Un xulgado obriga a abrir expediente ao director do IES Paseo das Pontes por tolerar que unha docente fose vexada por alumnos
A CIG-Ensino esixe que a Consellaría cese a Mario Juíz
O Xulgado do Contencioso-Administrativo nº 1 de A Coruña ditou unha sentenza que obriga a Consellaría de Educación a incoar un expediente disciplinario ao director do IES Paseo das Pontes, Mario Juíz López, por tolerar que un grupo de alumnos insultase gravemente unha profesora do centro. A CIG-Ensino solicita da Consellaría a apertura de expediente e o cesamento inmediato de Mario Juíz.
A CIG-Ensino esixe que a Consellaría de Educación cese Mario Juíz
Un xulgado obriga a abrir expediente ao director do IES Paseo das Pontes por tolerar que unha docente fose vexada por alumnos
A Coruña, 13 de xuño de 2008
O Xulgado do Contencioso-Administrativo nº 1 de A Coruña ditou unha sentenza que obriga a Consellaría de Educación a incoar un expediente disciplinario ao director do IES Paseo das Pontes, Mario Juíz López, por tolerar que un grupo de alumnos insultase gravemente unha profesora do centro. A CIG-Ensino solicita da Consellaría a apertura de expediente e o cesamento inmediato de Mario Juíz.
Esta sentenza estima un recurso dunha profesora do IES Paseo das Pontes contra unha resolución da Delegación Provincial da Consellería de Educación que arquivaba a denuncia que interpuxera a docente contra o director do seu centro por omisión das súas obrigas. Mario Juíz tolerou, o día 22 de maio de 2007, que un grupo de alumnos se concentrase durante 45 minutos diante da aula na que impartía docencia esta profesora e, ademais, non impediu que, durante ese tempo, os alumnos non deixasen de aldraxala e insultala gravemente.
Por todos estes feitos, a CIG-Ensino reclama da Consellaría de Educación o cese inmediato de Mario Juíz López como director do IES Paseo das Pontes e a incoación de expediente disciplinario contra el por ter consentido, e mesmo alentado, as graves ofensas dirixidas por parte dun grupo de alumnos a esta profesora.
A CIG-Ensino solicita tamén a apertura de expediente disciplinario ao inspector José Luís Mira Lema por ter emitido un informe arbitrario, por ter conculcado o principio de contradición que debe observarse nos procedementos administrativos e por ter mantido unha actitude conivente co director do IES Paseo das Pontes.
A central nacionalista quere salientar que o delegado provincial da Consellaría de Educación, José Manuel Mouriz Cabalo, que ditou esta resolución palmariamente inxusta e agora declarada nula, incorreu en grave responsabilidade.
Na sentenza, o órgano xudicial é contundente na constatación dos feitos denunciados pola profesora, “suficientes para a apertura do expediente solicitado e para unha investigación máis ampla, sendo curiosamente parco e escaso o expediente aportado en fase de investigación polo inspector diante da gravidade dos feitos expostos”.
A contundencia da resolución xudicial esténdese tamén contra a Consellaría de Educación como Administración demandada por considerar temeraria a súa oposición ao recurso que presentara a profesora. O fallo imponlle á Consellaría as custas procesuais.
Persecución de Mario Juíz contra a profesora
Esta actitude de grave desconsideración de Mario Juíz cara a profesora orixinouse en canto esta foi elixida democraticamente polo claustro como un dos membros da Comisión de Selección que emitiron unha cualificación desestimatoria do proxecto que presentara Mario Juíz López para dirixir o centro. Desde aquela, a persecución deste señor contra a docente viuse acrecentada.
A actitude da Dirección do centro, ao inhibirse do cumprimento do seu deber de manter a orde e de impedir por todos os medios os graves actos dos que foi obxecto a profesora, incorreu, por omisión dolosa, en grave responsabilidade por incumprimento do estipulado no Real Decreto 732/1995, de 5 de maio, polo que se estabelecen os dereitos e deberes dos alumnos e as normas de convivencia nos centros educativos.
Podedes consultar a sentenza na seguinte ligazón
Podedes consultar a sentenza na seguinte ligazón