca de contidos, a descarga de documentos e o acceso a material multimedia. O sindicato maioritario no ensino público galego agarda que a nova web siga sendo a principal referencia de consulta para o profesorado a respecto dos seus dereitos, dos procedementos administrativos e da actualidade do sector.

A CIG-Ensino vén de renovar a súa páxina web co obxectivo de facilitar a navegación polas distintas seccións (Ensino Público, Universidade, Ensino Privado, Lingua, Muller, Laicidade, Lexislación, Formación, Publicacións e Multimedia), así como de darlle un pulo ao apartado Novas, que conta cun deseño máis visual e que está vencellado co de Publicacións permitindo a descarga do principal boletín informativo da central, o xa tradicional CIG-Informa, desde o interior de cada noticia. 

Na capa principal mantense, así mesmo, o calendario actualizado con toda a información de interese público para a comunidade educativa galega (convocatorias no DOG, commemoracións, premios, apertura de listaxes, prazos para a revisión médica, etc.); unha ligazón ao apartado de Formación, no que se resumen os cursos presenciais e on-line que se ofertan en colaboración coa AS-PG e no que se inclúe a ligazón para a matrícula; así como as tradicionais ligazóns á información de contacto e á ubicación dos principais locais sindicais por todo o territorio galego. 

Como novidade establécese un vínculo directo aos espazos que ten a CIG-Ensino nas redes sociais máis populares: ás súas canles en Telegram e Youtube, así como ás páxinas en Facebook e Twitter e facilítase a visualización e a partilla da páxina desde calquera dispositivo móbil ou tablet.

Principal referencia de consulta para o profesorado galego

Polo que respecta ao interior das principais seccións simplifícase a busca dos contidos, tanto a través dunha estrutura organizativa máis sinxela e intuitiva como a través dun buscador máis potente; facilítase a descarga de información e de documentos en formato pdf e amplíase o acceso a material multimedia, nomeadamente gráfico e audiovisual, coas actividades organizadas polo sindicato nacionalista. Con esta remuda a central pretende seguir respondendo ás demandas de información, tanto da súa afiliación como de toda a comunidade educativa en xeral, sabedora de que algúns apartados como o de Lexislación, Concursos e Convocatorias, Permisos e Licenzas, Oposicións, Retribucións ou Interinidades e Substitucións son a principal referencia de consulta na rede para o profesorado do ensino público galego. 

Porén, na nova web tamén se atende á actualidade e ás problemáticas do persoal que presta servizos na Universidade, no ensino privado, así como á situación da nosa lingua, que non para de ser minorizada no seu uso académico e vehicular ao amparo das políticas agresivas da Consellaría de Educación, e á nosa defensa da laicidade e da igualdade das mulleres dentro do ensino. Neste sentido, o novo portal pretende ser un altofalante das campañas que a CIG-Ensino organiza tanto na loita pola defensa dos dereitos dos traballadores como do noso idioma e da muller conscientes da importancia que ten Internet como ferramenta de contrainformación fronte aos medios tradicionais e aos poderes político e económico que queren impoñer a súa visión mercantilista, centralista e privatizadora do que ten que seguir sendo un dereito básico da poboación, a educación.

Páxina "móbil"

Outra das novidades que inclúe a nova web é a súa adaptación a todo tipo de pantallas e tamaños, xa sexa dun móbil, dunha tablet ou dun pc, para que teñades acceso a toda a súa información de forma clara en calquera dispositivo.

Servizos máis funcionais

Dentro dos recursos que se inclúen no novo portal están os formularios autoeditables, como a ficha de afiliación, un buscador de convenios, gráficos e estatísticas relacionados coa actividade sindical e educativa, así como un arquivo histórico con normativa e documentación de elaboración propia sobre convocatorias e concursos de anos anteriores. 

Con esta nova fiestra na rede, a CIG-Ensino continúa o traballo iniciado pola Confederación Intersindical Galega que remudou a súa web recentemente para adaptarse aos novos tempos e aos novos desafíos que se lle apresentan ao sindicalismo nacionalista cunha clase obreira cada vez máis castigada polos recortes, privada de dereitos e limitada no exercicio das súas liberdades e da súa identidade nacional.

Volver