Un comezo de curso pospandémico? A “volta á normalidade” dos recortes e do abandono do ensino público

O secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, fixo unha avaliación da situación do inicio deste curso e anunciou as concentracións que van ter lugar este mércores día 7 contra os recortes da Xunta

Entre os principais ítems que marcan este inicio de curso Suso Bermello destacou os seguintes: 

  • Galiza é das poucas comunidades que quedan sen recuperar a redución do horario lectivo do profesorado
  • Menos profesorado e peores condicións de traballo, con máis afíns e itinerancias
  • Centos de docentes interinos cesados e un profesorado substituto que terá máis difícil traballar ao longo do curso
  • Maiores ratios en todas as etapas
  • Menos aulas de infantil e primaria no rural
  • Menor oferta educativa en centros de secundaria
  • Improvisación e desidia da Consellaría na posta en marcha das novidades didácticas e curriculares
  • Abandono das familias para afrontar o enorme incremento de prezos

Recorte continuado de profesorado

O curso 2022/23 comeza cunha nova tesoirada no emprego público docente. A falta de cifras completas e xerais, que a Consellaría se nega a proporcionar, este curso comeza con 717 docentes menos con destino provisional, segundo a comparativa da adxudicación definitiva de destinos co curso 21/22. É, despois do recorte do curso pasado, que segundo datos oficiais da Consellaría supuxo 869 docentes menos, a maior redución desde hai máis de 13 anos. Este dato inclúe, entre outros, os efectos do peche de 59 aulas en Infantil e Primaria (só neste caso xa se perderon uns 100 postos de traballo) xunto coa redución de prazas que se viñan cubrindo nos CEIP con carácter provisional e se negan neste curso, especialmente no caso de prazas de apoio de Infantil e de profesorado de Pedagoxía Terapéutica e Audición e Linguaxe. Pola contra vemos como, no que atinxe á atención á diversidade, mantéñense todas as axudas ao ensino privado concertado e incluso, como denunciamos a semana pasada, que se inclúe nas mesmas a contratación de perfís profesionais que non existen nos centros de titularidade pública. 

No caso de secundaria, existe un recorte xeneralizado de postos de traballo, eliminando a práctica totalidade dos desdobres anteriores e imposibilitando manter a oferta educativa existente, nalgúns casos desde hai anos: ensinanzas de adultos nos IES, diversidade de optativas etc. Como denunciaron publicamente ao longo deste verán varios centros educativos estas medidas implicarán unha perda enorme da calidade educativa dos centros e chegar á ratio máxima de ESO e Bacharelato, mesmo en institutos que non teñen suficiente espazo para todo o alumnado. A redución de docentes nestas dúas etapas educativas, mediante a amortización de prazas de persoas que se xubilan ou que están en postos fóra do centro, non está baixo ningún concepto xustificada dado que o propio conselleiro vén de indicar estes días que aumentou o alumnado matriculado con respecto ao curso pasado. 

En xeral, a perda de postos de traballo afecta especialmente a Educación Infantil, o ensino obrigatorio (Primaria e ESO) e o Bacharelato e non é maior polo incremento de docentes na Formación Profesional e nalgunhas ensinanzas de réxime especial. Na evolución do total de docentes, sempre segundo datos oficiais da Xunta, vese claramente unha perda incesante de postos de traballo no ensino público que contrasta co incremento de postos no ensino privado. Tan só en Infantil e Primaria o recorte de mestras e mestres desde a chegada do PP á Xunta no 2009 é superior ao 10% ao tempo que o profesorado do ensino privado no seu conxunto aumentou preto do 6%. 

Os recortes teñen, por tanto, un efecto enorme na oferta educativa e na capacidade de ofrecer unha atención á cada vez maior diversidade presente nas nosas aulas, como reclaman familias, alumnado e profesorado ano tras ano.

Ceses e empeoramento das condicións de traballo 

A perda de postos de traballo ten obviamente uns efectos determinantes nas condicións nas que o profesorado realiza o seu traballo e, obviamente, na propia perda do emprego. Neste curso 2022/23 amplíase a porcentaxe de profesorado que terá que impartir materias afíns  ou diferentes á da súa especialidade nun 2% ao respecto do curso anterior. Así, e sempre partindo de datos do profesorado que ten destino provisional, no caso de secundaria, FP e outras ensinanzas case un terzo do mesmo impartirá afíns

No caso dos e das mestras de Infantil e Primaria cabe salientar o aumento do profesorado itinerante, que é aquel que ten que impartir docencia en varios centros. Aínda que na maior parte dos casos isto implica traballar en dous centros, hai numerosos docentes que percorrerán até tres e catro escolas durante a súa xornada semanal. A itinerancia segue a ser especialmente preocupante no caso de Orientación educativa, na que máis da metade das mestras e mestres provisionais teñen que atender varios colexios, algo que a CIG-Ensino vén denunciando reiteradamente e para o que ten demandado un novo deseño da rede de orientación, reducindo ao mínimo imprescindíbel a compartición de centros. 

A continuidade da política de potenciar a impartición de materias nun idioma estranxeiro (basicamente o inglés) continúa a súa escalada e ten repercusións importantes na distribución de postos de traballo no persoal interino e provisional. Máis alá das consideración de relegación do noso idioma na carga horaria das materias ou mesmo de consideracións pedagóxicas cada vez máis estendidas en contra dun modelo que non funciona e que, pola contra, debera reforzar a redución de alumnado nas aulas do propio idioma estranxeiro, o certo é que hai moitas e moitos docentes interinos de longa antigüidade que ficaron sen traballo ao seren ocupadas as prazas por persoal con perfil bilingüe, agravando aínda máis os efectos sobre este persoal provocados polos recortes. 

A redución de profesorado interino neste curso ascende a 1.225 docentes. Débese fundamentalmente a tres factores: aos efectos dos recortes de postos de traballo provocados pola política da Consellaría, ao propio resultado das ofertas de emprego descompasadas neste ano 2022, despois do concurso-oposición celebrado en xullo e á espera do concurso de méritos extraordinario que terá lugar con toda probabilidade ao longo deste primeiro trimester e, sobre todo, á negativa da Xunta a que o profesorado recupere o horario lectivo previo aos recortes de Feijóo agora co continuísmo de Rueda, con 18 períodos lectivos en secundaria e 21 en primaria. Por mor destas circunstancias, centos de docentes pasarán de traballar todo o curso a facer substitucións e outros moitos e moitas máis que traballaban uns meses ao ano verán moi difícil ou case imposíbel ser chamados. Novamente, a nivel laboral, os recortes inciden na precariedade. A inexistencia dun acordo de estabilidade que lle garanta emprego a aquel profesorado interino con longa traxectoria ou de avanzada idade, que vén defendendo a CIG-Ensino en solitario desde hai moitos anos, impide que unha boa parte deste profesorado teña continuidade laboral durante todo o curso. 

Galiza pasou nestes anos de ter o persoal docente coas mellores condicións no que ao horario lectivo se refire a ser xa unha das peores. O PP galego mantén, xa case en solitario no conxunto do estado, a negativa a recoñecer publicamente o esforzo e traballo docente e a restituír unhas condicións que non implican traballar menos senón facelo en mellores condicións, para o profesorado e, como consecuencia, que melloran a calidade do sistema educativo.

A crise social e económica cébase coas familias e cos centros educativos sen que a Xunta mova un dedo

Coa hipocrisía que caracterizou sempre a Feijóo, que en Galiza sabemos ben que exerceu como campión dos recortes en moitos ámbitos do sector público, podemos ver como nestas datas o PP español reclama a gratuidade dos libros de texto que o propio Feijóo se cargou nada máis chegar á Xunta. Malia o brutal encarecemento dos prezos, a Xunta non muda a súa política de subvención controlada dos libros de texto. Sen rectificar e aceptar o que moitas entidades e organizacións como a CIG-Ensino lle demandamos, a volta á gratuidade total dos libros de texto e de todo o material escolar, o que provoca o agora presidente Rueda é que miles de familias se vexan aínda en maiores apuros para afrontar unha volta ás aulas especialmente complicada. 

Os centros educativos tamén están afectados pola política de limitación de investimento no ensino público da Xunta. Un dos problemas estará, sen dúbida, nos comedores escolares. O curso pasado a Consellaría só incrementou catro céntimos por comensal (e tan só no último trimestre) os fondos para os comedores propios da Xunta nos centros escolares. Neste comezo de curso, e malia a evolución dos prezos dos alimentos, non se sabe nada de ningún posíbel incremento substancial que permita manter estándares de calidade no servizo de comedores escolares dos centros públicos, algo que a CIG-Ensino considera fundamental.

Outro elemento que xera unha especial preocupación desde os centros, e así nolo trasladan os equipos directivos, é o relativo aos gastos de funcionamento dos mesmos, que tan só en calefacción se poderían disparar até facelo inasumíbel. Urxe unha reacción da Xunta en todo o relacionado cos gastos básicos de todos os centros educativos (luz, gasóleo, material funxíbel…) se non se quere provocar un colapso nuns meses.

Resposta conxunta de toda a comunidade educativa o día 7 de setembro 

Ante o forte descontento co que arranca este curso, a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, da que forma parte a CIG-Ensino, xunto co BNG, ANPAS Galegas e Erguer, convoca para este mércores unha serie de accións en protesta polos recortes. Por un lado, familias, alumnado e profesorado están chamados a concentrarse nos centros educativos ás 11:30 para pór de manifesto este malestar e a súa desconformidade cos recortes. Por outro, representantes das organizacións que conforman a Plataforma chaman tamén a sumarse -a quen poida achegarse- a unha concentración que terá lugar á mesma hora fronte á Consellaría de Educación no edificio central da Xunta de Galiza en Santiago. Por parte da CIG-Ensino non se descartan outras mobilizacións no caso de que non se atendan as demandas de persoal por parte dos centros educativos e a Consellaría siga sen querer iniciar a negociación da recuperación do horario lectivo previo á chegada de Feijóo ao goberno que, xunto coa redución de ratios, son as únicas medidas que permitirán manter a calidade da atención e a equidade do ensino público galego.

 Material para as concentracións
CIG Informa de avaliación de inicio de curso e convocatoria de concentaciónns polos recortes

Documento


Volver