Unha nova sentenza recoñece o dereito a cobrar a parte correspondente da paga extra tamén ao persoal do Consorcio
As organizacións sindicais advirten que de non se facer o pagamento a administración estaría facendo un uso perverso dos recursos públicos, porque tería que pagar as costas
Esta sentenza súmase ás xa numerosas demandas gañadas polas catro centrais sindicais maioritarias na Función Pública galega (CSI-F, UGT, CC.OO e CIG) que foron interpostas, nun marco de actuación conxunta, contra as administracións autonómica, local, universidades e entes instrumentais do sector público.
Unha vez máis as catro organizacións sindicais exixen a devolución desta paga extra así como dos demais dereitos inxustamente retirados ás/aos traballadoras e traballadores de tódolos sectores públicos.
Con carácter xeral, e para evitar farragosos trámites e gastos, as organizacións sindicais van desenvolver todas as accións ao seu alcance para conseguir o recoñecemento do dereito a cobrar unha paga extra que, como calquera outro concepto salarial, é froito do traballo e esforzo de todos e cada un dos traballadores e traballadoras do sector público.
A CIG advirte ademais que de non se facer o pagamento da parte correspondente da paga extra e de recorrer a sentenza a administración estaría facendo un uso perverso dos recursos públicos, posto que todo indica que de non actuar nese sentido os distintos tribunais cargarían costas á administración.
A paga extra de 2012 foi negada pola Administración Autonómica en suposta aplicación da normativa estatal de recortes dos dereitos laborais do persoal ao servizo das administracións. A modificación estatal foi introducida polo Real Decreto-Lei 20/2012, do 13 de xullo, de medidas para garantir a estabilidade orzamentaria e de fomento da competitividade que reforma o artigo 50 do Estatuto Básico do Empregado Público.
As sentenzas que están saíndo recoñecen que a aplicación da Lei 20/2012 non pode ser feita con carácter retroactivo, xa que son dereitos adquiridos antes da posta en vigor da mesma. A lei entrou en vigor o 15-07-2012 co que se recoñece que non procede aplicarse retroactivamente dende o 01-07-12 até o 14-07-12. Sendo este o período que o Consorcio Galego estaba obrigado a facer o pagamento.
Na reunión mantida a comezos de febreiro entre a CIG e o Xerente do Consorcio, a central sindical exixiulle que acatara a posíbel sentenza favorábel ao cobro da parte da paga extra, cuestión que dixo entender, comprometéndose a informar positivamente do seu cobro. A CIG agarda que cumpra coa súa palabra.