Toda a información sobre a nova regulamentación da avaliación, a promoción e a titulación no sistema educativo

O Ministerio de Educación vén de publicar no BOE o Real Decreto 984/2021 polo que se regula a avaliación e promoción na Educación Primaria e a avaliación, promoción e titulación na Educación Secundaria Obrigatoria, o Bacharelato e a Formación Profesional

Ao respecto dun dos cambios máis relevantes, a eliminación das probas finais, a CIG-Ensino mantén a mesma consideración que expresou diante do cambio proposto pola Consellaría para este curso escolar, pasando as probas de setembro a xuño. Denunciamos o xogo partidario da Xunta, propiciando que o debate sobre os cambios normativos sexa unha pelexa de galos ao confundir o goberno galego co partido ao que obedecen. Ao tempo, non deixamos de criticar que o Ministerio (como fai igualmente a Consellaría) non promova a interlocución coas organizacións sindicais e actúen desde a unilateralidade.

A CIG-Ensino non se opón a eliminación dos exames extraordinarios en xuño igual que fomos partidarios do cambio de setembro a xuño porque ambas medidas van na mesma dirección: primar a avaliación continua e  as competencias adquiridas ao longo dun curso escolar fronte a probas únicas. Tamén consideramos acaído que a decisión sobre a promoción resida no equipo docente e non na perspectiva individual de cada docente, que xa ten o seu cometido inicial na avaliación da materia que imparte. Cremos que a eliminación das probas finais pode ter máis vantaxes que inconvenientes, mais temos claro que non implica ningunha solución senón se acompaña dunha análise rigorosa e dunha actuación na liña de reducir o fracaso escolar que teña en conta os seguintes elementos:

  • redución das ratios
  • cambio nos horarios docentes, reducindo horario lectivos e impulsando a coordinación didáctica e o traballo en equipo
  • mellora dos plans de reforzo para o alumnado que promociona no camiño de reducir as repeticións e reforzando o acompañamento deste alumnado.
  • reorientación dos currículos

Desde a perspectiva pedagóxica a defensa dunha avaliación continua e por competencias fai que os exames extraordinarios -e mesmo os ordinarios- deban ter un papel secundario no proceso de aprendizaxe, mais insistimos en que por si só esta medida é insuficiente. A ausencia dunha memoria económica na LOMLOE e o conseguinte incremento de fondos destinados á educación que a acompañe, para ampliar os claustros e potenciar a atención á diversidade e o acompañamento e reforzo do alumnado que promociona con carencias, pode provocar que unha medida positiva non teña os efectos agardados e que, aínda que se reduza o lastre da repetición de curso, non se afronte realmente o problema do fracaso escolar.

COMO QUEDA A AVALIACIÓN, A PROMOCIÓN E A TITULACIÓN?

Unha vez publicado o Real Decreto 984/2021, do 16 de novembro polo que se regulan a avaliación, a promoción e a titulación, presentamos unha información detallada sobre todos estes aspectos.

A avaliación toma como referencia os diferentes  elementos do currículo recollidos no Real Decreto 126/2014, do 28 de febreiro, polo que se establece o currículo básico da Educación Primaria, e o Real Decreto 1105/2014, do 26 de decembro, polo que se establece o currículo básico da Ensinanza Secundaria Obrigatoria e do Bacharelato, respectivamente ata a implantación das modificacións introducidas pola Lei 3/2020, do 29 de decembro, no currículo, a organización e os obxectivos das ensinanzas obxecto deste real decreto. É importante recordar que os estándares de aprendizaxe avaliables destes reais decretos teñen un carácter orientativo, tal como regula a LOMLOE.

As modificacións introducidas na avaliación e condicións de promoción das diferentes etapas educativas, así como as relativas ás condicións de titulación de Educación Secundaria Obrigatoria, Ciclo Formativos de Grado Básico e Bacharelato implantaranse ao inicio do curso seguinte á entrada en vigor da Lei 3/2020, do 29 de decembro, pola que se modifica a Lei Orgánica 2/2006 de Educación.

Educación Primaria

Avaliación.

Tipo: continua e global. Terá en conta o seu progreso no conxunto dos procesos de aprendizaxe.

O equipo docente avaliará ao alumnado de forma colexiada na única sesión que terá lugar ao finalizar o curso escolar.

Promoción.

  • O equipo docente adoptará as decisións, tendo en conta especialmente a consideración da información e criterio do titor ou titora.
  • As decisións de promoción terá lugar ao finalizar os cursos de segundo, cuarto e sexto de Educación Primaria.
  • Permanencia un ano máis no curso.
    • Medida de carácter excepcional e tras ter esgotadas as medidas ordinarias suficientes para atender o desfase curricular ou as dificultades de aprendizaxe do alumnado.
    • Soamente unha vez en toda a Educación Primaria.
    • Levará consigo a elaboración por parte do equipo docente dun plan específico de reforzo.
  • Informes de segundo e cuarto.
    • Os titores emitirán ao finalizar estes cursos un informe sobre o grao de adquisición das competencias de cada alumno ou alumna, indicando no seu caso as medidas de reforzo que se deben contemplar no ciclo seguinte.
  • Informe de fin de etapa.
    • Elaborado polo seu titor ou titora sobre a evolución e grao de adquisición das competencias desenvoltas. No caso de alumnado con necesidades educativas especiais, o informe ten que incluír as adaptacións e medidas adoptadas e a súa necesidade de continuidade na seguinte etapa escolar.

Educación Secundaria Obrigatoria

Avaliación.

Tipo: continua, formativa e integradora.

Referentes xerais: obxectivos establecidos para a etapa e competencias.

Referentes da avaliación de cada materia ou ámbito: criterios de avaliación.

Promoción.

  • O alumnado que supere as materias ou ámbitos cursados ou teñan avaliación negativa nunha ou dúas materias.
  • Tamén promocionarán cando o equipo docente considere que a natureza das materias non superadas lles permita seguir con éxito o curso seguinte e se estime que teñen expectativas favorables de recuperación e que dita promoción beneficiará a súa evolución académica.

Permanencia un ano máis no curso.

  • Medida de carácter excepcional e tras ter esgotadas as medidas de reforzo e apoio para superar as dificultades do alumnado.
  • Levará consigo a elaboración dun plan específico personalizado con cantas medidas se consideren axeitadas para este alumnado. A súa planificación recollerá as condicións curriculares que se adapten ás necesidades do alumnado para superar as dificultades detectadas e o avance e profundización nas aprendizaxes xa adquiridos.

Consello orientador.

  • En segundo curso entregaráselle aos pais, nais ou titores legais de cada alumno ou alumna. Inclúe a opción que se considere máis axeitada para continuar a súa formación, que poderá incluír a incorporación a un programa de diversificación curricular ou a un ciclo formativo de grao básico.
  • Ao finalizar a etapa ou ao concluír a súa escolarización. Inclúe unha proposta sobre a opción ou opcións académicas, formativas ou profesionais que se consideren máis axeitadas

Programas de diversificación curricular.

Alumnado que presenta dificultades relevantes de aprendizaxe para a consecución do título de Graduado en Educación Secundaria Obrigatoria.

  • Requisitos:
    • Ter recibido medidas de apoio en primeiro e segundo de esta etapa e lle beneficie esta medida de atención á diversidade para a obtención do título.
    • Necesitar unha metodoloxía específica asociada a unha organización do currículo diferente á establecida con carácter xeral para alcanzar os obxectivos xerais da etapa e as competencias.
    • Informe de idoneidade da medida nos termos que estableza a administración, oído ao propio alumno ou alumna e contando coa conformidade das nais, pais ou titores ou titoras legais.
    • Situacións (Mirar tamén o Artigo 61 da Orde do 8 de setembro do 2021 que regula a atención á diversidade):
      • Finalicen 2º ESO no 2021-2022.
        • Non estean en condicións de promocionar a 3º ESO e permanecer un curso máis en 2º non lles vai beneficiar academicamente.
        • Non estean en condicións de promocionar a 3º ESO e se incorporaran tardiamente á etapa.
      • Finalicen 3º ESO no 2021-2022 e non estean en condicións de promocionar a 4º ESO.
      • Ter cursado PMAR no curso 2021-2022.
        • Ter cursado 2º ESO nun PMAR no 2021-2022. Poderá incorporarse automaticamente ao primeiro curso dun programa de diversificación curricular no curso 2022-2023.
        • Ter cursado 3º ESO nun PMAR e non estar en condicións de promocionar a 4º ESO. Poderá incorporarse ao programa de diversificación curricular no curso 2022-2023 sempre que a incorporación permita obter o título dentro dos límites de idade establecidos por lei, tendo en conta a prolongación excepcional da permanencia na etapa recollido no artigo 28.5 da LOE.
      • Un alumno ou alumna que tivera repetido con anterioridade e neste curso fixera 1º ESO sen estar en condicións de promocionar a 2º ESO podería incorporarse a 1º de PMAR no 2022-2023. No curso 2023-2024 podería incorporarse de forma automática ao primeiro curso dun programa de diversificación curricular.

Titulación.

O título será único e expedirase sen cualificación. Ao concluír a súa escolarización da ESO recibirán unha certificación oficial cos anos cursados e o nivel de adquisición das competencias da etapa.

  • Titula o alumnado que a xuízo do equipo docente (decisión colexiada) teña adquiridas as competencias establecidas e os obxectivos da etapa.
  • Novidade: o alumnado que non titule e supere todos os límites de idade permitidos de permanencia na etapa poderá facelo nos dous cursos seguintes a través da realización de probas ou actividades personalizadas extraordinarias das materias que non tivera superadas segundo a administración educativa dispoña.

Formación Profesional Básica.

Destinatarios.

  • Alumnado cun perfil académico e vocacional que o aconselle.

Requisitos.

  • 15 anos cumpridos ou os cumpran no ano natural en curso.
  • Ter cursado 3º ESO, excepcionalmente 2º ESO.

Avaliación.

Tipo: continua, formativa e integradora.

Módulos de Comunicación e Sociedade e de Ciencias Aplicadas: carácter global e ao logro das competencias incluídas en cada un deles.

Referentes do resto de módulos: os resultados de aprendizaxe e as competencias profesionais, persoais e sociais que se inclúen nos mesmos.

Título ESO.

Superando a totalidade dos módulos incluídos nun ciclo de Formación Profesional Básica.

Bacharelato

Avaliación.

Tipo: continua e diferenciada segundo as distintas materias.

Probas extraordinarias das materias non superadas. O alumnado pódeas realizar nas datas que determine a Administración educativa.

Promoción.

  • Todas as materias superadas ou avaliación negativa en dúas materias como máximo de primeiro de bacharelato.
  • En segundo terán que matricularse nas materias pendentes de primeiro.
  • Deberán organizarse actividades de recuperación e a avaliación das materias pendentes.
  • A superación das materias de segundo que se indican no anexo III do Real Decreto 1105/2014 estará condicionada á superación das correspondentes materias de primeiro curso indicadas en dicho anexo por implicar continuidade.
  • O alumnado que ao finalizar segundo curso tiveran avaliación negativa nalgunhas materias poderán matricularse delas sen necesidade de cursar de novo as materias superadas ou poderán optar tamén por cursar o curso completo.

Título de Bacharelato.

  • Será único e expedirase coa expresión da modalidade cursada e da nota media obtida.
  • Título de Bacharelato coa avaliación positiva en todas as materias dos dous curso de Bacharelato.
  • Excepcionalmente cando non supere unha materia, sempre que se cumpran as seguintes condicións:
    • Alcanzado os obxectivos e competencias do título.
    • Que non houbera inasistencia continuada e non xustificada.
    • Que a media aritmética das cualificacións en todas as materias da etapa sexa igual ou superior a cinco.
    • O título tamén se pode obter desde outras ensinanzas:
      • Técnico ou técnica en FP ou en Artes Plásticas e Deseño.
      • Ensinanzas Profesionais de Música e de Danza poden obter o título de Bacharelato na modalidade de Artes.
    • Mirar as disposicións transitorias primeira para o alumnado que accede desde as Ensinanzas Profesionais de Música e de Danza e a segunda para os titulados de Técnico Superior de Formación Profesional.

Formación Profesional

Avaliación.

Tipo: Realizarase por módulos profesionais tendo en conta a globalidade do ciclo.

Referentes: serán os elementos dos currículos básicos publicados para cada un dos títulos.

Titulación.

  • Avaliación positiva en todos os módulos profesionais que o compoñen.

Educación de adultos

Educación básica.

  • Será necesaria a superación de todos os ámbitos de coñecemento que conformen os estudos dirixidos á adquisición das competencias correspondentes á ESO.
  • O equipo docente tamén pode propor para a expedición deste título ás persoas que se considere que conseguiron globalmente os obxectivos xerais da formación básica das persoas adultas.

Bacharelato.

  • Será necesaria a superación de todas as materias dos dous cursos de Bacharelato, ou en todas as materias salvo unha reunindo as condicións que se exixen tamén para o Bacharelato ordinario, sempre que non se producira un abandono da materia e se presentara a todas as probas e realizado todas as actividades.

Probas libres para a obtención dos títulos de Graduado en Ensinanza Secundaria Obrigatoria e de Bacharelato.

  • Requisitos:
    • Maiores de 18 anos para o título de ESO. As Administracións determinarán as partes da proba que se considera que o alumnado ten superadas de acordo coa súa historia académica previa.
    • Maiores de 20 anos para o título de Bacharelato. Diferenciada segundo as modalidade de Bacharelato.

IMPORTANTE

  • Ata a implantación das modificacións introducidas pola LOMLOE no currículo, na organización e nos obxectivos das ensinanzas obxecto deste real decreto, nos documentos oficiais de avaliación, así como o procedemento de expresión dos resultados de avaliación axustaranse ao previsto nos reais decretos vixentes actualmente. As excepcións son:
    • As actas de avaliación de Educación Primaria e Secundaria Obrigatoria pecharanse ao finalizar o período lectivo ordinario.
    • As actas de avaliación de Bacharelato pecharanse ao finalizar o período lectivo despois da convocatoria ordinaria, e tras a convocatoria extraordinaria.
  • No caso do alumnado con necesidades educativas especiais os referentes da avaliación durante a educación básica serán os incluídos nas correspondentes adaptacións do currículo, sen que este feito poida impedirlles a promoción ao seguinte curso ou etapa, ou a obtención do título de Graduado na Educación Secundaria Obrigatoria.
  • As nais, pais ou titores legais deberán participar e apoiar a evolución de proceso educativo do alumnado cando sexa menor de idade.
  • A permanencia nun mesmo curso escolar na educación básica debe ser considerada unha medida excepcional que soamente se poderá adoptar unha vez durante a Educación Primaria e dúas veces como máximo ao longo da ensinanza obrigatoria. Ademais debe de ir acompañada dun plan específico e personalizado de apoio para a adquisición das competencias non alcanzadas.
  • A avaliación continua permitirá, cando o progreso dun alumno ou alumna non sexa adecuado, establecer medidas de reforzo educativo, que se adoptarán en calquera momento do curso, tan pronto como se detecten as dificultades, con especial seguimento á situación do alumnado con necesidades educativas especiais e estarán dirixidas a garantir a adquisición das competencias imprescindibles para continuar o proceso educativo, cos apoios que cada un precise.
Real Decreto 984/2021, de 16 de novembro polo que se regulan a avaliación e a promoción na Educación Primaria, así como a avaliación, promoción e a titulación na Educación Secundaria Obrigatoria, o Bacharelato e a Formación Profesional

Documento


Volver