Un enchufe clamoroso
No Concurso de Traslados
A Consellaría de Educación, así que rematou o prazo para poder concursar, publicou as vacantes provisionais obxecto de provisión no concurso xeral de traslados. Sorprendentemente nesas vacantes figura unha praza da especialidade Conservación e Restauración do Documento Gráfico, código 596, cando na Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galiza non se imparte nin está creada a dita especialidade nin foi solicitada polo centro, nin pola inspección educativa.
Ante esta enorme sorpresa, tanto o centro como a CIG-Ensino póñense en contacto coa Consellaría a fin de que nos informe de se se trata dun erro ou non. A Consellaría xustifica a oferta da dita vacante, baseándose en que como hai materias que son comúns poden ser impartidas por calquera profesor ou profesora das especialidades correspondentes aos estudos superiores de restauración, sen ter en conta que, ao non impartirse esa especialidade, non é necesario ese perfil e que, ademais, de ser preciso, hai profesorado do propio centro que posúe dobre especialidade e que reúne os requisitos. Insistimos en que a Escola Superior de Restauración de Pontevedra, única en Galiza, nunca impartiu a especialidade de Conservación e Restauración do Documento Gráfico, senón que as especialidades que oferta son Conservación e Restauración de Materiais Arqueolóxicos, de Obras Escultóricas e de Obras Pictóricas e que, por tanto, o que está a facer a Consellaría é sacar unha vacante dunha especialidade que, no entanto, se nega a crear no centro.
Cabe pensar que o motivo polo que a Consellaría se obstina en sacar unha vacante innecesaria de maneira irregular e ilegal é o de beneficiar a unha docente con nome e apelidos, como así o confirman os feitos. Hai que ter en conta que a existencia desta praza só se coñece despois de rematado o prazo de participación no CXT. Como é posíbel que esta profesora solicite unha praza dunha especialidade que non existe? E que casualidade que a solicite e a consiga!
A causalidade é a seguinte:
- A persoa beneficiada, con destino definitivo na Escola de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Avilés, tiña manifestado o seu desexo de integrarse como profesora no centro de Pontevedra.
- Esta profesora sendo funcionaria de carreira en Asturias permanecía nas listaxes de interinos e interinas na especialidade de Conservación e Restauración de Obras Pictóricas de Galiza e o seu nome aparecía e desaparecía desta listaxe en varias ocasións, até que decaeu dela despois da denuncia feita.
- Esta profesora con destino definitivo en Asturias estivo, segundo a nosa información, a piques de ser nomeada directora da Escola Superior de Bens Culturais de Galiza no momento da dimisión do anterior equipo directivo.
- Foi, tendo o destino definitivo como profesora en Asturias, designada asesora técnica do MUPEGA e, pouco tempo despois, o 24 de abril de 2015, nomeada directora polo sistema de libre designación (posto de confianza).
- A realidade é que a persoa beneficiada está moi ben relacionada con altos cargos da Xunta de Galiza. Hoxe, é directora do MUPEGA por libre designación e, aínda tendo destino definitivo en Asturias, a Consellaría adxudícalle, mediante o CXT, unha praza dunha especialidade inexistente na Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Pontevedra, mais non oferta ningunha vacante das especialidades que se están a impartir.
Estamos ante un feito gravísimo que non só é irregular senón tamén ilegal e dun claro nepotismo, isto é, ante “un enchufe clamoroso”.
A CIG-Ensino xa lle exixiu á Consellaría de Educación na Mesa Sectorial a retirada desa vacante, presentou unha resolución na Xunta de Persoal Docente de Pontevedra e unha reclamación á adxudicación provisional do CXT para que se anule.
A CIG-Ensino, en sintonía co profesorado da dita escola, levará a cabo diferentes iniciativas até conseguir que a Consellaría retire esta vacante. De non ser así, presentará contencioso-administrativo, xa que non se pode permitir que no ámbito da administración pública se asenten prácticas corruptas de nepotismo e totalmente caciquís.