Todo o profesorado a nivel estatal con servizos de interino terá os mesmos dereitos que o galego na antigüidade dos concursos de traslados
O cambio de criterio do Ministerio chega despois de que a CIG-Ensino insistise en solitario sobre este tema desde 2014 e tras unha recente sentenza do Tribunal Supremo
Na Mesa Docente estatal convocada con carácter extraordinario, logo da solicitude da CIG-Ensino, o Ministerio presentou un borrador de modificación do RD 1364/2010 de concurso de traslados. O cambio está vinculado unicamente a incorporar no baremo da normativa básica estatal o que a CIG-Ensino levaba demandando en solitario desde o ano 2014 e que agora vén de confirmar unha sentenza do Tribunal Supremo: que nos apartados do baremo relacionados coa antigüidade no corpo, o funcionariado de carreira que participa no concurso de traslados e que ten servizos prestados como persoal interino ou en prácticas ten dereito a que se lle recoñeza esa puntuación xa que non facelo contravén a normativa europea e implica unha clara discriminación entre o tempo traballado como temporal e como fixo nas administracións educativas.
Este cambio implica que a baremación que se aplica en Galiza desde o curso 2013/14 será a partir desta modificación a mesma que se aplique en todo o Estado, como solicitaba o sindicato. Lamentamos, en todo caso, a tardanza en tomar esta decisión e os prexuízos causados ao profesorado que traballou como interino e que desde o 2014 acadou a condición de fixo, así como á totalidade do profesorado cuxo ano de prácticas tampouco se tiña en conta a nivel estatal.
Os efectos deste retraso tamén se deixaron sentir en Galiza aínda que nunha escala menor, pola vía da aceptación de ducias de recursos de alzada de profesorado que, desde fóra de Galiza, concursaba para ocupar unha praza no país e tiña que ser rebaremado, provocando en ocasións que lle fora adxudicado un centro no que acaba de conseguir destino outra persoa. Estas situacións derivaron en que unha das dúas persoas acabara sendo suprimida.
Este cambio, ás portas de procesos masivos de estabilización, implica unha rectificación do Ministerio que, e así o entende a CIG-Ensino, evitará unha vaga de recursos xudiciais para os concursos de traslados posteriores ás resolucións definitivas dos concursos de méritos excepcionais, nos que miles de docentes interinos acadarán praza de funcionariado de carreira.
O sindicato considera que, aínda que a modificación do RD tarde en publicarse polos prazos legais necesarios, todas as CC.AA. deben xa incorporar estas novidades nos seus baremos, argumentando non a modificación do baremo polo MEFP senón a propia sentenza do T. Supremo.
Por outra banda, na reunión da Mesa Docente estatal o Ministerio limitou a negociación de cambios no Real Decreto a este tema e non abriu a posibilidade de introducir outras modificacións, ou mesmo unha modificación xeral como solicitou a CIG-Ensino.
A puntuación do desempeño de postos de especial dificultade e o desempeño de cargos directivos e outras funcións
Neste sentido, o sindicato maioritario no ensino público galego amosou a súa discrepancia co feito de que os cambios non afecten ao apartado 1.1.3 polo que se recoñece o tempo traballado en centros cualificados como de especial dificultade. O Ministerio considera que esta puntuación só se lle pode recoñecer a quen, tendo destino nese centro, sexa definitivo ou provisional en situación de expectativa de destino pero non a quen estivo noutra situación administrativa.
Neste sentido, a CIG-Ensino é consciente de que esta puntuación afectaría dun xeito moi reducido xa que se teñen que dar varias casuísticas pouco frecuentes, mais iso non implica que non se deba ter en conta. Este foi o exemplo que puxemos para evidenciar a discriminación que entendemos está a acontecer:
- unha mestra, funcionaria de carreira con destino provisional, concursa desde unha unitaria na que leva 4 anos e iso implica 2 puntos por ano, cun total de 8 puntos.
- outra mestra leva ese mesmo tempo noutra unitaria, mais os dous primeiros anos como interina, o terceiro en prácticas e o cuarto como funcionaria de carreira: co criterio da administración só se lle puntuaría 1 ano: 2 puntos.
Na nosa opinión, o traballo desenvolvido é o mesmo e non está vinculado a ser funcionaria de carreira, polo que se lle debe recoñecer a toda aquela persoa en prácticas ou interina.
Tamén sobre este aspecto a CIG-Ensino propuxo que tanto no RD como na orde marco de concurso de traslados se deixe claro que a puntuación polo apartado de cargos directivos e outras funcións docentes lle deba ser recoñecida ao persoal interino, como conseguimos en Galiza xa hai anos e que en moitas CC.AA. non se fai. O Ministerio afirmou que non consideraba necesario facelo no RD xa que non se restrinxe expresamente a funcionariado de carreira mais que estaba disposto a indicalo na orde.
A CIG-Ensino, contraria a alterar as datas de participación no Concurso Xeral de Traslados.
O tempo necesario para ter publicado no BOE os cambios que implica modificar un RD levan meses. Polo tanto, a CIG-Ensino considera que non se debe agardar e que se deben respectar as datas previstas para o mes de outubro. Atrasar o prazo de presentación de instancias de participación no CXT ao mes de decembro ou xaneiro implicaría aprazar a resolución definitiva até finais de curso, dificultando toda a xestión de solicitudes de comisións de servizo ou de destinos provisionais. O Ministerio só confirmou que a decisión de adiar ou non a convocatoria está en riba da mesa e que se ía comentar coas CC.AA.