Unha longa batalla para conseguir o dereito aos recoñecementos médicos

A CIG-Ensino vén procurando e batallando por todos os medios para que a Consellaría garanta os recoñecementos médicos anuais para todos e todas as docentes

En maio de 2012, a CIG-Ensino interpón demanda de conflito colectivo perante a Sala Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) para exixir o recoñecemento médico anual. En xuño, o TSXG dita sentenza favorábel ao recurso da CIG-Ensino e obriga a Consellaría a “ofrecer ao seu persoal funcionario e laboral docente no presente ano 2012 e sucesivos a posibilidade de realizar os recoñecementos médicos”

A Consellaría recorre esta sentenza perante o Tribunal Supremo. Este tribunal, o 10 de abril de 2013, desestima o recurso e dita sentenza firme coa imposición de costas á Consellaría, obrigándoa a ofrecer os recoñecementos médicos periódicos que regula o artigo 22 da Lei de prevención de riscos laborais. Malia a sentenza firme do Tribunal Superior, a Consellaría seguiu sen executala.

Por este motivo, o 5 de setembro de 2013, a CIG-Ensino solicítalle ao TSXG que lle exixa á Consellaría a execución da mesma, e, o 16 de setembro, o dito tribunal faille o requirimento, especificando que “no prazo dun mes, acredite ante a Sala o cumprimento íntegro da mesma”, coa advertencia de que “de non verificalo se tomarían as medidas necesarias para lograr a efectividade do mandado”. Ante isto, a Consellaría pídelle ao TSXG un adiamento de execución.

O 16 de decembro de 2013, a Sala do Social do TSXG cita a CIG-Ensino como denunciante e a Consellaría como denunciada para “decidir cantas cuestións se formulasen”, especialmente as seguintes:

  • “Órganos administrativo e funcionarios que deben responsabilizarse de realizar as actuacións.
  • Prazo máximo para o seu cumprimento atendendo ás circunstancias que concorran.
  • Mediar na maneira de efectualas e o procedemento que se vai seguir. 
  • Medidas necesarias para lograr a efectividade do mandado.” 

Nesta comparecencia perante o TSXG, a CIG-Ensino defendeu que, despois de diferentes sentenzas, aprazar a efectivización do recoñecemento médico do profesorado non tiña xustificación. 

Pola súa parte, a Conselleira solicitou unha moratoria, comprometeuse a levar a cabo as revisións e anunciou que, en breve, ía asinar un acordo coa Consellaría de Sanidade para levar a cabo os recoñecementos médicos do profesorado no SERGAS.

Ante este compromiso, o Tribunal Superior de Xustiza fixa unha nova comparecencia para o día 10 de febreiro, co fin de que a Consellaría traia unha proposta definitiva pormenorizada, cun calendario dos recoñecementos que non debe ir máis alá do primeiro semestre do ano 2014.

En consecuencia, estamos ante unha Consellaría que vulnera permanentemente a lexislación vixente e amosa a desconsideración máis absoluta co profesorado, mais, neste caso, non vai ter máis opción que executar o exixido polo TSXG en resposta ao recurso da CIG-Ensino. Agardamos que a partir do primeiro trimestre deste ano, 2014, todo o profesorado interesado poida exercer o dereito aos recoñecementos médicos anuais.  

Ligazón do CIG Informa

Volver