Unha Consellaría con alerxia á negociación presenta unha OPE pechada e sen previa negociación

A xunta recorre de novo a inflar as cifras coa prazas de promoción interna

A CIG presentou propostas do ámbito competencial da Consellaría que suporían unha mellora substancial do desenvolvemento do proceso selectivo.

A Xunta demostrou de novo ser remisa a aceptar calquera proposta de mellora.

OPE

Consulta as prazas e especialidades. Ligazón

Na Mesa Sectorial de educación deste martes 22 de xaneiro a Consellaría reproduciu unha vez máis os vellos tics de soberbia e prepotencia tan caros a este goberno. En primeiro lugar non negociou con ninguén cales deben ser os criterios que leven a tomar a decisión de que especialidades debe ser obxecto de oferta pública de emprego. Tampouco puxo en común os datos que dan lugar a tomar a decisión  sobre prazas e especialidades. Non se coñece ningún plan estratéxico a varios anos vista, en función da idade do profesorado das diferentes especialidades e as posíbeis xubilacións nin necesidades. Afírmase que se tivo en conta o número de persoal interino mais comprobamos que con moi similares datos hai especialidades que se ofertan e outras que non. En resumo, mantense pechado a cal e canto o búnker no que os actuais responsábeis políticos converteron esta Consellaría, refractaria á negociación colectiva. 

O procedemento é o mesmo ao de anos anteriores: primeiro lánzase sen previa negociación nin contraste sindical as especialidades nas que se ofertarán prazas e despois déixase para a Mesa Sectorial o xogo dos números. 

A única novidade ao respecto da previamente filtrado está na oferta de 4 prazas de Portugués para Secundaria, en cumprimento dunha resolución aprobada por unanimidade no Parlamento de Galiza e que a CIG-Ensino trasladara en numerosas ocasións, sendo a máis recente a entrevista coa nova conselleira. Esta convocatoria de prazas libres, aínda sendo escasa, abre as portas a que tamén haxa oposicións para o cambio de especialidade e que funcionariado de carreira que está a impartir agora mesmo portugués ou ten intención de facelo poida adquirir esta nova especialidade.

Inflando de novo as cifras.

Nas oposicións do 2018 a Consellaría xogou, con algunha notoria complicidade, a falar de convocatoria histórica ao ofertar 2.050 prazas. Naquel momento a CIG-Ensino desmontou a falacia dese carácter “histórico” ao datos contundentes sobre o que a oferta de cambio de corpo de A2 a A1 supuxera en anteriores convocatoria, nas que non existía nin tan sequera demanda por parte do profesorado. Na presente oferta volve incidir de novo no mesmo xogo para poder vender que a oferta é superior ao 2018. 

CIG

A CIG-Ensino sempre defendeu que se debe potenciar a carreira profesional mediante a promoción interna mais non estamos dispostos a que se tome ao profesorado, a futuros aspirantes aos corpos docentes e a opinión pública en xeral como parvos.

A oferta real deste ano, como a do ano pasado debe analizarse tendo en conta as cifras de acceso libre. Non  falamos, por tanto, de 2.064 prazas reais senón de 1.788 prazas de acceso libre.

Os datos e a experiencia das oposicións do 2018 non deixan lugar a dúbidas.  A Consellaría pode seguir aferrada a esa intolerancia de quen se sente dona da administración educativa e non ten que render contas a ninguén. A maioría absoluta do Partido Popular permítello, mais facer ouvidos xordos a toda proposta de mellora acaba por afastar de vez da realidade a quen dirixe a política educativa deste país e a carecer por completo dunha visión global e asentada na negociación.

As propostas que a CIG-Ensino presentou na Mesa son reincidentes: parten da realidade, dos problemas que se están xerando ano tras ano nos procesos selectivos e no futuro incerto para moitos compañeiros e compañeiras, moitas cunha dilatada experiencia no ensino público. Parten do contraste coas persoas que opositaron nestes últimos anos e que nos trasladaron as súas queixas. 

A CIG-Ensino ten claro que este non é modelo polo que opta e así o deixou claro no recente debate no Consello Escolar do Estado sobre a reforma da LOE, no que presentou unha emaenda para modificar a Lei Orgánica e introducir con carácter excepcional o acceso diferenciado e que foi claramente rexeitada ao tempo que o propio Goberno xa anunciou que non ten pensado introducir a curto prazo ningunha modificación no sistema de acceso. Somos conscientes, así mesmo, de cal é a escasa marxe de manobra coa que conta a Mesa Sectorial e a propia Consellaría nun proceso dirixido desde Madrid.

Por iso, máis alá desa posición estratéxica que a CIG-Ensino defende dun sistema de dobre vía de ingreso, presentamos propostas asumíbeis e que poden mellorar substancialmente o desenvolvemento dos procesos selectivos. exto

Contra a precariedade e a limitación nos cadros de persoal.

A oferta de prazas presentada pola Consellaría parte do límite importo polo acordo sindical estatal, polo que se poden ofertar prazas nas oposicións sempre que non se superen os cadros de persoal existentes no ano 2017, aceptando submisamente os efectos dos recortes desde o ano 2010. Tal é así que os orzamentos do 2019 recollen un recorte de profesorado, cun total de 29.987 docentes fronte a 30.098 dos dous últimos anos. Polo tanto, esta OPE non vai servir para aumentar profesorado, que é unha das principais demandas do propio persoal docente e da CIG-Ensino. 

O resultado das últimas oposicións foi claro. A inestabilidade laboral segue a ser un problema básico. A porcentaxe de persoal interino, partindo dos propios datos oficiais, tería pasado do 12,72% do 2017 ao 11,09% actual. Na Mesa a Consellaría argumentou que se sitúan no 9,38% porque exclúen do computo de prazas estruturais determinados postos de traballo. Estas cifras están aínda lonxe das que tiñamos antes da chegada do PP á Xunta, que non superaban o 5%. Mais camiñar na senda da redución da interinaxe sen ter en conta o factor humano só pode conducir a que haxa profesorado interino que perda o seu posto de traballo. Un estudo realizado pola CIG-Ensino a partir dos datos públicos de todos os tribunais de 2018 tira unhas conclusións rotundas: 

    • O 36% das persoas que aprobaron as oposicións nunca traballaran para a Consellaría de Educación. 
    • Dous terzos das persoas aprobadas teñen un máximo de 2 anos como persoal interino.
    • A porcentaxe de docentes interinos con máis de 5 anos de experiencia que aprobaron as oposicións é do 18%.
    • No caso daquelas persoas cunha longa experiencia profesional (superior a 10 anos) a porcentaxe de aprobados limítase ao 5% (79 persoas en total en todos os corpos). 

É obvio que a inexistencia dun acordo de estabilidade para o persoal interino en risco de perder o seu posto de traballo, xunto coa necesaria oferta de oposicións polas elevadas cifras de xubilacións e un sistema que obvia a fase de concurso e provoca a competencia entre as persoas con méritos na docencia con aquelas outras que non teñen experiencia previa é un escenario que pode provocar nos próximos anos que se incrementen os despidos do persoal interino. No comezo deste curso escolar xa denunciamos que ao redor de 400 persoas que tiveron o ano pasado contrato de curso escolar pasaron a facer substitucións. Está na man da Consellaría atallar este problema. Primeiro partindo da realidade do persoal interino actual á hora de facer a proposta de prazas e segundo, abrindo unha negociación de estabilidade que dea saída a persoas de longa experiencia laboral ou avanzada idade.

Queremos un verdadeiro concurso oposición.

A nosa demanda de mellorar a realización das probas está de novo fundamentada no rigor e na realidade. Mestres que no corpo de mestres pode dicirse que si existiu no 2018 un mínimo respecto polo carácter de concurso oposición fixado na normativa, a situación nos corpos de secundaria é totalmente diferente. Fronte ás especialidades de Inglés e Organización e Xestión Comercial, nas que si houbo proceso de concurso oposición, salientan moitas nas que só superou a fase de oposición o mesmo número de persoas ou incluso menos que prazas había convocadas.

É preciso garantir un verdadeiro concurso oposición e para iso hai que garantir por parte da Consellaría melloras nas condicións dos tribunais. Hai que reducir o número de aspirantes por tribunal e hai que eximilos do traballo da baremación da fase de concurso, traballo que debe asignárselle a unha comisión técnica. O tribunal debe contar con máis tempo do que ten actualmente e debe centrarse na fase de oposición. Hai que evitar que se vexa condicionado a limitar o número de persoas aprobadas na 1ª proba para poder cumprir os prazos fixados pola Consellaría. Insistimos tamén na volta ao anonimato desa 1ª proba, con etiquetaxe como identificación e sen lectura das partes da proba.

Demandamos oferta de cambio de corpo nas especialidades de Galego e Francés nas EOI.

Da mesma maneira que se ofertaron o ano pasado prazas de acceso de A1 a A1 na especialidade de Inglés e este ano se convocan de ingreso, demandamos que se faga o propio este ano nas outras dúas especialidade que actualmente tamén imparten docente do corpo de PES (Galego e Francés). No caso de Galego hai actualmente 10 docentes do corpo de PES impartindo docencia nas EOI e no caso do Francés a cifra elévase a 24. 

A nula vontade negociadora da Consellaría quedou claramente ao descuberto cando non foi nin sequera capaz de ter un mínimo de cintura con esta proposta e valorala antes de tomar unha decisión. É obvio que a decisión xa a tiñan tomada: nada de negociar.

Novidades na convocatoria.

Titulacións para inclusión en listas de interinidades. A Consellaría vai publicar unha orde na que se relacionarán as titulacións que permiten a incorporación ás listas de interinidades e substitucións (o que até agora se incorporaba nun Anexo da propia convocatoria). Na Mesa indicou que someterán a exposición pública o borrador mais que non tiñan pensado traela á Mesa porque así llo permite o acordo de persoal interino, que deixa nas mans da Consellaría esta decisión. A CIG-Ensino demandou que pasase pola Mesa e a Consellaría quedou en revisar a súa decisión.

Mención en Educación Primaria obtida nunha universidade diferente da que cursou o grao. Deben presentar certificación de ter superado todas as materias para a inclusión en listas. Desde a CIG-Ensino solicitamos que se aclare que a superación inclúe a convalidación das xa cursadas.

Bioloxía e Xeoloxía. Logo dos problemas da convocatoria do ano 2018 a Consellaría volve a fixar que haberá unha única opción de proba práctica no “visu”. 

Curso de formación en igualdade e prevención e loita contra a violencia de xénero. Aínda que xa o fixo neste curso como actividade de formación da fase de prácticas, este ano figura expresamente na convocatoria. 

Tanto na cuestión lingüística como na perspectiva de xénero a CIG-Ensino demándalle á Consellaría unha maior implicación que, desde logo, non se pode limitar a un curso on line no ano no que se aproba unha oposición.

Puntuación dos servizos prestados por vacacións non gozadas.

Sabemos que neste momento hai persoal interino e funcionariado de carreira ao que non chegou ningún tipo de notificación co recoñecemento deses días. É inxustificábel esa demora. Queremos un compromiso de que se vai facer efectivo canto antes, tanto para quen terá que participar nas oposicións como para o resto do profesorado.

A Consellaría informa que teñen previsto que a partir do 1 de marzo todos os novos contratos leven xa incorporado (a efectos interinos de xestión informática dos contratos) o tempo de vacacións non gozadas, polo que contan que todo o profesorado en activo que participe nas oposición o terá xa recoñecido. 

 

Propostas da CIG-Ensino sobre o desenvolvemento do proceso selectivo

Resposta da Consellaría

Número de aspirantes por tribunal.

Hai que reducir o número de aspirantes por tribunal, para garantir que haxa tempo abondo para examinar a todas as persoas que poden superar as diferentes partes das probas da oposición. A cifra debe aparecer na convocatoria.

 

O número estaría en función das competencias que se lle asignen aos tribunais e ao propio desenvolvemento das probas. Un tribunal que non teña que baremar nin escoitar a lectura dos exames 

Non están de acordo. Din que efectivamente poderían facelo mais consideran que non implicaría ningunha mellora.

Anonimato na primeira parte da oposición (partes A e B)

Solicitamos un cambio radical no desenvolvemento das probas, garantindo o anonimato por completo nas dúas partes da 1ª proba (práctico e temas). O sistema de sobres con etiquetado, como xa foi usado en convocatorias anteriores, garante ese anonimato. 

Non o aceptan.

Baremación de méritos.

Base 11.3.2.

11.3.3

A baremación dos méritos debe ser feita por unha comisión técnica, liberando desa carga burocrática ao tribunal. A documentación dos méritos debe facerse inicialmente e para todos os opositores. Non se debe facer pública até que remate a fase de oposición. 

Afirman que a nosa proposta é claramente legal (ao contrario do que afirmaron nun principio) mais que non o van aceptar.

Cobertura de todas as prazas ofertadas

Hai que garantir que se cubran todas as prazas ofertadas. Se os tribunais contan con tempo suficiente debe erradicarse o comportamento habitual de poñer notas de corte para reducir o número de aprobados na 1ª parte da 1ª proba e desta no seu conxunto.

Non se pronuncian e seguen escusándose na soberanía dos tribunais.

Elección das presidencias dos tribunais a sorteo

Base 7.3.

Todos os membros dos tribunais deben ser elixidos a sorteo, evitando o nomeamento directo das presidencias.

A inspección non debe formar parte dos tribunais que non son do seu corpo. No corpo de profesorado de Música e Artes Escénicas non aparece o profesorado do Corpo de Cátedras como posíbeis membros dos tribunais. Queremos saber se é intencionado ou é un erro.

Non aceptan perder a prerrogativa no nomeamento das presidencias.

En canto  ao profesorado de música e artes escénicas irán, para esta oposición, como profesoras, e nun futuro pasarán a ir no de catedráticas.

Criterios de avaliación.

Base 7.10. (funcións dos tribunais)

Os criterios de avaliación deben ser claros, públicos e idénticos para todos o tribunais da mesma especialidade. A publicidade e condicións destes criterios deben vir fixadas na convocatoria para que non quede da man de cada tribunal. Deben coñecerse con moita antelación. Debe ser unha das primeiras decisións que adopten e fagan públicas os tribunais.

Afirman que xa se traslada na reunión da Consellaría coas presidencias dos tribunais.

Probas prácticas

Base 12

Anexo V 

Consideramos que as probas deberían ser as mesmas en todos os tribunais da mesma especialidade. Debe figurar na convocatoria. 

A Consellaría ten que velar porque non existan diferenzas entre o que figura no Anexo V e o que finalmente decide o tribunal. Non sería a primeira vez que se indica, por exemplo, que haberá que facer “dous exercicios de entre cinco propostos” e despois nos atopamos con que se presentan dúas opcións con catro exercicios cada unha. Isto pasou en Informática no 2016.

As probas prácticas deben ser o máis concretas posíbeis e axustadas á realidade do que se imparte nos centros galegos e nas propias especialidades. 

No caso de FOL chama a atención a falta de concreción. En convocatorias anteriores a proba consistía nun suposto práctico extenso e no 2016 modificouse por cuestións curtas. Solicitamos que modifique no Anexo para concretalo.

En todas debe figurar o tempo máximo, incluída o práctico (parte A da 1ª proba)

Non debe haber ningún práctico fóra do recollido nos temarios.  En Procesos de Xestión Administrativa inclúese no Anexo V unha referencia á contabilidade xeral dentro dos temas que poden incluírse na proba práctica. Non existe nos temarios desta especialidade ningún tema de contabilidade polo que debe ser eliminada das especificacións.

Toman nota das cuestións que lle trasladamos e revisaranas.

 

Somos partidarios da maior concreción posíbel. Entendemos que as normas deberían ser igual para todos os corpos, indicando se as partes da 1ª proba se farán ou non no mesmo día.

Se non se indica na convocatoria debe coñecerse con suficiente antelación. Todos os tribunais da mesma especialidade deben adoptar a mesma decisión.

A indicación do material que se pode ou debe empregar na proba práctica debe coñecerse coa suficiente antelación. 

Non van modificar a diferenza entre primaria e secundaria.

Segunda proba (programación e UD)

A utilización de material auxiliar ten que ser o máis concreta posíbel para evitar agravios comparativos. A redacción é ambigua: poderase utilizar material “sempre que o autorice o tribunal”. Esa autorización debe preceder o inicio das probas e publicarse na web con suficiente antelación.

Non se pronuncian

Notas de cada unha das partes das probas. 

Base 12 e 13

As notas de cada unha das partes das probas deben ser públicas no propio día da corrección ou defensa da proba.

Non están de acordo. Manterán o texto actual.

Reclamacións.

Funcións dos tribunais. 

Base 7.10.

Puntuación provisional da fase de concurso e prazo de reclamacións. Base 11.3.2 

Hai que aumentar as garantías das persoas opositoras. No caso de reclamacións, debe existir sempre resposta. Non abonda con escudarse nos recursos de alzada perante a Dirección Xeral. Hai que garantir a máxima transparencia nunhas oposicións. Todo pasa evidentemente por unha redución considerábel da ratio de opositoras e da redución da carga burocrática. 

Non o aceptan.

Matrícula de persoas paradas. 

Base 3.8.

Solicitamos que sexa gratuíta. 

Non é competencia desta Mesa.

Competencia en lingua galega

Solicitamos a realización dunha proba en galego, co obxectivo de demostrar a aptitude e a competencia para impartir docencia na nosa lingua.

Non pensan potenciar o noso idioma.

 

Propostas da CIG-Ensino sobre outros aspectos do texto da convocatoria

Resposta da Consellaría

Base 2.3.1 e Anexo VII. Titulación para presentarse a Administración de Empresas

Tal e como permite o RD 276/2007 e como de feito se recolleu na convocatoria de ADE no 2014 debe aparecer a diplomatura en Ciencias Empresarias ou en Xestión e Administración Pública. Hai que modificar a base 2.3.1 e o Anexo VII.

Revirarán a ausencia destas titulacións.

Presentación vía electrónica.

Base 3.1.

Notificacións.

Base 5.

Recursos de alzada contra: 

  • a lista definitiva. Base 6. 4.
  • as puntuacións definitivas na fase de concurso. Base 11.3.4.
  • a orde de relación de aspirantes aprobados. Base 17.4 

Como dixemos o ano pasado, estamos en desacordo coa obriga de facelo exclusivamente por estas vías. A Consellaría xoga coa dualidade presencial-a distancia como lle parece en función das convocatorias. O ano pasado houbo numerosos problemas. Apoiamos un sistema se libre elección.

Este tipo de procesos de entrega dixital supoñen na práctica unha perda importante de emprego de persoal administrativo xa que o traballo de rexistro documental (escaneo, etc..) que poderían facer empregados públicos agora o facemos os cidadáns. É un proceso de privatización de servizos pola vía de que sexan as persoas usuarias quen fagamos o traballo.

Debe recollerse unha salvagarda para as aspirantes da mesma maneira que o fai a propia Consellaría consigo mesma. Na base 5.5. afírmase que se non é posíbel a notificación electrónica se practicará polos medios previstos no procedemento administrativo común (rexistros, Correos). Isto debe ser así tamén para os opositores.

En todo caso, temos dúbidas da obriga que se indica para que o recurso de alzada se teña que presentar exclusivamente por medios electrónicos. De feito o recurso de alzada contra as puntuacións definitivas non se indica que sexa por sede electrónica. (base 11.3.4) ao igual que se fai no caso do recurso contra a lista de aprobadas. (17.4)

Reafírmanse nas súas contradicións e indican que o paso á presentación exclusiva por vía telemática é só cuestión de tempo. 

Base 3.2.1

Solicitamos unha aclaración ao respecto das mencións de Educación Primaria que se obteñan noutra universidades diferente á  que se cursou o grao. Cando se fala de certificación de ter superado todas as materias estase poñendo en cuestión a convalidación de materias previamente cursadas no Grao?

Confirman que non é preciso superar as que xa están convalidadas. Mellorarán a redacción.

Autorización de suplencia dos tribunais

Base 7.6.4.

Equipos directivos. Propomos que se autorice a suplencia a algún membro dun equipo directivo se 2 ou máis membros deste teñen que formar parte de tribunais. Hai que garantir que cando menos  2 membros do equipo directivo estean no centro.

Conciliación. Ampliar esta autorización para o profesorado que teñan un fillo ou filla menor de tres anos así como quen teña familiares dependentes de primeiro grao ao seu cargo ou familiar incapacitado xudicialmente para o que teña sido nomeado titor legal

Chamamos a atención sobre a situación que se pode producir este ano coa coincidencia en datas da segunda convocatoria da ABAU (4 días, do 9 ao 12 de xullo). A Consellaría debe valorar que facer nestes casos. Se non se opta pola exención está claro que deben ter permiso para ausentarse do tribunal neses días. Hai que ter en conta que este profesorado xa se decide bastante antes do sorteo dos tribunais.

Revisarán a nosa proposta mais afirman que a Consellaría non é partidaria de ampliar as causas de suplencia.

Citación das aspirantes

Base 10.3.3

Recóllese que será como mínimo con 24 horas de antelación. Propoñemos que o mínimo sexa 48 horas.

Non o consideran necesario e entenden que xera máis problemas para os tribunais.

Programación nas especialidades de FP. 

Base 12.4

A convocatoria indica que debe facerse segundo o anexo XIII da orde que regula a avaliación da FP. Sabemos de discrepancias en convocatorias anteriores xa que houbo tribunais que obrigaron a presentar a programación coas táboas que aparecen no anexo mentres noutros casos se permitiu que, con formato libre, se presentase (respectando os diferentes apartados). As directrices teñen que ser claras, ben na propia orde ou nas indicacións que dean os tribunais con suficiente antelación. 

Por outro lado neste curso a Consellaría incorporou un novo modelo actualizado e diferente do que figura no Anexo XIII. Debe aclararse se este vai ser válido ou non.

Revisarán o tema. Consideran que o que deben respectarse son os contidos e non os formatos.

Petición de destino provisional

Base 19.1.

O prazo de dous días hábiles segue a parecernos excesivamente curto para o persoal que nunca traballou para a Consellaría, especialmente se coinciden no medio da semana. Propomos que se fixen 3 días hábiles.

Afirman que isto supón un problema para a Consellaría e que non implica ningún problema para os e as aprobadas.

Fase de prácticas

Base 20

Debe realizarse na especialidade pola que se aprobou. O profesorado titor tamén debe ser, de ser posíbel , do propio centro e da mesma especialidade. 

Non cambiarán o da especialidade porque din que causa problemas no corpo de mestres e non poden asegurar que a persoa titora sexa da mesma especialidade xa que nalgúns centros pode non existe funcionariado de carreira da  especialidade dunha persoa en prácticas.

 

Propostas da CIG-Ensino ao baremo

 

Puntuación de máis dunha titulación 

Mentres que para algunhas titulacións aparece claramente indicado que se puntuará “cada unha” (idiomas, diplomaturas, réxime especial) noutros casos non se especifica: máster, doutoramento, premio extraordinario). Incluso no caso dos segundos ciclos non aparece nada claro (pode interpretarse que é así no cadro das observacións: “así como de cantos presente como mérito”). 

Solicitamos homoxeneidade e que en todos os casos, co límite de cada apartado, se puntúen todas as titulacións.

Din que non poden modificar o apartado 2 por ser normativa básica.

Mestrado de secundaria 

Cremos que non ten sentido que este Mestrado non se puntúe nos casos nos que non é requisito para presentarse ás oposicións. Tal e como está actualmente o baremo pode puntuarse un máster que non teña ningunha relación coa docencia e non puntuarse este. 

Non o aceptan.

Puntuación EOI-PES

Defendemos que se puntúe como servizos prestados no corpo do que sexa a listaxe de pertenza. Así, o profesorado de inglés, francés ou galego (PES) que impartiu docencia en EOI debe ter puntuación como PES, xa que pertence a esa lista e mesmo nas substitucións ten obriga de coller esas vacantes.

Manteñen a súa negativa.

Anexo III. Cambio de A1-A2

Non estamos de acordo coa puntuación do traballo como xefe de servizo ou cargo similar na administración  (1.2.d) nin coa puntuación na inspección (1.2.a). A puntuación da dirección non debe ser superior á valoración do resto das funcións docentes (titoría, departamento)

Manterán o baremo presentado.


Toda a información da mesa sectorial. Ligazón

OPE

Consulta as prazas e especialidades. Ligazón

Oposicións 2019

Documento


Volver