Últimas novidades no Real Decreto do Concurso Xeral de Traslados

O ministerio remitiu un 4º borrador do CXT

Con posterioridade á Mesa Docente o Ministerio de Educación remitiunos un novo documento actualizado (4º borrador) no que figuran os cambios previamente anunciados polo propio Ministerio así como outras mudanzas no texto froito do debate na reunión do día 9. En principio, este texto sería o que o Ministerio tramitaría a partir de agora nos diferentes órganos consultivos, antes da súa aprobación polo Goberno e publicación no BOE na primeira semana de xullo, polo que só cabe agardar, de habelos, cambios técnicos e de redacción. 

  • Criterios de desprazamento: O Ministerio, logo da explicación do que estes cambios supuxeron en Galiza á hora de “desatascar” o concurso de traslados nos corpos de secundaria así como un maior grao de coherencia co respecto á permanencia do centro, cambia agora e redacción e regula, como normativa non básica o que temos en Galiza desde 2006: priorizar a antigüidade no centro nos corpos de secundaria á hora de decidir quen queda desprazado por falta de horario, ao igual que se fai no corpo de mestres. Esta redacción poderá ser empregada polas diferentes CC.AA. ou dispoñer unha diferente. No caso galego non é preciso modificala ao termos xa estes criterios en vigor.
  • Melloras técnicas na redacción: incorpora “mencións e especialidades” ao se referir a diferentes titulacións de Grao que non puntúan.
  • Certificados de coñecemento de linguas estranxeiras: indican que cando se presenten no apartado 3.3 (titulacións de EOI) ou no 5 (certificación por entidades) diferentes niveis de competencia, só se valorará o certificado de nivel superior nun dos apartados.
  • Cargos directivos e outras funcións: reducen de 5 a 4,5 puntos a puntuación de dirección e limitan a un máximo de 10 puntos a puntuación de cargos de coordinación docente.
  • Puntuación de titoría de prácticas de oposicións. Limitan a puntuación da titorización das prácticas do profesorado que aprobou un concurso-oposición ás que se realizaran desde o curso actual.

Péchase a negociación dos cambios no Real Decreto do concurso de traslados sen cambios relevantes ao respecto do último borrador

O texto terá que pasar agora diversos trámites burocráticos e prevese a súa publicación no BOE na primeira semana de xullo.

Convocada nova Mesa Docente estatal para modificar o Real Decreto de Concurso de Traslados

Terá lugar o xoves 9 de maio e xa contamos co terceiro borrador remitido polo Ministerio.

 

 

 

 

Volver