Tras a suspensión das clases, a CIG-Ensino reitera a chamada á serenidade mais critica a descoordinación e falta de interlocución coa Consellaría de Educación

Se os centros educativos están pechados deben estalo a todos os efectos, tamén para o persoal que traballamos neles

O sindicato lamenta a negativa da Consellaría a convocar os sindicatos docentes para poñer en común medidas de actuación no ámbito educativo e demanda que se preserven os dereitos laborais e de conciliación no caso de ausencias ao posto de traballo.

A CIG-Ensino solicitou unha reunión urxente á Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos para contrastar as actuacións previstas pola Xunta en relación aos centros educativos e o seu persoal. Fíxoo antes de que se coñecese a intención da Xunta de suspender a actividade lectiva en todo o país e todas as etapas educativas e volve reiteralo agora logo de observar como nas declaracións de Feijóo se fan unhas afirmacións que volven contradicir as opinións vertidas por responsábeis da Consellaría hai ben poucos días e mesmo horas.

A CIG-Ensino trasladoulle á Consellaría que estaba a recibir queixas pola falta de actuación ou indicacións concretas. O sindicato xa comunicou publicamente que o coronavirus non se debe converter nun tema de disputa e que todas e todos debemos actuar con responsabilidade. Así o fixemos desde o primeiro momento, apelando a seguir a información oficial ao tempo que pediamos rigor á administración educativa.

Porén, a Consellaría negouse a manter unha xuntaza coa representación sindical e entrou nunha total contradición ao respecto das informacións que lle proporcionaron os máximos responsábeis a membros de equipos directivos da provincia da Coruña na mañá do día 11. Unha contradición que se estendeu ao propio conselleiro de Sanidade nunha reunión cos máximos responsábeis sindicais na tarde do propio día 11. Tan só unhas horas despois, as indicacións da Xunta mudaron totalmente e parece obvio que isto non se produciu por un incremento substancial do contaxio senón máis ben por outro tipo de decisións.

Na CIG somos conscientes da dificultade da situación así como da necesidade de facer un esforzo para transmitir tranquilidade fronte o alarmismo que está instalado na sociedade. Para iso é fundamental que todas as políticas de prevención e todas as cautelas e decisións que se adopten sexan explicadas e compartidas para que se manteña a serenidade: boa xestión e transparencia.

Baixo ningún concepto poñeremos en cuestión as decisións técnicas e científicas que se adopten, sexa pola administración que sexa.Trasladaremos a necesidade de seguir en todo momento as indicacións que se nos dean como fixemos desde o primeiro momento.

Isto non impide que consideramos un erro e unha falta de respecto institucional que non se poña en común coa representación do profesorado un protocolo de actuación nos centros así como as decisións que se van adoptar en materia laboral.

Malia iso, mantemos o noso compromiso de responsabilidade e total disposición a colaborar nun momento como este, malia que a Consellaría de Educación non nolo poña nada doado.

No momento no que redactamos este texto só coñecemos as declaracións do presidente  Feijóo; non tivemos acceso a ningún texto nin proposta de protocolo nin se ten recibido nada nos centros educativos. Non se contou en ningún momento coa nosa opinión.

Por iso lanzamos publicamente unha serie de cuestións que entendemos que a Consellaría de Educación debe aclarar e incluír na súa información ao profesorado e á comunidade educativa. Preferiríamos telo feito nunha reunión previa para achegar as nosas propostas antes de que publicamente os responsábeis políticos nos remitan calquera información pública:

A Consellaría debe deixar totalmente claro que a suspensión da actividade lectiva non vai ter ningunha repercusión académica (perda de avaliación continua) e que se vai reducir o currículo a avaliar.

No caso da ABAU e en previsión de que a suspensión da actividade lectiva se amplíe, debe coordinarse coa CIUG as medidas a adoptar. No caso de valorarse unha modificación do calendario debe darse a coñecer canto antes.

Non se pode implantar unha medida como as aulas on line se estas non teñen carácter universal para un mesmo colectivo estudantil. Do contrario estaríase incorrendo nunha discriminación. Hoxe por hoxe, os centros educativos non están, con carácter xeral, preparados para impartir docencia en liña. Todas as dúbidas a este respecto deben resolverse canto antes. O profesorado debe ser copartícipe das decisións que se adopten, reducindo a improvisación e a toma de decisións unilaterais da Consellaría.

Se os centros educativos están pechados deben estalo a todos os efectos, tamén para o persoal que traballamos neles. Como CIG somos contrarios a obrigar o profesorado e o resto do persoal a acudir ás escolas e institutos, sexan do nivel que sexan, mentres haxa suspensión de actividade lectiva.

En todo caso, se a Consellaría mantén unha decisión diferente e en contra do sentido común e o noso criterio, obrigando ao persoal a comparecer nos centros, baixo ningún concepto se deben considerar como ausencias ao posto de traballo as faltas pola necesaria atención a fillos ou fillas menores ou familiares a cargo, que deben ser considerados sempre e en todo momento como de deber inescusábel.

Volver