Tres de cada catro solicitantes do Mestrado de Formación do Profesorado quedan sen praza nas universidades galegas

Os datos desta disfunción entre a oferta e a demanda educativa destes estudos fóronlle trasladados á CIG-Ensino polo sindicato estudantil Erguer

O sindicato xa denunciou en reiteradas ocasións que esta oferta raquítica de prazas, en total 775 entre as tres universidades, causa unha fenda económica entre o estudantado e favorece o lucro de entidades privadas de fóra de Galiza.

No marco da pandemia, no que as administracións educativas abriron listaxes de substitucións sen esixir o Mestrado de Formación do Profesorado como requisito para exercer, e ante as oportunidades laborais que se abren no ensino público galego mais tamén no privado, coa renovación de boa parte do persoal docente que se vai xubilar nesta década, cunha tendencia media dun milleiro de xubilacións nestes últimos anos tan só na rede pública, un dos principais obstáculos que se atopan as persoas aspirantes a ocupar estes postos está precisamente na oferta educativa das Universidades. Deixando a un lado as titulacións para exercer en primaria e infantil que non precisan cursar ningún estudo a maiores que o Grao universitario, tan só unha de cada catro persoas tituladas noutras especialidades obteñen praza no Mestrado en Profesorado de Educación Secundaria e Bacharelato, Formación Profesional e Ensinanzas de Idiomas. 

Así se desprende dun estudo feito pola organización estudantil Erguer que lle foi presentado ao sindicato CIG por medio dos seus voceiros na USC, Paulo Alonso e Javier Fouces. En termos xerais no curso actual 2020/21 o sistema universitario galego ofertou só 775 prazas desta titulación para a que se presentaron 3.298 solicitudes, é dicir, a demanda superou a oferta en até 4,5 veces máis, tal e como se pode ver na seguinte táboa:

MESTRADOS PROFESORADO SUG

Prazas ofertadas

Prazas

solicitadas

Ciencias experimentais (Mat, Tecnol, BeX, FeQ, Inform)

163

980

Educación física

66

151

Lingua e Literatura Galega e Castelá

101

289

Linguas estranxeiras

65

207

Artes (plásticas e visuais, Debuxo)

55

233

Música

20

21

Ciencias Sociais (XeH, Humanidades)

95

339

Orientación educativa

80

134

FP FOL

50

253

FP (outros)

80

691

TOTAL SUG

775

3298

Desde a CIG-Ensino o seu secretario nacional Suso Bermello e a responsábel de Formación, Ana Rodiño, amosaron o total apoio do sindicato maioritario no ensino público á campaña que vén de iniciar Erguer para conseguir un aumento de prazas públicas para cursar estes estudos en Galiza. Coincidiron plenamente na análise de que esta escaseza provoca grandes desigualdades entre o estudantado que quere formarse para poder acceder á docencia, sobre todo en termos económicos pero tamén académicos. “Non ten ningún sentido que habendo posibilidades de inserción laboral posterior no ensino público, como se está observando nestes últimos ano e se agarda nos próximos, sexan as universidades galegas as que obstaculicen esas opcións derivando cara institucións privadas de fóra de Galiza ao alumnado que se pode permitir pagar os prezos abusivos de matrícula que ten este Mestrado e que en boa parte dos casos rolda os 6.000 euros fronte aos pouco máis de 600 que custa no noso país”, explicou Bermello. 

A Xunta de Galiza ten un papel central que xogar nesta limitación da oferta de prazas nos mestrados e na derivación do alumnado galego con recursos ás universidades privadas e á exclusión a quen non ten un determinado nivel de renda, nun momento no que, ademais, a crise social e económica está a incidir con forza na clase traballadora, cuns efectos que se prevén vaian en aumento. “A Xunta debe levantar o veto á ampliación da oferta e permitir que o noso estudantado poida cursar estes estudos no noso país e na rede universitaria pública” afirmou Suso Bermello. 

Datos desagregados por universidades 

O desaxuste entre a oferta e a demanda destes estudos mantense nas tres universidades galegas, aínda que é moito máis acusado nas de Santiago e Vigo. Así, na USC, tal e como se pode ver na táboa inferior, este curso aspiraban a cursar o Mestrado de Formación do Profesorado 1.045 persoas para un total de 261 prazas (201 no Campus de Compostela e 60 no de Lugo).

MESTRADOS PROFESORADO USC

Prazas ofertadas

Prazas

solicitadas

Campus Santiago

Ciencias Experimentais: Matemáticas

40

196

Ciencias sociais: Humanidades

40

130

FP Sector Servizos

20

159

Linguas e Literaturas

41

123

Arte

20

79

Orientación educativa

40

64

SUBTOTAL

201

751

Campus Lugo

Ciencias Experimentais: Matemáticas

20

147

FP Sector Primario e secundario

20

81

Linguas e Literaturas

20

66

SUBTOTAL

60

294

TOTAL USC

261

1045

Tamén na Universidade de Vigo quedaron fóra moitas persoas aspirantes. Cómpre ter en conta que ante a raquítica oferta moitas persoas xa deciden non preinscribirse, sobre todo quen está xa traballando e precisa certa flexibilidade para cursar estes estudos. Aí é cando se pon de manifesto o negocio de universidades privadas que ofertan a totalidade deste Mestrado online e que se converten na única posibilidade real de completar esta formación para moito alumnado galego. No sindicato temos recibido queixas a este respecto e así llo trasladamos en diversas Mesas Sectoriais á Consellaría de Educación nas que se debate o procedemento de oposicións.

MESTRADOS PROFESORADO UVIGO

Prazas ofertadas

Prazas solicitadas

Campus Vigo

Ciencias Experimentais: Bioloxía Xeoloxía, Física e Química

20

171

Ciencias Experimentais: Matemáticas e Tecnoloxía.

20

177

FP Sector Servizos

20

244

FP Sector primario e secundario

20

207

FP Formación e Orientación Laboral

20

186

Lingua e Literatura: Linguas estranxeiras

40

141

Lingua e Literatura Galega e Castelá

20

67

SUBTOTAL

160

1193

Campus Pontevedra

Artes: Debuxo

20

103

Educación Física

20

62

Orientación educativa

8

37

SUBTOTAL

48

202

Campus Ourense

Orientación

12

24

Ciencias sociais: Xeografía e Historia

20

114

Ciencias sociais: Humanidades

20

71

Ciencias Experimentais: Tecnoloxía e Informática

20

104

SUBTOTAL

72

313

TOTAL

280

1708

Os datos da Universidade de Vigo demostran que de novo unha de cada seis persoas solicitantes non obtivo praza e sorprende significativamente a escasa oferta nas especialidades nas que tradicionalmente a principal saída laboral soe ser o ensino, como as 20 prazas que se reparten para titulados e tituladas en Lingua e Literatura Española e Galega, outras 20 para Matemáticas e Tecnoloxía e outras 20 para Xeografía e Historia. Semella haber unha desconexión entre o mundo académico e a realidade das necesidades do sector educativo en bacharelato e secundaria en Galiza, xa que este ano as listaxes de Matemáticas e Galego, por exemplo, esgotáronse en varias ocasións e tiveron que abrirse varias veces ao longo do curso. 

Por último, na Universidade da Coruña é onde están algo máis equilibrados os datos. Con todo, a demanda duplica amplamente a oferta. O total do número de solicitudes foi a comezos deste curso de 545 e finalmente obtiveron praza 234 estudantes. 

MESTRADOS PROFESORADO UDC

Prazas

ofertadas

Prazas

solicitadas

Ciencias experimentais

22

106

Tecnoloxía

21

79

Educación física

46

89

Fol

30

67

Lingua e Literatura Galega e Castelá

20

33

Linguas estranxeiras

25

66

Artes plásticas e visuais

15

51

Música

20

21

Xeografía e Historia

15

24

Orientación educativa

20

9

TOTAL UDC

234

545

Corrección desta disfunción no vindeiro curso académico 

Tanto a CIG-Ensino como Erguer fixeron esta mañá un chamamento público a que as tres universidades galegas reflexionen sobre unha situación que discrimina amplamente o estudantado galego que se ve abocado a cursar estes estudos en universidades foráneas alimentando un negocio privado e aplicando unha selección puramente económica entre quen pode permitirse ou non cursar uns estudos que, lembremos, son habilitantes e obrigatorios para poder acceder á docencia no ensino público. Ao tempo, destacaron que esa formación é allea por completo ao noso país e provoca unha desconexión entre a formación inicial do futuro profesorado e a realidade do sistema educativo galego.  “O privado non debería ser o filtro que se aplique para poder acabar impartindo clases na pública e a formación debe estar centrada na propia realidade educativa, social e cultural do noso país”, sentenciaron.

Volver