Temas varios presentados pola CIG-Ensino na mesa docente estatal
FP, Ensinanzas Artísticas, Mestres e mestras no A1 e Oposicións
Podes ver a información principal da mesa na seguinte ligazón: Péchase a negociación dos cambios no Real Decreto do concurso de traslados sen cambios relevantes ao respecto do último borrador
- Reais Decreto de desenvolvemento de FP.
A CIG-Ensino preguntou sobre a previsión de publicacións dos Reais Decretos pendentes de desenvolvemento da Formación Profesional e se están previstos cambios ben nestes textos ou ben na aplicación dos cambios da FP. Os cargos ministeriais presentes (ninguén da secretaría xeral de FP) non tiñan información ao respecto e limitáronse ao compromiso de que nunha vindeira mesa, prevista para o mes de xuño, comparecería algún cargo de FP. O que está claro é que non vai haber ningunha información de relevancia do desenvolvemento da FP por parte do Ministerio que afecte ao comezo do curso escolar, o que dá boa mostra do tarde, mal e arrastro que van os trámites para regular, con carácter básico, os importantes cambios que afronta a FP para o próximo curso.
- Todo o profesorado de FP, co mesmo salario.
Interesámonos por todo o que ten a ver coa situación creada coa nova estrutura de corpos docentes que imparten na FP, unha vez que se confirma o que desde o sindicato xa advertiramos: distintas solucións nas diferentes comunidades autónomas e a continuidade da discriminación salarial. A CIG-Ensino trasladoulle ao Ministerio que debe existir un compromiso político para que todo o profesorado de FP que non se pode integrar en PES (PTFP para extinguir, novo PESSFP, funcionariado de carreira ou interino) poida cobrar un complemento compensador (algo ao que se nega a Xunta de Galiza, que excluíu deste complemento retributivo a todo o persoal docente de PESSFP). Neste sentido, propomos que se autorice o emprego de fondos ministeriais destinados á FP para afrontar esta compensación.
- O futuro do profesorado de ensinanzas artísticas.
Preguntamos pola previsión do desenvolvemento da nova lei de ensinanzas artísticas superiores para saber se o Ministerio está xa a traballar no Real Decreto de desenvolvemento no que atinxe aos enormes cambios nos corpos docentes. A CIG-Ensino defende que os mestres e mestras de taller, actuais e de futuro, que non teñan titulación universitaria non queden discriminados ao non se poderen integrar e cobren un complemento compensador.
- Mestres e mestras, no A1. Non hai escusas!.
Insistimos na nosa demanda de integración de todo o profesorado no subgrupo A1 e reiteramos a inxustiza que se comete co corpo de mestres, ao que, malia contar na súa totalidade con titulación equivalente para formar parte do A1, non se lle permite facelo e demandamos que sexa o primeiro tema que se trate no que a ministra e o presidente do Goberno deron en chamar “a lexislatura do profesorado”, xunto con cambios nos niveis retributivos do complemento de destino dos diferentes corpos docentes.
- Que vai pasar coas oposicións?
Instamos ao Ministerio a dar información sobre a previsión de cambios nas futuras oposicións e se ten previsto afrontar no curto prazo un cambio do sistema de ingreso e acceso. Con independencia disto alertamos sobre o problema que existe cunha parte importante dos temarios, obsoletos especialmente en especialidade que mudaron moito nestas últimas décadas. As explicacións, pouco concretas, que deu o Ministerio fannos concluír que non vai haber cambios en breve no sistema de oposicións e que o tema dos temarios é algo que “teñen en previsión”.