Temas varios propostos pola CIG Ensino

Mesa Sectorial do 6 de outubro de 2020

CIG-Ensino esixe o cese inmediato de Indalecio Cabana, Xefe Territorial da Coruña e que se aclare a actuación de Berta Tapia, inspectora do CEIP Luís Seoane de Mera (Oleiros) por se fose constitutiva da apertura dun expediente sancionador. 

A CIG-Ensino considera que unha persoa cun comportamento tan impresentábel e caciquil como o que vén de amosar o Xefe Territorial da Coruña non pode estar á fronte, como cargo político, dun posto de representación. A CIG-Ensino comunicou que a Xunta de Persoal da Coruña viña de aprobar por unanimidade o cese do Xefe Territorial e que se abra a corresponde investigación sobre a actuación da inspectora Berta Estrada Arias no referido ás presuntas coaccións sobre a directora do CEIP Luís Seoane de Mera- Oleiros. 

Pregunta sobre o reparto de investimento no contrato programa ARCO. 

Queremos que se nos indique que cantidade lle corresponde ao Fondo Social Europeo, ao Ministerio de Educación e a Consellaría de Educación. Por outro lado queremos saber que pasa coa xestión dos contratos programa da Resolución do 30 de xullo de 2020, que xa sufriron dúas ampliacións de prazo, a última no día de onte e até o 13 de outubro. 

Horarios incorrectos en centros de primaria e secundaria coa escusa dos cambios provocados pola COVID. 

Hai centros de secundaria nos que se está incumprindo a orde que regula a xornada laboral do profesorado eliminando, dentro das 23 de permanencia fixa no centro, a hora de titoría de pais e alumnado e computándoa como unha garda. A orde é clara. Iso non se pode consentir.

Hai centros de infantil e primaria nos que non se está computando o tempo de atención ao alumnado na entrada e saída. O tratamento que se debe dar é o mesmo que a garda de transporte e contabilizarse como horario lectivo a todos os efectos. A decisión de non computar como xornada lectiva a atención ao alumnado tamén se dá en secundaria.

Solicitamos que se lle remitan instrucións claras ás direccións. Non imos consentir ningún incumprimento duns horarios xa excesivos. 

Queixa pola desatención das EOI nas probas libres.

Non contaron con profesorado de reforzo e tiveron que cancelar moitas delas, afectando a uns 3.000 alumnos e alumnas. Que medidas se van adoptar e cando se van poder facer as probas? Asumen a situación causada e a xustifican pola urxencia en cubrir interinidades e substitucións. Están á espera de ver se se poden facer os exames en breve, unha vez que poidan garantir persoal. O problema está sobre todo en galego, cunha lista de substitucións xa moi escasa. 

Departamentos de segundas linguas estranxeiras (Portugués, Alemán).

A supresión do departamento de Portugués no IES San Paio de Tui (que existía desde hai uns 25 anos), precedida o curso pasado pola do IES Barral de Ponteareas, é un claro exemplo de discriminación con este idioma e da falta de interese da Consellaría por dar cumprida execución á Lei Paz Andrade. Queremos que aprobe unha resolución que permita a creación destes departamentos (nesta situación está tamén o Alemán) e a posterior modificación do ROC. 

Licenzas por formación.

Pedimos xa explicacións no último trimestre do curso sobre as licenzas por formación concedidas e non gozadas. Agora incidimos sobre a necesidade de facer unha convocatoria e de executar a anterior, especialmente pola carencia de materiais adaptados a actual situación.

Prazas en comisión de servizos sen convocatoria pública. 

  • En Lugo volveu cubrirse a praza do Equipo Específico de Orientación de Trastornos Xeneralizados do Desenvolvemento  sen convocatoria pública. Segundo información da propia Inspección estiveron buscando unha persoa para esa praza. Porque non se fai unha convocatoria pública? A Consellaría limítase a dicir que hai prazas que ás veces quedan desertas no concurso específico e que ofertarán no próximo concurso esta praza.
  • Hai algunha Xefatura Territorial, como é o caso da Coruña, onde se seguen adxudicando destino en comisión de servizos sen ningunha razón coñecida e sen control sindical previo. 

Situación das listas de persoal interino abertas no verán.

Cónstanos que nalgunha especialidade na que se abriu lista se está a tirar doutras listas ao non se ter pechado a baremación. Queremos saber como está actualmente todo e que previsión hai. Teñen o traballo aínda moi retrasado e van priorizar as listaxes nas que agora hai menos xente (de aí que publicaran Francés e Fagot xa)

Novas aperturas de listas.

Confirmar se só van abrir nestas 

  • Sistemas electrónicos
  • Sistemas electrotécnicos e automáticos
  • Equipos electrónicos
  • Instalacións electrotécnica
  • Francés (PES)
  • Francés (Primaria)

Solicitamos información sobre as oposicións pendentes para 2021.

  • Cando se van publicar as listaxes provisionais de persoas admitidas e excluídas. Van priorizar outros traballos (CXT, substitucións). Non dan prazo mais non será neste ano 2020. O Subdirector comentou que non pechan a posibilidade de que poida haber oposicións no 2021 doutras especialidades diferentes ás xa convocadas se entenden que se precisa, sen aportar ningún outro dato. 
  • Que indicacións se van dar sobre as programacións didácticas? Xa comeza a haber dúbidas sobre se se vai ter en conta o escenario COVID ou non. Como CIG-Ensino entendemos que a circunstancia excepcional non debería alterar as normas habituais dos contidos da programación e das UD mais, en todo caso, a Consellaría debería aclaralo canto antes para non crear incerteza nas miles de persoas que están a preparar as oposicións. Queda claro que as programacións das oposicións serán ordinarias e non relacionadas coa situación extraordinaria da COVID-19.

Situación da baremación de cátedras de secundaria.

Non o van dar resolto neste ano. Todo indica que tardarán en publicar e que a toma de posesión vai ser en setembro de 2021, con un ano de retraso sobre o previsto. 

Permisos para persoal docente por ter que custodiar a fillos ou fillas por corentena ou contaxio.

Logo se coñecer o escrito remitido aos centros polo Director Xeral temos que criticar que estas medidas non sexan previamente comunicadas ás organizacións sindicais. Estamos falando de interpretacións e instrucións derivadas da Orde de Permisos, xa que isto non deixa de ser un deber inescusábel e o normal é que antes de facelo público se nos consulte. A redacción do escrito da DX é restritiva e fai referencia a persoas do núcleo familiar sospeitosas de padecer a COVID-19 mais non está recollido o dereito (por obriga legal de coidado de menor ou maior a cargo) a permanecer na casa en caso de que o fillo ou filla estea de corentena e haxa que custodialo. A Consellaría afirma que o caso das corentenas non está recollido adrede e que entenden que non está protexido como un deber inescusábel. A CIG-Ensino discrepa desta interpretación e anima ao profesorado que se vexa nesta situación a recorrer á vía xudicial.

Instrucións para a impartición de módulos de FP a distancia.

Temos coñecemento de que a Inspección educativa está a dar instrucións contrarias sobre a impartición destes módulos. Nalgún caso autorízase que o profesorado o faga desde o seu domicilio e noutros obrígase a que o fagan desde o centro.

Subvención ao programa de Clubs de Lectura nos centros.

Segundo vimos de saber na CIG, a Consellaría vai suprimir este programa, en vigor desde hai unha ducia de anos e que se estende a uns 250 centros. Como CIG-Ensino estamos totalmente en contra e solicitamos que se publique a convocatoria como en cursos anteriores. Esta convocatoria é positiva especialmente para toda a comunidade educativa mais tamén para axentes culturais como librarías, editoriais, autoras e autores…

Auxiliares de conversa.

Hai instrucións para que os auxiliares que comparten centro estean un cuadrimestre en cada centro coa escusa de que non vaian a dous centros ao tempo. Estamos en desacordo. Hai que darlle o mesmo trato que ao persoal itinerante. Desde a perspectiva da organización do centros esta medida non ten sentido.


Nota informativa. O Subdirector Xeral só deu resposta (destacado ao final de cada apartado) ao que entendeu que era do seu ámbito de competencia, eludindo pronunciarse sobre o que afecta á Secretaría Xeral de Educación. 

CIG Informa Varios Mesa Sectorial 16 outubro

Documento


Volver