
Ultimas novidades sobre a eliminación da xornada matinal reducida de xuño e setembro
Calendario Escolar
Ligazón vídeo afecionado da manifestación do 3 de maio |
Últimas novidades sobre a eliminación da xornada reducida matinal en xuño e setembro
Na Mesa Sectorial de hoxe venres día 4 de maio, convocada xa a semana pasada para tratar os Decretos dos graos elementais de Música e Danza e da Escola Oficial de Idiomas, aínda non estando o presidente da Mesa Sectorial, a CIG-Ensino, no punto de varios, reclamou que a Consellaría rectifique e traia de novo o tema do calendario escolar á Mesa Sectorial. A CIG-Ensino dixo que: “en consideración á folga masivamente secundada onte por mor do mantemento da xornada matinal reducida agardamos, e así o temos solicitado, unha entrevista coa Conselleira, para que rectifiquen e se restabeleza a xornada reducida e que se traslade a negociación á Mesa. Parécenos totalmente improcedente o proceso seguido durante esta fin de semana (reunións ás que non foi convidada a CIG, textos diferentes en cada reunión, en sábado, e a tres días dunha convocatoria de folga, etc.), xa que a Mesa Sectorial é o único marco de negociación. Esperamos que se teña en conta a folga maioritaria de onte. Estamos á espera de que se restitúa a xornada reducida, que se nos reciba e que se dea saída definitiva ao conflito.”
Agora, despois dunha negociación escurantista, á marxe dos órganos de negociación, de ter desconvocado a folga e ter aceptado e asinado a liquidación da xornada reducida e non garantir a continua a todos os centros, as outras organizacións sindicais están dispostas a traer á Mesa o mesmo texto co único obxectivo de darlle carta legal a un acordo semiclandestino, malia unha folga maioritaria celebrada onte mesmo.
Reunión do ensino concertado:
Ao mesmo tempo, tamén hoxe había unha reunión do Ensino Concertado na Consellería (desta vez si que se nos convocou xunto co resto), para tratar unha proposta de acordo sobre o calendario escolar co obxecto de desconvocar a folga prevista no ensino concertado para o día 9.
A Consellaría presenta unha proposta en termos semellantes ao recollido no acordo cos outros sindicatos para desconvocar a folga no ensino público. Mais, sorprendentemente, nesta Mesa da Concertada, os mesmos sindicatos, non asumiron a proposta presentada porque para ter xornada continuada era preceptivo, igual ca na pública, que fose aprobada polo Consello Escolar e non aceptan que dependa esta decisión deste organismo. Non sabemos o que farán o luns, mais chama poderosamente a atención que acepten para a pública o que non asumen na privada, co que veñen a recoñecer que, a parte de liquidar a xornada reducida, non se garante a continuada en todos os centros.
Quen mente?
A CIG-Ensino non quere entrar a respostar ás continuas difamacións e calumnias vertidas contra nós por outras organizacións sindicais, que se constitúen en plataforma “anti-CIG”. Soamente clarexar que A CIG asistiu a todas as reunións ás que foi convocada. O acordo asinado para desconvocar a folga liquida a xornada reducida e a xornada continuada depende, como mínimo, de que sexa aprobada no Consello Escolar.. Hai que salientar que a diminución do horario e o compromiso de negociar os catálogos xa estaba asumido pola Consellaría desde o 27 de marzo, tal e como podedes comprobar no fragmento de acta da que reproducimos a continuación a intervención do Secretario Xeral da Consellaría, que coincide co recollido na Nota Informativa remitida a todos os profesores profesoras ao seu correo electrónico persoal o día 27 de abril:
“Manteremos esta proposta de calendario horizontal desde o principio de curso ata ao final.
Estamos dispostos a:
1º Reducir o número de días lectivos do calendario escolar, adiar 2 días o comezo (10 horas).
2º Estamos tamén dispostos a reducir 2 horas de docencia lectiva semanal e 2 h. de permanencia no centro para o profesorado.
O número total de horas de obrigada permanencia nos centros para o profesorado do corpo de mestres con destino
en centros de infantil, infantil e primaria e educación especial pasará de
A admón. cubrirá estas horas con especialistas nas unitarias, para compensar esas horas que vaia librar o profesor.
3º O persoal laboral de comedores terá beneficios significativos.
Detrás de todo isto están os catálogos. A admón. está disposta a negociala antes de que remate o curso.”
Na nota informativa enviada, o 27 de abril, pola consellaría a todo o profesorado por correo eléctronico, indicaban ademais que mantiñan o ofrecemento de cara á negociación futura a redución do horario lectivo do corpo de mestres.
O mesmo acordo asinado o día 30 para desconvocar a folga recolle, no apartado 6º, que esa negociación, a dos catálogos, xa fora comprometida. Caen na súa propia trampa ao recoñecer que era unha negociación xa acordada.
É lamentábel que se recorra a xustificar un acordo para desconvocar unha folga en base ao inicio dunhas negociacións que xa estaban comprometidas, sen conseguir a xornada continuada e reducida para todos os centros.
A CIG-Ensino de non ter unha resposta positiva da Consellaría á folga e á manifestación, nos días vindeiros, levaremos a cabo novas accións até acadar o obxectivo que nos temos marcado.