Un ano máis a Consellaría retrasa a publicación das axudas para o fomento do galego e mantén os recortes de medio millón de euros para o seu financiamento
Desde a chegada de Feijóo á Xunta esta partida viuse recurtada nun 70%
Educación segue sen publicar a Orde de axudas para a promoción do galego por parte dos Equipos de Normalización Lingüística correspondente a este curso académico, un atraso que impide a planificación anticipada e que se poidan materializar moitos proxectos por falta de tempo.
A Consellaría de Educación continúa, como xa denunciamos ano tras ano, demorando a publicación da Orde de axudas a proxectos de fomento do galego por parte dos Equipos de Normalización Lingüística. A este atraso engádese que a convocatoria aos proxectos de innovación en normalización aínda se fixo pública o pasado luns 14 polo que os equipos encargados nos centros educativos de fomentar o uso da nosa lingua dificilmente poden planificar con anticipación o traballo que van realizar. E o que é peor, que como o resultado dos proxectos premiados e da asignación que recibirá cada equipo non se coñecerán até ben avanzado o curso pouca marxe de tempo queda para a súa materialización.
Desde a CIG-Ensino cualificamos este desleixo como “intencionado” por parte da Consellaría de Educación, que demostra que o fomento do noso idioma non está entre as súas prioridades, senón máis ben todo o contrario, a teor destes atrasos e do mantemento da redución dos fondos nun 70% con respecto á dotación que se asignaba a esta partida durante o bipartito. Así, as contías quedan un ano máis do seguinte xeito: 10.000 euros para 5 proxectos de innovación na área de normalización lingüística, fronte aos 27.500 que se dedicaron no curso 2009/2010, mentres que no caso das axudas de fomento da lingua, os tramos por número de alumnado son:
|
Curso 2010/11 |
Curso 2018/19 |
Redución |
Centros de máis de 50 alumnos/as |
2000 |
800 |
- 1200 |
Centros con entre 25 e 50 alumnos/as |
500 |
300 |
- 200 |
Centros con menos de 25 alumnos/as |
350 |
150 |
- 200 |
Desde o sindicato instamos ao departamento de Educación a convocar canto antes estas axudas, que xa deberían saír en novembro, e a incrementar a dotación para todo o referente á promoción da nosa lingua no sistema educativo, alicerce fundamental para asegurármonos o seu uso futuro na sociedade.