Traballadoras e traballadores do Consorcio maniféstanse en demanda da aplicación do convenio colectivo e contra os despedimentos

Folga no Consorcio

Traballadoras e traballadores do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar secundaron masivamente a folga convocada pola CIG e sumáronse á manifestación que percorreu as rúas de Compostela para rematar concentrándose diante das dependencias da Xunta de Galiza en San Caetano. Durante o percorrido da marcha corearon consignas contra a privatización e desmantelamento destes servizos públicos, contra os despedimentos das 61 compañeiras e compañeiros e en demanda da aplicación do convenio colectivo.
Traballadoras e traballadores do Consorcio maniféstanse en demanda da aplicación do convenio colectivo e contra os despedimentos 

Percorreron as rúas da zona vella compostelá, baixo unha intensa chuvia, denunciando o intento de privatización destes servizos públicos
Traballadoras e traballadores do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar secundaron masivamente a folga convocada pola CIG e sumáronse á manifestación que percorreu as rúas de Compostela para rematar concentrándose diante das dependencias da Xunta de Galiza en San Caetano. Durante o percorrido da marcha corearon consignas contra a privatización e desmantelamento destes servizos públicos, contra os despedimentos das 61 compañeiras e compañeiros e en demanda da aplicación do convenio colectivo.
A música da Carolina, con letra adaptada para a ocasión, serviu para alegrar o percorrido da marcha e manifestar o rexeitamento ás políticas que desde o PP se veñen aplicando desde a súa chegada ao goberno da Xunta de Galiza. Unhas políticas que teñen como obxectivo, segundo ten denunciado a CIG en reiteradas ocasións, o desmantelamento dun servizo público esencial, sobre todo para o rural galego, pero tamén para os sectores sociais máis desfavorecidos. Desmantelamento que se está a utilizar ademais para xustificar a progresiva privatización dos servizos que se viñan prestando desde o Consorcio e que xa se materializou en 14 Centros de Día, que van ser xestionados por medio de concesións. A manifestación rematou cunha concentración diante do edificio administrativo da Xunta en San Caetano, onde Laura Estévez, presidenta do comité do Consorcio da Coruña, manifestou a indignación das traballadoras e traballadores pola información publicada na páxina web do propio Consorcio, segundo a que a reunión celebrada o pasado 13 de xaneiro era para negociar o convenio colectivo, cando o compromiso final foi simplemente revisar o convenio e pequenos aspectos técnicos e escoitar a proposta de negociación. Pola súa banda, María do Carme López Santamariña, secretaria nacional de CIG-Administración, foi a encargada de ler o manifesto final, no que se recollen as demandas deste colectivo e que se resumen na exixencia da aplicación do convenio, negociado desde marzo de 2009, sobre todo nos aspectos referidos a xornada e suba salarial; que se contemplen nos orzamentos da Xunta as partidas necesarias para poder manter os postos de traballo das oficinas de I+B e os servizos que prestan, que se celebren os procesos selectivos de persoal xa convocados e coas bases aprobadas e publicadas e que se resolvan as irregularidades que se están a dar na actualidade no que ten que ver coa xestión de listaxes, substitucións, cobertura de baixas, modalidades de contratos, falla de recursos materiais e humanos, despedimentos, oferta formativa insuficiente... López Santamariña fixo especial fincapé, na súa intervención, na rotunda oposición da CIG e das traballadoras e traballadores, ao desmantelamento e privatización dos servizos sociais.

Volver