Tras o éxito das mobilizacións docentes do último mes os sindicatos promotores esixen unha reunión co conselleiro para negociar melloras reais

Nun comunicado conxunto CIG-Ensino, STEG e CSIF instan a Román Rodríguez a escoitar a maioría do profesorado, que puxo de manifesto tanto nos centros como nas rúas que outro acordo “é necesario e posíbel”

Os tres sindicatos, que acadaron o 60% da representación nas eleccións sindicais de hai agora un ano, fan tamén un último chamamento á responsabilidade das centrais minoritarias que asinaron “un pacto que en lugar de melloras é de renuncias” para unirse á loita conxunta e non traizoar así o colectivo docente galego que, malia todo, se mantivo unido durante este mes reivindicativo.

No documento remitido ao titular de Educación, Román Rodríguez, as centrais CIG-Ensino, STEG e CSIF parabenizan o profesorado galego por amosar “un enorme compromiso e dignidade coa súa participación nas diferentes mobilizacións, desde as accións de protesta nos centros até as manifestacións nas rúas, así como nas dúas xornadas de folga”. En concreto avalían moi positivamente a masiva asistencia ás manifestacións convocadas tanto os días 24 de outubro e 28 de novembro como o 19 de novembro, “todas elas máis numerosas que a celebrada hai catro anos no marco dunha xornada de folga unitaria pola recuperación horaria e mesmo que as que tiveron lugar no ano 2011 fronte ás políticas de recortes do goberno de Feijóo”. 

Os tres sindicatos analizan a dificultade de mobilizarse neste caso “non só contra as decisións dun goberno senón despois de que este asinara con aleivosía un acordo cunha minoría sindical” e enxalzan que o colectivo docente se mantivo unido malia a clara intención de dividilo co propio contido do acordo. Á vez lembran que os tres sindicatos asinantes colaboraron nesa división ao non se manteren firmes nas que eran tamén as súas demandas, e así o recollían un día antes de comezar as negociacións, de recuperación das 18 horas en secundaria e demais ensinanzas e das 21 en infantil e primaria, renunciando ao primeiro e dando por boa a baixada a 23 nestas últimas etapas e aceptando un calendario de redución das ratios que nos leva a prazos inasumíbeis de até 9 anos na etapa de primaria e sen datas concretas na ESO, Bach e resto de ensinanzas.

Declaracións impropias do conselleiro e chamada á responsabilidade á minoría sindical 

No texto critícase a actitude do conselleiro que o mesmo día da última xornada de folga afirmou que non hai marxe para negociar porque “sería faltarlle ao respecto e non ter en consideración aos tres [por CCOO, ANPE e UGT] que si asinaron” para a seguir indicar que a organización que non asinou [en referencia á CIG-Ensino] non tivo interese en facelo e prefire “xerar certo lío no sistema”. Para os tres sindicatos que esta sexa a única resposta por parte do responsábel de Educación é unha irresponsabilidade e lémbranlle que “está desprezando unha ampla maioría do profesorado que ve frustradas as súas expectativas de recuperar dereitos arrebatados como os horarios lectivos ou avanzar en condicións e prazos asumíbeis en aspectos tan fundamentais como a redución das ratios ou da burocracia”. Así mesmo, chaman aos tres sindicatos que asinaron este acordo a denuncialo, a desautorizar ao conselleiro para que non os erixa como escusa para non negociar melloras reais para o colectivo e para o ensino público e a unirse a unha loita conxunta para conseguir superar o que pactaron. 

Con todo, tamén deixan claro que "non dan nin darán por pechada a posibilidade de negociar" e para iso insisten en que cederon nas súas demandas iniciais para presentar unha proposta “perfectamente factíbel tanto a nivel orzamentario como temporal”. Neste sentido recalcan que ningunha das organizacións está “pola lea”, senón por conseguir a táboa reivindicativa, que é a que representa o que demanda a maioría do profesorado: 

  • A recuperación dos horarios lectivos de 18 horas en secundaria, FP e demais ensinanzas e de 21 horas en infantil e primaria nun máximo de 2 cursos.
  • A redución das ratios en todas as ensinanzas, comezando no 2024/25 e con aplicación como máximo no remate de cada etapa.
  • A aplicación de medidas inmediatas (xa no curso 2024/25) para a redución da burocracia co aumento das horas de liberación para cargos directivos, de coordinación e de titoría e co aumento de persoal administrativo.
  • Reparto lineal da masa salarial comprometida pola Consellaría entre todo o profesorado.

Finalmente, e tras insistir en que agora teñen a palabra o conselleiro, e no caso de que este non poida, o presidente da Xunta, anuncian que aínda que a súa proposta de mínimos segue en pé, se non hai movementos nin vontade de rectificar por parte do goberno continuarán coas accións necesarias para facer valer a voz do profesorado galego fronte ao inmobilismo da administración.

Volver