Un profesorado con dereitos como elemento esencial do proceso educativo

O día 5 de outubro, día internacional do profesorado, centra este ano a demanda do colectivo docente na necesidade de contarmos con profesorado cualificado

A CIG-Ensino, como integrante da Internacional da Educación, organización internacional que agrupa á maioría dos sindicatos e organizacións vinculadas ao profesorado no mundo, fai súas as demandas que na esfera internacional se fixan para este 5 de outubro, centrado no 2018 na necesidade de contarmos cun persoal docente cualificado como garantía de que a educación, como dereito fundamental recoñecido na Declaración Universal dos Dereitos Humanos, sexa realmente efectiva como tal dereito e supoña un elemento fundamental no camiño da equidade social e da eliminación das grandes diferenzas sociais e culturais do alumnado con independencia do país no que viva e das condicións socioeconómicas das que parta.

Un dosprincipais desafíos deste dereitoa escala mundial segue a ser a carencia de docentes. Estímase que, en total, 264 millóns de nenos e nenas e de xoves non están escolarizados e sería preciso contratar uns 69 millóns de novo persoal docente para acadar os obxectivos dunha educación universal primaria e secundaria de aquí a 2030.

A discriminación ten rostro.

Como é sabido, esta carencia de persoal docente céntrase nossectores máis vulnerábeisdapoboación. Así, a situación é máis grave entre as nenas, no alumnado con necesidades específicas de apoio educativo ou con algún tipo de diversidade funcional, nas persoas refuxiadas e migrantes e, por ámbitos xeográficos, nas zonas rurais ao respecto das urbanas.

Desde a CIG-Ensino apostamos por un ensino inclusivo que faga fronte ás desigualdades desde a perspectiva da interseccionalidade, un enfoque que xa traballamos nas nosas xornadas de formación como ferramenta para traballar as estruturas de discriminación múltiple desde a perspectiva de xénero e que pode de debe estenderse a todos os ámbitos nos que se produce unha discriminacións, sexa por motivos étnicos, sexuais, de xénero, de clase ou funcionais. 

O profesorado como ferramenta fundamental, tamén en Galiza.

Precisamos un profesorado formado, consciente, involucrado e motivado. Crítico cunha sociedade con afianzada na desigualdade e que foi agrandando a fenda social e cultural. Precisamos un profesorado dignificado, ben remunerado, socialmente prestixiado e apoiado pola administración educativa.

Facemos un chamado ás institucións para que incrementen os fondos para cooperación internacional co obxectivo de reducir as enormes carencias que a día de hoxe marcan a realidade do mundo educativo. Ao tempo, demandamos unha implicación real e directa da Xunta co profesorado galego para mellorar as condicións nas que desempeñamos o noso traballo: máis profesorado, con estabilidade e mellores condicións laborais, con menores ratios, con máis recursos e cunha formación, inicial e continua, que faga fincapé na necesaria concienciación que como docentes debemos amosar para vencer os atrancos que este sistema converteu en estruturais e que empeoran as nosas condicións de vida.

 

Volver