Suba insignificante do 0,25% das pensións para este ano

A CIG-Ensino cualifica de “ridícula” a suba da contía das xubilacións do profesorado que, de media, rolda os 5 euros ao mes, moi lonxe da suba do IPC que finalmente acadou o 1,2% ao longo de 2017

O sindicato alerta ademais de que a partir de 2019 o escenario pode ser de baixada efectiva progresiva ao introducir no cálculo anual a variábel da esperanza de vida. Aínda que polo de agora esta medida non se prevé para as Clases Pasivas, a Lei do PP xa o recolle para o resto de persoas xubiladas pertencentes á Seguridade Social.

O sindicato nacionalista denuncia un ano máis a perda de poder adquisitivo do colectivo de pensionistas docentes que ven como a súa paga só subiu un 0,25% fronte ao incremento do 1,2% da carestía da vida, segundo o dato oficial do IPC correspondente a 2017. Esta situación, que se sostén durante os últimos anos, leva aparellada que a suba neta media con respecto ao ano pasado sexa de 5,13€ mensuais no caso dunha persoa xubilada pertencente ao corpo de Secundaria e de 4,61€ no caso de mestres/as e profesorado técnico de FP. Isto tradúcese nun raquítico aumento no cómputo anual de 71,82€ e de 64,54€ respectivamente.

Exemplo de Pensión  Exemplo de pensión neta para unha persoa perceptora co máximo tipo de retención do IRPF (sen outras deducións

Exemplo de pensión media neta para unha persoa receptora co máximo tipo de retención do IRPF

Cómpre lembrar que esta conxelación de facto das pensións debémoslla ao goberno de Mariano Rajoy que fixou na Lei 23/2013, de 23 de decembro, o famoso Índice de Revalorización das Pensións (IR). Este indicativo, vixente para todos os réximes da Seguridade Social -incluído o de Clases Pasivas no que se inclúen os xubilados e xubiladas docentes que aprobaron as oposicións antes do 2011-, estabelece esta suba inamovíbel no 0,25%, desvinculando para sempre o incremento das contías da suba de prezos do consumo. Na práctica, tal e como denunciamos reiteradamente, esta é unha estratexia de desmantelamento do sistema público de pensións que, con estes recortes, pretende derivar aos traballadores e traballadoras, tamén ao funcionariado, a plans privados de xubilación.

Baixadas á vista

Mais a coñecida como Lei de recorte das pensións do Partido Popular vai moito máis aló da conxelación e prevé para 2019 a entrada en vigor do chamado factor de sustentabilidade que non é nin máis nin menos que adaptar cada ano o cálculo das contías á esperanza de vida. A efectos prácticos isto suporá con toda probabilidade que ano a ano vexamos como se recortan as cantidades a percibir. Tal e como estabelece esta lei o cálculo tomará como base o período 2013-2017 e, dentro da lóxica neoliberal de empregar a maior lonxevidade para recortar o gasto público en lugar de incrementalo, o colectivo de pensionistas verase penalizado por vivir cada vez máis tempo.

Segundo cálculos de expertos economistas, a depreciación progresiva das pensións, de continuar este camiño, podería acadar entre un 30 e un 40% do seu valor actual nos próximos trinta anos.

A aplicación do factor de sustentabilidade non afecta de momento ao profesorado de Clases Pasivas, xa que é de aplicación ao Réxime Xeral da Seguridade Social, que no caso do persoal docente galego inclúe o profesorado interino, o que aprobou as oposicións desde o 2011 ou o de Relixión, a maiores dun pequeno colectivo que non se integrou no réxime especial de Clases Pasivas. Sen embargo, a lóxica das políticas restritivas en materias de pensións do PP fai que esteamos alerta fronte a posíbel aplicación dese importante recorte a partir de 2019.

CIG Informa co resumo detallado da situación das pensións docentes para 2018

Documento


Volver