Un novo acordo patronais-sindicatos estatais deixa de lado ás traballadoras dos centros de asistencia e educación infantil etapa 0-3

A CIG-Ensino non subscribiu esta declaración “conxunta” pola falta de medidas garantistas dos dereitos tanto laborais como salariais para as traballadoras/es do sector.

Dende a CIG-Ensino, aínda que compartimos o texto acordado na súa totalidade, non o asinamos por non incorporar ao mesmo estas reivindicacións que propuxemos na mesa negociadora:

  • Que nesas axudas solicitadas ás administracións se garantan como mínimo as condicións laborais e salariais das traballadoras/es, evitando na medida do posible descolgues salariais das empresas, perdas salariais nos ertes (tanto parciais como totais, pois estamos a falar de salarios da orde do SMI), modificacións substanciais das condicións de traballo e despedimentos do persoal temporal (tratando de recuperar os postos das despedidas ou incorporalas aos Ertes como mínimo). Ademais non se recoñecen dereitos das traballadoras vulnerables, en corentenas e por coidados obrigatorios.
  • Que se recollan as políticas de emprego e de igualdade (evitando o incremento da brecha salarial e laboral entre sexos, ao ser este un sector feminizado e con salarios na liña do SMI) que tanto se pregoan dende os distintos gobernos estatais e autonómicos no mal chamado “Diálogo Social”, posto que van na dirección contraria .
  • Que estas reivindicacións se dean nos ámbitos estatais e autonómicos, dando a cara as patronais galegas e os demais sindicatos.

Outro tema que puxemos enriba da mesa foi a necesidade do compromiso das partes para cumprir o XII convenio no referente á Adicional 4ª que obriga a adaptación das táboas salariais 2020 ao novo Salario Mínimo Interprofesional (950€), que está pendente e a maioría das empresas non o pagan, pero tanto a patronal coma os sindicatos estatais non o asumiron. Denunciaremos esta situación de non negociarse. Do mesmo xeito, como xa denunciamos na negociación do convenio, hai outros acordos que patronais e sindicatos estatais maioritarios asinan no AENC (Acordos Estatais para a Negociación Colectiva), que logo non cumpren como son os salarios mínimos de convenio que serían 1000 euros en 14 pagas. Onde quedan estes acordos?? Pois mirar nos Erte que asinaron, sen ningún tipo de compensación para as traballadoras, cobrando prestacións que supoñen o 70% de salarios que rondan os 900 euros mensuais, como ocorre neste sector… 

O texto da nova declaración “conxunta” solicitando un SOS ás administracións públicas pola situación crítica na que se atopan os centros educativos da etapa 0-3 e as empresas que os xestionan, debido á  irrupción da pandemia ocasionada polo virus COVID-19, é compartido pola CIG-Ensino ao 100% e mesmo aportamos propostas coas emendas que presentamos. O texto final asinado polas patronais e sindicatos estatais resúmese no seguinte: 

  • A denuncia da competencia desleal de centros autorizados e non autorizados, que invaden ilicitamente o espazo da educación infantil.
  • O descenso das matriculacións nas escolas que van desde o 40% ate máis do 80%, provocado polo medo ao virus, as conciliacións familiares por Ertes de nais/pais e a baixa natalidade .
  • Que o Real Decreto-Lei 30/2020 do 29 de setembro, da prolongación dos Ertes asinado no dialogo social polo Ministerio de Traballo a CEOE (patronais), CCOO e UGT, non tivo en conta os CNAE correspondentes a este tipo de educación, deixando fóra das exoneracións nas cotizacións empresariais da Seguridade Social das traballadoras a este sector, necesarias para poder manter os postos de traballo.
  • O proxecto de gravar co IVE os servizos que prestan os centros de educación infantil o que suporía un encarecemento do servizo inasumíbel para as familias que precisan este servizo para conciliar a súa vida laboral e familiar.
  • A desaparición dos centros/escolas coa conseguinte destrución de emprego no sector, na súa maioría feminino, novo e moi cualificado pero que polas sucesivas reformas laborais ten salarios e condicións moi precarias, facendo caer con máis dureza a crise derivada do COVID sobre as mulleres.

Accede ao acordo da “declaración conxunta” na súa textualidade neste enlace.

CIG Informa sobre centros de asistencia e educación infantil de 0 a 3

Documento


Volver