Un estudo da CIG-Ensino revela que a porcentaxe de profesorado interino representa o 9,2% do total en Galiza
A partir de datos en bruto solicitados á Consellaría, o sindicato realizou un informe no que se desagrega o número total de 30.127 docentes por especialidades e situación administrativa
A central sindical reclamaralle á Consellaría na Mesa Sectorial na que se negocie a oferta de emprego público de 2024 que oferte as prazas necesarias para reducir a taxa de interinidade total por baixo do 5% e que teña en conta a particularidade das especialidades que teñen menor mobilidade.
A CIG-Ensino fai público un estudo realizado a partir de datos facilitados pola Consellaría sobre o profesorado do ensino público non universitario de Galiza que, ou ben é funcionariado de carreira e en prácticas, ou ben persoal interino con contrato durante todo este curso académico. En concreto, neste último caso, a cifra de 2.768 que representa o 9,2% dos 30.127 docentes totais, corresponde ao profesorado interino contratado a xornada completa con data 1 de outubro deste ano. É dicir, non se computan as medias xornadas nin o elevado número de substitucións que teñen como data de finalización o 30 de xuño, así como as de menor duración. Tampouco se ten en conta o profesorado de Relixión, que supón un total de 723 docentes (elevando o total a 30.850 con data 1 de outubro). Tendo en conta as cifras oficiais empregadas polo sindicato para este estudo desvélase, en primeiro lugar, a rotunda falsidade da información proporcionada polo conselleiro de Educación, quen xa con data 6 de setembro cifrou “en máis de 31.000 docentes” o total do profesorado con que contaba a educación pública galega, cando naquela altura aínda faltaban por contratar algúns centos de docentes interinos que xa se computan neste informe da CIG-Ensino.
Cadro 1.PROFESORADO DO ENSINO PÚBLICO. CURSO 2023/24
CORPO |
Total |
Persoal interino |
% Persoal interino |
MESTRES |
13.379 |
643 |
4,8% |
PES |
14.441 |
1.698 |
11,8% |
PESSFP |
872 |
169 |
19,4% |
EOI |
486 |
61 |
12,6% |
CAT.MUS.AA.EE. |
114 |
52 |
45,6% |
PROF.MUS.AA.EE |
517 |
39 |
7,5% |
PROF.ARTES E DESEÑO |
142 |
31 |
21,8% |
MESTRES ARTES E DESEÑO |
20 |
4 |
20,0% |
OUTROS |
74 |
71 |
95,9% |
INSPECCIÓN |
82 |
0 |
0,0% |
Total |
30.127 |
2.768 |
9,2% |
En segundo lugar, estes datos poñen de manifesto que, malia os procedementos extraordinarios de estabilización celebrados neste 2023, a taxa de interinidade total está lonxe do 5% que aseguraba ter acadado a Consellaría (chegando a falar o conselleiro dun 2%) para limitar a temporalidade na contratación do seu persoal. Con todo, as porcentaxes de profesorado interino difire moito segundo o corpo e as especialidades de que se trate. A CIG-Ensino fará valer os resultados deste estudo á hora de negociar as prazas que teñen que saír a concurso-oposición na OPE de 2024:
Cadro 2. CÓMPUTO DE PROFESORADO A EFECTOS DE OFERTA DE EMPREGO
CORPO |
Total |
Persoal interino |
% Persoal interino |
MESTRES |
12.804 |
567 |
4,4% |
PES |
14.577 |
1.698 |
11,6% |
PESSFP |
871 |
168 |
19,3% |
EOI |
486 |
61 |
12,6% |
CAT.MUS.AA.EE. |
114 |
52 |
45,6% |
PROF.MUS.AA.EE |
517 |
39 |
7,5% |
PROF.ARTES E DESEÑO |
142 |
31 |
21,8% |
MESTRES ARTES E DESEÑO |
20 |
4 |
20,00% |
Total |
29.531 |
2.620 |
8,9% |
No cadro 2 non figura computado o profesorado interino daquelas especialidades que non poden ser ofertadas nas oposicións (Orientación de Primaria, Prácticas e Actividades de PES, Profesorado especialista…) e, con todo, como se pode comprobar nel, a proporción de persoal interino é moi dispar nos distintos corpos, situándose só por debaixo do límite do 5% no caso do corpo de mestras e mestres e nunha porcentaxe próxima na de Profesorado de Música e Artes Escénicas.
Prazas estruturais e non estruturais
As prazas que se poden convocar nas ofertas de emprego están condicionadas polos criterios fixados pola Consellaría para determinar que prazas son estruturais (estas serían as que se deben ofertar nunhas oposicións cando quedan vacantes) e as non estruturais (aquelas que estando ocupadas provisionalmente non se poden ofertar por pertencer a unha persoa con destino nela ou por outro dos criterios regulados pola administración (ver referencia ao final desta información). Para determinar que prazas son estruturais e cales non hai que partir das máis de 7.000 prazas adxudicadas con destino provisional neste curso 2023-24 (6.854 por adxudicación informática e o resto por chamamento telefónico a comezos de setembro; sempre con nomeamento por curso completo). É sobre estas prazas sobre as que debe informar a Consellaría, con independencia de que estean ocupadas por persoal interino ou funcionariado de carreira, xa que o sistema de adxudicación de destinos provisional galego (CADP) non diferenza nin pola natureza das prazas nin pola situación administrativa do profesorado.
Aínda que a Consellaría de Educación se comprometeu a identificar as prazas estruturais e non estruturais, a CIG-Ensino pode afirmar, tras confirmalo coa propia administración, que este traballo está sen facer. Neste sentido, o sindicato xa avanzou aos responsábeis de Recursos Humanos que esa información é absolutamente necesaria para determinar se a administración educativa cumpre ou non coa súa obriga de ofertar todas as prazas que a propia lei marca, evitando que se produzan novas situacións como as vividas en anos anteriores nas que a aplicación de taxas de reposición e a retención de prazas nas OPE provocaron que se incrementase a porcentaxe de persoal temporal por riba do mínimo imprescindíbel, incorrendo nun abuso de temporalidade, (cando Feijóo chegou á Xunta atopouse con pouco máis do 4% de profesorado interino e chegou a superar o cuádruplo desa cifra).
O sindicato xa avanzou a Recursos Humanos que pedirá que se teña en consideración tamén a realidade do profesorado interino que traballa nas especialidades que teñen unha menor posibilidade de renovación, é dicir, onde se prevé un menor número de xubilacións nos vindeiros cursos.
Datos de interinidades nas especialidades no corpo de mestres e mestras
Dado que actualmente o profesorado que traballa nas etapas de infantil e primaria representa o 43% do total, a súa distribución por situación administrativa é relevante de cara ao vindeiro concurso-oposición. Mentres nas especialidades tradicionalmente maioritarias, que son infantil e primaria a porcentaxe de persoal interino é moi baixa (menos do 2%) noutras como Audición e Linguaxe e Francés supera o 10%. As importantes cifras de xubilacións que se producen neste corpo fan agardar por ofertas amplas en todas as especialidades, mais é obvio que se debe prestar especial atención naquelas nas que a porcentaxe de interinidade é máis elevada.
Datos de interinidades no corpo de profesorado de secundaria e de profesorado de FP
Nas especialidades deste corpo, sobre todo despois da integración das 19 correspondentes ao antigo corpo de Profesorado Técnico de FP, hai aínda unha maior disparidade na proporción de interinidades. Como tendencia xeral son precisamente as especialidades propias da Formación Profesional as que teñen taxas superiores, chegando a superar o 20% moitas delas (as dúas da familia profesional Agraria, as dúas da familia de Edificación e Obra Civil, as dúas da familia de Informática e Comunicacións, as dúas da familia profesional Sanitaria procedentes do antigo corpo de PTFP, as dúas da familia de Comercio e Márketing, Intervención Sociocomunitaria, Organización e proxectos de fabricación mecánica e unha da familia profesional de Electricidade e Electrónica, aínda que nas outras tres hai nestes intres dificultades para atopar persoas que traballen nas listas de substitucións).
Nas cifras de interinidade nas 10 especialidades de Profesorado Especialista en Sectores Singulares de FP (preto do 10% total) tamén hai algunhas con índices moi elevados (Mecanizado e mantemento de máquinas, Patronaxe e confección, Fabricación e instalación de carpintería e moble ou Soldadura pasan todas do 20%).
Nas especialidades máis maioritarias que teñen atribución docente en Secundaria e Bacharelato as porcentaxes de interinidades son menores, aínda que obviamente o número absoluto de profesorado das mesmas e tamén de persoal interino é moi superior xa que estamos falando dun colectivo moito maior. Por orde de maior proporción de persoal interino sobre o conxunto do profesorado o estudo elaborado pola CIG-Ensino arroxa as seguintes cifras: Economía o 16,6%, Tecnoloxía o 13,3%, Educación Física o 12,9%, Lingua e literatura galega o 12,7%, Inglés o 12,1%, Filosofía o 10,5%, Orientación educativa o 9,9% ou Latín o 9,4%.
Porén, se reparamos no número absoluto de interinidades e non nas porcentaxes, son as especialidades de Lingua e Literatura Galega, Inglés ou Tecnoloxía as que máis destacan, superando todas elas o centenar de interinidades. Outras como Lingua Castelá, Educación Física, Xeografía e Historia, Matemáticas, Economía ou Orientación superan as corenta interinidades.
Ensinanzas de réxime especial
A disparada porcentaxe no caso do corpo de cátedras de música (por riba do 45%) está relacionada cos efectos aínda sen resolver por parte da Consellaría do proceso de promoción interna a este corpo convocado no ano 2018 e que foi motivo dunha controvertida sentenza no TSXG que, unha vez executada, acabou sendo contraditoria co pronunciamento do Tribunal Constitucional nun caso semellante. Unha vez que se peche definitivamente este conflito debe tamén buscarse unha solución a esta alta taxa de interinidade.
No caso do profesorado das EOI, no que imparte docencia en conservatorios profesionais ou nas escolas de arte e superiores de deseño, as cifras son carácter xeral moito máis próximas ás porcentaxes mínimas de interinidades, só con algúns casos que deben levar á Consellaría a prestar atención na oferta para próximas oposicións, tanto de oferta libre como de promoción interna para outros corpos.
No curso 2023-24 hai máis de 7.000 prazas de destino provisional. O resto do profesorado ocupa prazas con destino definitivo (todas elas estruturais).
A Consellaría debe determinar que prazas desas 7.000 forman parte das que poderían ser ofertadas nun proceso selectivo e nun concurso de traslados (estruturais) e cales non. Neste caso, a propia administración fixou un criterios para determinar cando non o son:
Considéranse prazas non estruturais nos centros educativos as seguintes:
- a) As prazas ofertadas para provisión temporal con xornada reducida.
- b) As prazas que sexan cubertas mediante un nomeamento posterior ao 1 de xaneiro de cada curso académico.
- c) As prazas que sexan propiedade dunha persoa titular que non as desempeña temporalmente, por estar en comisión de servizos, en permiso sindical a tempo completo, en situacións administrativas distintas da de activo con reserva de praza, e outras análogas.
- d) As prazas derivadas das reducións de xornada do persoal que desempeña cargos directivos nos centros tipo A, B e C que imparten as ensinanzas distintas da educación infantil e primaria e educación especial.
- e) As prazas temporais pertencentes ao corpo de mestras que non estean incluídas no catálogo de postos de traballo dos centros de educación infantil, educación primaria, educación infantil e primaria, educación especial e centros públicos integrados.
- f) As prazas desempeñadas en especialidades non vixentes.
- g) As prazas desempeñadas por persoal seleccionado como persoal especialista ou persoal experto.
- h) As prazas ofertadas en centros non dependentes da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.
- i) As prazas que non estean previstas na planificación educativa.