Temas varios na Mesa Sectorial do 30 de abril

Outros temas propostos pola CIG-Ensino na rolda final de intervencións

Os temas propostos pola CIG Ensino foron os seguintes:

  • Instrucións de finais de curso.
  • Protocolo de medidas sanitarias para a reincorporación ás aulas.
  • A escola é un centro educativo, non asistencial.
  • Concurso de cátedras.
  • Resto de convocatorias pendentes.
  • CADP. Persoal Interino.
  • Substitución do profesorado.
  • Prórroga dos contratos de substitución máis alá do 30 de xuño.
  • Reincorporación do profesorado.
  • Formación en centros de traballo.
  • Xestión de datos persoais do profesorado.
  • Instrucións de finais de curso.

    A conselleira afirmou na súa “comparecencia por vídeo” o pasado xoves día 23 que xa dispoñía dun borrador das instrucións e a CIG-Ensino solicitouno, tendo en conta que estas normas extraordinarias deberían contar cun mínimo contraste. Novamente a Consellaría deu mostra do nulo talante negociador e de manter unha interlocución coa comunidade educativa e publicou estas instrucións sen ningún tipo de consenso previo.

    Non imos ser nós quen agora se dedique a comentar o que unhas instrucións para as que non se nos tivo en conta. En todo caso, chama a atención que a Consellaría critique a indefinición do Ministerio e faga exactamente o mesmo. Hai apartados, especialmente os que fan referencia á impartición e avaliación de contidos neste trimestre que están xa a crear dúbidas e mesmo polémica.

    Non obstante, o que máis nos preocupa é a carga burocrática presente. Esta Consellaría ten unha enfermiza fixación pola burocracia e os trámites en vez de centrarse en apoiar o labor docente do profesorado. As afirmacións da conselleira na reunión do 23 non serviron para nada. Alí díxonos que non se ía reparar en cuestións formais de modificacións de programacións senón en simples addendas ou comentarios para contextualizar os cambios necesarios. O texto das instrucións van no sentido contrario. Fixar unha data como a do 12 de maio cando se producen constantes interferencias e declaracións contraditorias da conselleira, a ministra e o propio presidente Sánchez, parece unha chamada a improvisar xa que pouca certeza temos de como vai decorrer o curso.

    Segundo aclara a administración na 3ª avaliación poderanse introducir contidos novos pero non poden afectar a avaliación final, quedaría só para subir nota ou recuperar.

    Non hai que facer programacións novas, hai que modificar as programacións por posíbeis reclamacións; van enviar un documento guía con respostas a cuestións que suscitan dúbidas.

    En canto á data do 12 de maio non serán estritos no seu cumprimento. Haxa finalmente incorporación presencial ou non ás aulas, o trimestre hai que organizalo como se fose todo a distancia.

    Desde a CIG Ensino fixemos fincapé nas contradicións entre administracións, cambios de discurso, improvisación... e recordamos que moitos destes problemas se terían solucionado se se escoitase á comunidade educativa e á representación do profesorado.

  • Protocolo de medidas sanitarias para a reincorporación ás aulas.

    Sexa cando sexa que nos teñamos que incorporar, tanto profesorado como alumnado teremos que contar cunha medidas sanitarias correctas. Entendemos que debe ser a Xunta de Galiza, a través da Consellaría de Educación co asesoramento e as pautas de Sanidade, quen se faga cargo. Queremos controlar o proceso, o que nos corresponde legalmente pola Lei de Prevención de Riscos e pola afectación que terá nas nosas condicións de traballo. É probábel que haxa que restrinxir alumnado nas aulas. É preciso que a Xunta comece a traballar xa con todas as variábeis posíbeis e debe contar coa representación do profesorado.

    Distancias, material hixiénico, normas específicas de carácter sanitario para o persoal e o alumnado. Todo debe ser analizado na volta ás aulas.

    Tamén as ratios, os desdobres, mais isto non só desde un criterio sanitario senón educativo, porque como xa temos dito, se non melloramos as condicións nas que impartimos docencia e atendemos o noso alumnado, fracasaremos.

  • A escola é un centro educativo, non asistencial.

    As declaración feitas polo presidente Sánchez de promover unha desescalada gradual que inclúa no mes de xuño a apertura das aulas de Infantil e outros niveis educativos para conciliar á volta ao traballo no caso de que nais e pais non poidan atender a súa crianza non nos parece de recibo. A escola non é un almacén de nenos e nenas: é un ámbito educativo.

    Non seremos nós quen entremos a cuestionar neste momento, sen máis datos que os que agora nos proporcionan, se se pode ou non producir ese retorno ás aulas de Infantil ou de calquera outro nivel educativo a final de curso, aínda que todo indica que non se debería producir e que se está a xogar con toda a comunidade educativa. Agora ben, o que non admitimos é que sexa a escola a que teña que cubrir a incapacidade dun sistema de organización do traballo que dificulta ou imposibilita a conciliación laboral ou familiar. A escola non está para iso.

  • Concurso de cátedras.

    Debe publicarse a convocatoria para que se poida concursar en canto se levante o estado de alarma.

    Confirman que así será.

  • Resto de convocatorias pendentes.

    Queremos saír desta Mesa podendo anunciar ao profesorado cal é a previsión que fai a Consellaría sobre as diferentes convocatorias. Hai algunhas que non deben ter dúbida (concilia, saúde) xa que o prazo está xa fixado na normativa, no momento no que se publique a resolución do CXT e se levante o estado de alarma) mais hai outras que non sabemos que pretende facer a Consellaría: persoal asesor, persoal para o servizo de formación, CFR e CAFI, prazas en centros de atención preferente ou centros con convenio).

    Non sabemos se as prazas de PIALE van ter algún problema derivado das restricións de mobilidade mais entendemos que se deben programar igual así como se van tomar algunha medida no caso do profesorado que tivo que suspender algunha estadía no estranxeiro.

    Que van pasar coa selección de direccións? Que alternativa ten a Xunta?

    Están valorando que facer con todas as convocatorias, PIALE veno moi complicado e pola contra teñen claro que saúde e concilia si van saír. Tamén comunican que teñen case decidido non facer o concurso de direccións e que, de ser así, nomearán excepcionalmente por un ano.

    Anuncian que publicarán no DOG o CXT o 8 de maio. Aínda así, os prazos para concilia e saúde terán que agardar ao remate do estado de alarma.

  • CADP. Persoal Interino.

    Que pasa co prazo do 15 ao 31 de maio para que o persoal interino solicite a non participación na convocatoria? Solicitamos que, se algún persoal interino ten problemas coa sede electrónica ou con presentalo nun rexistro, poida rexistralo posteriormente, sempre que sexa antes do comezo do prazo de presentación de instancias do CADP.

    Non vai entrar en vigor ese prazo, ao igual que outros, até que remate o período de alarma.

    Solicitamos que a Consellaría envíe un correo-e a todo o persoal que tivo contrato por primeira vez durante este curso, indicando a obriga que ten de participar no CADP para non decaer das listas así como recordando todos os prazos unha vez remate o período de alarma.

  • Substitución do profesorado.

    Xa denunciamos desde o inicio do estado de alarma que non se estaban a cubrir baixas. Posteriormente a Consellaría cubriu algunhas puntualmente mais entendemos que deben autorizar todas aquelas que soliciten os equipos directivos.

    A Consellaría dinos que teñen cubertas 100 prazas das 173 das que teñen constancia, que cobren as que teñen informe de inspección abalando a súa necesidade.

  • Prórroga dos contratos de substitución máis alá do 30 de xuño.

    Como defendemos e unha sentenza gañada pola CIG recoñeceu, hai casos nos que o cese a 30 de xuño non está xustificado. Demandamos que se estendan ao mes de xullo ou setembro, se procede, todos aqueles contratos que sexan necesarios se hai que atender algún alumnado pola situación provocada polo estado de alarma (ABAU, etc...)

    Van actuar como sempre, é dicir, que salvo excepcións serán cesados a 30 de xuño, pero que de haber necesidades excepcionais se ampliarán os contratos dese persoal.

  • Reincorporación do profesorado.

    A Consellaría denegou algunhas solicitudes de reincorporación ao posto de traballo por parte de profesorado que estaba a gozar de excedencia por coidado de familiar, que tiña por este motivo unha redución de xornada ou que solicitara un permiso sen soldo. Nalgúns casos cónstanos que si o autorizou.

    Solicitamos:

    - aclaracións ao respecto da disparidade de criterios

    - que se autoricen todas as solicitudes efectuadas, que son ademais moi poucas

    - que non se vexa afectado o persoal substituto, nos casos nos que o haxa, e se reforce con estes docentes o equipo docente dese ou doutro centro en función das necesidades existentes, evitando ceses neste momento.

    A administración contéstanos que as solicitudes de reingreso e as excedencias son autorizadas. No caso de reincorporación de permisos ou de volta á xornada completa só autorizan cando non hai persoal substituto que estea a realizar traballo no centro. Confirman que de alongarse o período de alarma reintegrarán a todo o persoal que se comprometa a rematar o curso.

  • Formación en centros de traballo.

    AGOSTO. Fálase da posibilidade de facer a FCT até o 31 de agosto. No caso de que iso se producise non pode implica ningunha alteración no calendario de vacacións do profesorado. Agosto é o mes de vacacións do profesorado e non poden titorizar esas FCT durante ese mes.

    SETEMBRO. O alumnado da familia profesional de Servizos Socioculturais e á Comunidade e da familia de Sanitaria pode beneficiarse coa exención total ou parcial da FCT ao acceder a un contrato durante o estado de alarma, mais non poden facelo as alumnas de modular que aproben en xuño e teñan que facer a FCT en setembro. Debe igualarse co alumnado da modalidade ordinaria.

    Din que excepcionalmente xa hai casos de FCT en agosto mais que en todo caso iso dependerá da organización do centro, no caso de que poida contar con algún docente. Só nese caso se podería facer seguimento. Van mirar o da oferta modular para ver se lle dan o mesmo trato tal como pedimos.

    Por outro lado facemos constar a preocupación que existe entre o profesorado de FP de cara a xestión das FCT en setembro se coinciden no tempo o alumnado de ordinaria co de modular de cara a que haxa suficiente oferta por parte das empresas. Tendo en conta a incerteza da volta a unha actividade normal de moitas empresas, a Consellaría debe ter en conta que a flexibilización das FCT debe garantir os dereitos do alumnado e que ninguén se vexa prexudicado pola dificultade ou imposibilidade facer as prácticas nas empresas.

    A idea é que todos rematen en xuño, pero hai alumnado e empresas que queren facer a FCT real, permíteselles, pero teñen que estar de acordo centro, profesorado, empresa e alumno.

    Solicitamos tamén que se tomen as medidas oportunas para que o alumnado de FP Dual coñeza canto antes como se vai adaptar a súa integración na FP ordinaria aos efectos da incorporación a unha FCT.

    Ao alumnado garánteselle o retorno á formación ordinaria no centro se non quere seguir facendo as prácticas.

    Os centros deberían terse posto en contacto co alumnado. Se algún centro non o fixo que o alumnado se poña en contacto cos centros.

  • Xestión de datos persoais do profesorado.

    A situación actual está a crear tamén algunhas novas situacións que convén aclarar respecto do cumprimento da Lei Orgánica de Protección de Datos (LOPD) xa que entendemos que a Consellaría non está a facer correctamente as cousas.

    Cisco-Webex. Calquera docente que entre a aplicación que a Consellaría promove para a comunicación virtual do profesorado pode buscar polo nome todas as contas de correo de calquera docente. O normal é que os permisos estivesen limitados ao ámbito da “reunión” (o centro educativo). En todo caso, de non ser así, debería existir unha comunicación ou consentimento previo de todo o profesorado.

    Cesión de datos persoais a familias. Como é lóxico, nestes temos de confinamento hai que substituír os medios de contacto coas familias con outro non presenciais. Proporcionar o correo electrónico dos docentes ás nais e pais está sendo un deles. Se non é o propio docente quen o fai ten que ser con consentimento expreso deste ou, no caso de que non o desexe, coa comunicación dun medio alternativo que permita a comunicación. Así o vén de dicir a Vicesecretaria Xeral da Consellaría de Educación nunha resposta a unha consulta da CIG-Ensino.

    Gravación de reunións virtuais por administradores das sesións. Calquera gravación dunha reunión virtual debe ter o mesmo tratamento que unha reunión presencial; é dicir, para gravala debe haber consentimento previo das persoas participantes.

    Todo o anterior fai preciso que a Consellaría actualice os seus protocolos de cara ao uso e cesión de datos do seu persoal, para evitar que se produzan incumprimentos ou cando menos dúbidas sobre a LOPD e, en calquera caso, que informe ao profesorado das súas obrigas e dereitos no uso de plataformas de comunicación e dos correos corporativos edu.xunta.gal.

    Trasladarán estas propostas á Secretaría Xeral Técnica, órgano responsábel destes temas.

Ligazón á información da mesa sectorial

Varios na Mesa Sectorial do 30 de abril

Documento


Volver