Suprímese a continuidade da liña en galego en infantil en 23 centros públicos e 19 concertados, malia haber máis demanda que oferta

Outro ataque ao galego

Un día máis a CIG-Ensino ten que denunciar a galegofobia da Consellaría de Educación que dedica o seu tempo a ditar continuas instrucións e ordes contra o noso idioma
Suprímese a continuidade da liña en galego en infantil en 23 centros públicos e 19 concertados, malia haber máis demanda que oferta.
 
Un día máis a CIG-Ensino ten que denunciar a galegofobia da Consellaría de Educación que dedica o seu tempo a ditar continuas instrucións e ordes contra o noso idioma.
Se onte tivemos que denunciar que o único que lle interesa a esta Consellaría é aplicar o Decreto 79 para reducir a presenza do noso idioma mediante a creación de centros bilingües, hoxe temos que denunciar unha nova medida regresiva como é a imposición de que non se poida ofertar ao alumando de tres anos que se incorpora a Educación Infantil a posibilidade de se matricular nunha liña en galego, opción que existía desde hai catro anos. Cómpre lembrar que estas liñas en galego estaban implantadas en centros maioritariamente situados nas cidades: Ferrol, A Coruña, Vigo, Lugo ou Ourense, e a escolarización nestas aulas era solicitada polos pais e nais, mais polo que se ve á Consellaría non lle interesa a opinión dos pais neste caso.
Nestes catro anos de existencia da liña en galego en Infantil comprobouse que a demanda destas prazas era maior cá oferta, quedando sen escolarizar, todos os anos, un número importante de alumnos e alumnas. En cidades como Vigo, as peticións para a escolarización nos centros en que se ofertaba esta liña procedían de toda a cidade, dando conta da altísima demanda para a escolarización en galego.
Esta medida afectará a 23 centros públicos e 19 centros privados concertados que maioritariamente entenden que se debe manter esta oferta, que, ademais, neste momento, non supoñía ningún custe adicional para a Consellaría despois da supresión das axudas o ano pasado, cuestión que xa fora denunciada pola CIG o 22 de xuño de 2009 na Mesa Sectorial, na que denunciamos que se suprimisen unhas axudas que escasamente superaban os 100000€ para un programa que cumpría con todos os requisitos preceptivos, entre eles ser solicitado polos pais e nais. A Xustificación da Consellaría foi os reaxustes orzamentarios, uns reaxustes para facer publicidade en español, como fixeron ao inicio do curso pasado e para facer propaganda do seu Decreto contra o galego.

Volver