Unha nova sentenza, a primeira no ensino, recoñece o dereito do funcionariado a cobrar parte da paga extraordinaria de 2012

A CIG-Ensino esíxelle á Consellería de Educación a retribución de oficio a todo o profesorado galego

Un nova sentenza, a primeira no ensino, recoñece o dereito do persoal funcionario a cobrar parte da paga extraordinaria de 2012. A sentenza prodúcese no ámbito das presentadas por acordo das catro organizacións sindicais (CIG, UGT, CCOO e CSI-F) que forman parte da Mesa da Función Pública. O fallo, do Xulgado do Contencioso Administrativo número 1 de Pontevedra, ante o que non cabe recurso ordinario, súmase aos que se veñen producido no mesmo sentido e que poñen en evidencia a ilegalidade que supuxo eliminarnos a paga extra en decembro de 2012.

A CIG-Ensino esixelle á Consellería de Educación  retribúa de oficio o endebedado a todo o profesorado galego e que non agarde a que se teñan que presentar reclamacións individuais, xa que deste modo estaría facendo un uso perverso  dos recursos públicos posto que todo indica que de non actuar nese sentido os distintos tribunais cargarían costas á administración. Ao mesmo tempo esiximos a restitución de todos os nosos dereitos e as retribucións que nos foron reducidas.


“Desde a CIG-Ensino, demandámoslle ao conselleiro de Educación que cese no ataque permanente ao profesorado con decisións que supuxeron a perda de dereitos profesionais e laborais nos últimos anos, a eliminación de acordos  e recortes permanentes no ensino público e que significaron unha redución considerable da calidade do ensino –explica Anxo Louzao, secretario nacional da CIG-ENSINO. Esiximos que non continúe coa súa actitude de insubmisión ás diferentes sentenzas, como a do decreto de plurilingüismo ou a dos recoñecementos médicos,  que viñeron testemuñar  actuacións ilegais e autoritarias”. 

A paga extra de 2012  foi negada pola Administración Autonómica en suposta aplicación da normativa estatal de recortes dos dereitos laborais do persoal ao servizo das administracións. A modificación estatal foi introducida polo Real Decreto-Lei 20/2012, do 13 de xullo, de medidas para garantir a estabilidade orzamentaria e de fomento da competitividade que reforma o artigo 50 do Estatuto Básico do Empregado Público. Este decreto é o mesmo que suprimiu, entre outros, os días de antigüidade  e os días de asuntos propios, deixando, ademais, sen efecto todos os acordos sindicais adoptados ata ese momento.

Esta sentenza responde ás demandas feitas a modo de sondaxe en todos os ámbitos do funcionariado (estatutarios, Sergas, Ensino, Administración xeral, etc.). As demandas foron  interpostas en diferentes localidades dentro dunha acción concertada entre as catro centrais sindicais con presenza na Mesa Xeral de Negociación encamiñada a exercer a defensa do funcionariado, que é un sector da poboación laboral que non pode interpor conflitos colectivos, dadas as peculiaridades que rexen o seu sistema de relacións laborais.

As sentenzas que están saíndo recoñecen que a aplicación da Lei 20/2012 non pode ser feita con carácter retroactivo, xa que son dereitos adquiridos antes da posta en vigor da mesma. A lei entrou en vigor o 15-07-2012 co que se recoñece que non procede aplicarse retroactivamente dende o 01-06-12 até o 14-07-12. Sendo este o período que a Xunta de Galiza estaba obrigada a facer o pagamento.

Ligazón ao comunicado conxunto feito público polas organizacións sindicais (CIG, CCOO, UGT e CSI-F)

LIGAZÓN AO CIG-INFORMA

Volver