Un novo auto do TSXG obriga a Educación ofrecer os recoñecementos médicos en resposta aos recursos da CIG-Ensino

A Consellaría optará por privatizar o servizo, o que vai supor un 40% máis do custo que tería concertalo cos SERGAS

O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza vén de ditar un novo auto no que responde á solicitude coa que a CIG-Ensino pediu a execución de sentenza que obriga á Consellaría de Educación a ofrecer recoñecemento médico anual ao profesorado. O TSXG di que este servizo ten que ofertarse con carácter de urxencia e que, no caso de externalizarse, o concurso ten que saír publicado no DOG na primeira quincena do mes de abril e adxudicado na primeira de xuño.

O Tribunal fixa tamén a primeira quincena de setembro como data límite para a fase de inscrición do profesorado que queira solicitar este servizo para que na primeira outubro   poidan iniciarse os recoñecementos . O auto tamén recolle que estes recoñecementos teñen que incluír recoñecemento ordinario para o colectivo no seu conxunto, probas xinecolóxicas para as mulleres e a proba PSA aos varóns maiores de 50 anos. O Tribunal fai ademais responsable do cumprimento da sentenza ao conselleiro de Educación.  

Para dar cumprimento ao recurso gañado pola CIG-Ensino, a Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) citou as parte a unha comparecencia o  16 de decembro de 2013. Daquela a Consellaría solicitou unha moratoria argumentando que  estaba a punto de asinar un acordo coa Consellaría de Sanidade, a fin de realizar os recoñecementos médicos do profesorado no SERGAS, xa que suporía unha redución dos custos nun  40% (886.984 euros), en relación ao custe que significaría a externalización do servizo (2.217.461). Ante este compromiso, o TSXG fixou unha nova comparecencia para o día 10 de febreiro de 2014, comparecencia na que a  Consellaría anunciou que non foi posíbel asinar o acordo co SERGAS e que optarán por contratar un servizo externo, mediante a tramitación pola vía de urxencia.

Para a CIG-Ensino, é totalmente inxustificado, malgastador e vergoñento que se privatice o servizo de prevención de riscos laborais, cando, segundo os seus propios cálculos, de se realizaren no SERGAS o custo sería un 40% máis barato. É incomprensíbel que por supostas desavinzas entres dúas consellarías se vaia desembolsar esta cantidade a unha entidade privada, cando o custo no SERGAS sería moito menor. Ante a gravidade dos feitos, a CIG-Ensino presentará unha queixa no Valedor do Pobo e levará este tema ao Parlamento para que o presidente do Goberno galego explique as razóns que o levan a malgastar preto dun millón de euros.                                                                     

Ligazón ao CIG INFORMA

Volver