Un estudo realizado pola CIG-Ensino confirma o caos provocado pola Consellaría nos centros de secundaria e FP a menos dunha semana para o comezo das clases

A modificación á alza da distancia de 1,5 metros, tras a convocatoria de folga, con máis de dous meses de atraso sobre o primeiro documento pactado co Ministerio, provoca un profundo malestar nos centros pola escasa marxe para aplicar os cambios

Aínda que xa se coñecía con anterioridade, a data do 22 de xuño debe ficar para o recordo de todas e todos na pésima xestión do inicio de curso por parte da Consellaría. Foi a data da publicación do acordo subscrito polo Ministerio de Educación e 15 CC.AA. entre as que se encontraba Galiza. Nese documento figuraban como recomendacións as ratios (15 alumnos como cifra aconsellábel por aula e 20 como máximo) e a distancia física entre o alumnado: 1,5 metros.

A Consellaría incumpriu o pacto e agardou a que pasase a cita coas urnas, presentando a medida de 1m entre o centro das cadeiras, que se reducía a uns 60 cm como máximo na realidade. Esta decisión, xunto con outras derivadas dun protocolo absolutamente irresponsábel levou á CIG-Ensino a promover mobilizacións no mes de xullo e a convocatoria dunha fase con dúas xornadas de folga (10 e 16 de setembro) no inicio de curso.

A rectificación da Consellaría, unha vez rexistrada a convocatoria de folga, incompleta, insuficiente e desigual, levou a un cambio nas instrucións aos centros de secundaria e FP, desprezando ao alumnado e profesorado de infantil e primaria e das ensinanzas de idiomas e réxime especial. Estes cambios implican reordenar e recalcular medidas e espazos e asumir que o profesorado e as nosas aulas son totalmente insuficientes.

Estudo da CIG detecta a necesidade dun importante incremento de profesorado e espazos en Secundaria e FP.

Un estudo de urxencia da CIG-Ensino en 175 centros que imparten ESO, Bacharelato e FP, arroxa unha cifras contundentes que deixan ben clara a irresponsabilidade da Consellaría ao manter durante máis de dous meses a negativa a aplicar, cando menos parcialmente como fixo, as medidas de distanciamento aconselladas a nivel internacional. Esta é a foto que nos deixa quedar ese estudo:

  • Tan só un 24% dos centros consultados afirman contar con espazo suficiente nas aulas ordinarias das que dispoñen. En moitos casos son centros do ámbito rural.
  • O 76% restante teñen que facer desdobres. Esta porcentaxe, se nos atemos a alumnado sería superior ao afectar especialmente a centros grandes das cidades e concellos da súa área de influencia.
  • O 68% afirma contar con espazo dabondo dentro do propio centro para acoller os desdobres necesarios. Nas respostas proporcionadas polos centros indícase, con todo, que esa ocupación suporá sacrificar espazos moi necesarios nos centros. As alternativas ás que se verían obrigados suporán un grave problema para algunhas materias e para o normal funcionamento do centro: bibliotecas, aulas de música, laboratorios, salón de actos, departamentos, sala de profesorado…
  • O 32% indica que despois de facer todos os cálculos e acomodacións necesarias non teñen espazos para os desdobres, o que os leva, seguindo indicacións da Inspección, a facer petición de profesorado para que algúns cursos teñan aulas na quenda de tarde (en todos os casos consultados pola CIG-Ensino últimos cursos da ESO e todo o Bacharelato).
  • O 23% dos centros considera que, cos novos cálculos, non vai necesitar profesorado.
  • O 77% afirma que non poden asumir os desdobres sen incrementar docentes. As casuísticas neste caso son moi variadas. Desde centros que precisan poucos docentes (entre 1 e 4) e aqueles que precisan un incremento moi importante, nalgúns casos superiores a 12 profesores e profesoras.

Diante destes datos cabe preguntarse porque a Consellaría desbotou a posibilidade de estabelecer acordos de colaboración cos concellos máis afectados e así poder usalos, total ou parcialmente, para as actividade lectivas. Hai que ter presente que a obriga a recorrer a quendas de tarde, unha solución que desde a perspectiva da necesidade dunha educación presencial, pode ser unha saída para o alumnado de maior idade, non deixa de ser un inconveniente importante para a conciliación do profesorado e da familias naqueles centros e ensinanzas nas que nunca existiu quenda de tarde. A negociación interadministrativa de cesión de espazos municipais podería ser unha solución a este problema que a desidia e irresponsabilidade da Consellaría na xestión deste comezo de curso torna agora inviábel.

As escolas de idiomas, os conservatorios e as escolas de artes, discriminadas.

O protocolo non recolle a ampliación de distancia a 1,5m para estes centros, ao igual que acontece con infantil e primaria. A incerteza é total nestes momentos e maior aínda o malestar ao non recibir o mesmo trato que os IES, cando en moitos casos as ratios son tanto ou máis elevadas, un exemplo máis do despropósito da Consellaría.

Volver