Superaches o Concurso excepcional de estabilización? Isto é o que tes que saber (e facer)

Incluíndo información remitida pola Consellaría ao persoal que superou o proceso

A continuación informámoste de todos os trámites que vas ter que realizar unha vez que obtiveches praza neste procedemento selectivo.

  • Información remitida pola propia Consellaría

    Esta información vai dirixida a aquelas persoas aspirantes que figuran na relación definitiva de persoas propostas en virtude da Resolución do 29 de maio de 2023 da Comisión de Selección designada nos procedementos selectivos extraordinarios de estabilización para o ingreso, mediante concurso de méritos, aos corpos de profesores de ensino secundario, profesores especialistas en sectores singulares da formación profesional, profesores de escolas oficiais de idiomas, catedráticos de música e artes escénicas, profesores de música e artes escénicas, profesores de artes plásticas e deseño, mestres de taller de artes plásticas e deseño e de mestres da Comunidade Autónoma de Galicia (código de procedemento ED001B) (DOG n.º 206, do 28 de outubro, corrección de erros, DOG n.º 216, do 14 de novembro)

    Para os efectos de dar cumprimento ao establecido na base décimo quinta da citada orde, relativa á presentación de documentación, comunícolle que dende hoxe está habilitado o trámite para a súa presentación electrónica na última solicitude de participación correspondente á especialidade na que figura proposto.

    No tocante á documentación débese presentar a seguinte:

    a) Informe médico acreditativo de non padecer enfermidade nin estar afectado ou afectada por limitación física ou psíquica que sexa incompatible co exercicio da docencia.

    A persoa aspirante que fixese valer a súa condición de persoa con discapacidade deberá, se se opuxo á consulta deste dato, presentar certificación dos órganos competentes da Consellería de Política Social e Xuventude que acredite tal condición, e tamén terá que presentar certificado dos citados órganos ou da Administración sanitaria, acreditativo da compatibilidade co desempeño das tarefas e funcións correspondente.

    Cuestión formal: A este respecto, non é perentorio unha certificación oficial, abondaría cun informe oficial dun facultativo colexiado que recolla o contido establecido na convocatoria.

    b) Declaración responsable de que non foron separados ou separadas, mediante expediente disciplinario, do servizo do corpo a que se pretende ingresar en ningunha Administración pública e de non estar inhabilitados ou inhabilitadas para o exercicio de funcións públicas, conforme o modelo que figura como anexo VII a esta convocatoria e que estará dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia no procedemento normalizado ED001B como anexo asociado á fase posterior á presentación.

    Igualmente, o persoal aspirante que non posúa a nacionalidade española deberá presentar declaración responsable de non estar sometido a sanción disciplinaria ou condena penal que impida no seu Estado o acceso á función pública, segundo o mesmo modelo do anexo VII e que estará dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia no procedemento normalizado ED001B como anexo asociado á fase posterior á presentación.

    Cuestión formal: A este respecto, o citado anexo VII, está dispoñible na seguinte ligazón.

    c) Certificado de non ter antecedentes por delitos sexuais, só no caso de opoñerse expresamente á consulta de datos do Rexistro Central de Delincuentes Sexuais na solicitude de participación.

    Cuestión formal: Para obtelo no suposto de oporse á dita consulta na solicitude de participación no procedemento selectivo, debe premer na seguinte ligazón.

    d) O persoal participante cuxa nacionalidade sexa distinta da española deberá acreditar o requisito establecido no segundo parágrafo da base 2.1.f) da orde mediante certificado redactado en lingua castelá. En caso contrario, o certificado deberá acompañarse da súa tradución oficial ou xurada realizada por tradutor xurado ou validada polo consulado ou oficina diplomática correspondente.

    No tocante á presentación da antedita documentación NA ÚLTIMA SOLICITUDE DA ESPECIALIDADE ADXUDICADA NA PROPOSTA DEFINITIVA, debe proceder do seguinte xeito e sempre a partir do luns 12 de xuño de 2023:

    1.-Acceder á sede electrónica da Xunta de Galicia e autenticarse no seguinte enderezo: https://sede.xunta.gal/

    2.- Localizar no apartado de “Últimos expedientes e presentacións”, a ÚLTIMA solicitude do procedemento ED001B correspondente á especialidade na que figura na proposta definitiva.

    Para estes efectos cómpre premer no rexistro no que consta presentado a dita solicitude e posteriormente no apartado “Documentación”, descargar o documento correspondente á solicitude normalizada para verificar á especialidade na que debe achegar a documentación

    3.-Posteriormente, na marxe dereita no apartado “QUE PODO FACER? Premer no trámite deAchega separada da solicitude incardinado na dita solicitude na que figura a especialidade á que desexa ingresar

    4º. A continuación, siga os pasos indicados: cubrir datos, xuntar a documentación preceptiva, asinar e presentar no rexistro electrónico e obter recibo.

    No caso de figurar proposto en distintos corpos debe proceder de xeito individualizado en cada un deles. No caso de ten a condición previa de persoal funcionario de carreira docente deberá achegar igualmente a dita documentación.

IMPORTANTE: de acordo coa convocatoria, quen dentro do prazo fixado e salvo os casos de forza maior, non presente a documentación ou, se do exame dela, se deduce que carece dalgún dos requisitos xerais establecidos na base segunda non poderá ser nomeado persoal funcionario de carreira, sen prexuízo da responsabilidade en que incorrese por falsidade na solicitude inicial.

  • Participar no Concurso de Adxudicación de Destinos Provisionais (CADP)

    No prazo ordinario de participación no CADP, que se abrirá cara mediados ou finais deste mesmo mes, deberás presentar a túa solicitude de participación neste concurso. É importante que volvas realizar a túa solitude do CADP aínda que xa a cubriras como persoal interino ou substituto. 

    Se es do corpo de Mestras pode serche útil, á hora de ordear as túas preferencias de centros, consultar o documento elaborado pola CIG-Ensino cos cadros de persoal de educación infantil, educación primaria e educación especial coa identificación do tipo de xornada e a especial dificultade. Ligazón

    CONCILIAS. Poderás tamén solicitar comisións de conciliación no prazo que estabeleza a administración, mais ten en conta que se xa fixeches a túa solicitude como persoal interino non será necesario repetila, xa que a Consellaría cambiará de oficio o teu colectivo de participación a funcionariado en expectativa de destino. 

    COMISIÓNS DE SAÚDE. Non se abre un novo prazo como no caso de concilia. Só se poderá pedir comisión de saúde por causas sobrevidas no prazo correspondente. Se eras persoal interino ou substituto e tiñas concedida unha comisión por saúde e superaches o concurso excepcional polo mesmo corpo e especialidade, manteranche a solicitude pasándoa automaticamente á modalidade de funcionariado en expectativa de destino.

  • Presentación de documentación

    No prazo de 20 días hábiles desde a publicación no DOG das persoas aprobadas, deberás presentar pola sede electrónica da Xunta, e dirixida á Dirección Xeral de Recursos Humanos, a seguinte documentación:

    1. Certificado médico. Non é preciso o certificado oficial da FNMT, é suficiente un certificado realizado polo teu doutor ou doutora que acredite que non padeces enfermidade nin estás afectada ou afectado por limitación psíquica ou física que sexa incompatible co exercicio da docencia.
    2. Declaración responsábel. Deberás cubrir este documento, que podes descargar aquí, para ser nomeado ou nomeada funcionaria de carreira.
    3. Certificado de non ter antecedentes por delitos sexuais. Este certificado deberás achegalo só no caso de ter denegado expresamente a consulta de datos do Rexistro Central de Delincuentes Sexuais cando te matriculaches no Concurso. Se non autorizaches a súa consulta, nesta ligazón tes información sobre como conseguilo.


    Para facer efectiva a entrega desta documentación, a administración publicará unhas instrucións nas que se especificará cal é procedemento que debes seguir para facerlla chegar.

  • Tomar posesión do destino adxudicado no CADP

    O día 1 de setembro deberás tomar posesión do destino obtido no CADP no centro adxudicado, que remitirá a documentación necesaria para este trámite á Xefatura Territorial correspondente. No caso de non realizar esta toma de posesión, enténdese que renuncias ao proceso selectivo.

  • Darse de alta en Muface

    A comezos do primeiro trimestre recibirás o nomeamento como funcionariado de carreira e a partir dese momento deberás, a través da súa páxina web ou das súas sedes provinciais, solicitar a alta como mutalista en MUFACE e optar pola prestación médica pública, que é o que desde a CIG-Ensino che recomendamos, ou privada. Cada ano, no mes de xaneiro, poderás cambiar de entidade sanitaria. Se tes dúbidas sobre o que implica pasar a ser mutualista a nivel de persoas beneficiarias, prestacións complementarias ou por Incapacidade Temporal, gasto farmacéutico… aconsellámosche que asistas ás xornadas de formación que cada ano organiza a CIG-Ensino para o novo funcionariado de carreira onde tratamos este e outros temas de interese para a túa nova condición.

  • Cursos de formación

    Ademais durante o primeiro trimestre deberás realizar dous cursos de formación. Un de lingua galega de 20 horas de duración e outro de igualdade, prevención e loita contra a violencia de xénero. A inscrición nestes cursos faise de xeito automático e recibirás no teu correo electrónico unha mensaxe que te informará do seu comezo e desenvolvemento.

  • Participar no Concurso Xeral de Traslados (CXT)

    Algo moi importante que tamén terás que facer nos primeiros meses do curso, normalmente cara outubro ou novembro, é participar no Concurso Xeral de Traslados. Este concurso serve para obter o primeiro destino definitivo e ten certa complexidade, sobre todo no relativo ao baremo de aplicación, á oferta de vacantes e ás casuísticas que se poden dar até obter ese primeiro destino, polo que che recomendamos inscribirte xa neste formulario para que cando se abra o prazo de participación poidamos enviarche unha mensaxe de correo electrónico para comunicarche as datas das asembleas que faremos nos nosos locais sobre o CXT e que poidas, se así o desexas, asistir a elas.

  • Afiliarte á CIG Ensino

    Este paso non é obrigatorio, mais si moi importante! No caso de que aínda non o esteas, afilíate á CIG Ensino para sermos máis fortes e defendermos mellor os teus dereitos e o ensino público galego!

Volver