Sobran as razóns para loitar contra un protocolo da Consellaría que leva ao desamparo ao persoal dos centros educativos e ao alumnado

Chamada da CIG-Ensino a participar nas concentracións con cazolada diante da sede da Xunta en San Caetano

A CIG-Ensino considera fundamental a unidade de toda a comunidade educativa para facer fronte a un documento que nin garante o ensino presencial con seguridade nin se prepara para unha educación a distancia universal e con equidade.

A CIG-Ensino demandou na Mesa Sectorial do pasado 16 de xullo a retirada do protocolo presentado e a adopción dun verdadeiro plan de actuación centrado na protección das persoas, tanto traballadoras e traballadores como alumnado, e na prestación dunha educación de calidade, que claramente queda en cuestión coa proposta da Consellaría. O sindicato, xunto coas demais organizacións con presenza na Mesa, abandonou a reunión e anunciou nunha rolda de prensa no día seguinte que, no caso de que non se tomen medidas para dar resposta ás xustas demandas do profesorado e do conxunto da comunidade educativa, tomará todas as medidas necesarias no comezo do curso escolar, xa que este non pode comezar coa “normalidade” que pretende a Xunta co seu protocolo impresentábel.

Todo o documento parte dunha filosofía moi cara ao goberno do PP: a perspectiva economicista e ultraliberal de que a educación é un gasto, nunca un investimento, e a mensaxe que trasladan á sociedade é que unha crise sanitaria non vai mudar a súa política de restricións no ámbito educativo. Todo isto mentres non sabemos que vai facer o señor Feijóo cos fondos que destina o Ministerio ás comunidades autónomas, desprezados inicialmente e criticados despois.

A Xunta comete unha imprudencia temeraria e pon en risco a nosa saúde.

A proposta da Xunta claramente pode conducir a elevar o risco de contaxio. É certo que ese risco non se pode eliminar mais non cabe ningunha dúbida de que contarmos con grupos reducidos e cun maior número de persoal docente e non docente de apoio implicaría un maior nivel de protección e unha menor exposición ao contaxio. A CIG-Ensino fai responsábeis de calquera incidencia e surto que poida acontecer aos responsábeis de Educación e Sanidade como asinantes desta proposta e, en última instancia, ao presidente da Xunta.

Custe cero, a doutrina Feijóo para dar resposta á pandemia no novo curso escolar.

A Xunta non vai reducir as ratios nin vai aumentar profesorado e, polo tanto, non vai existir un reforzo e adaptación curricular real no primeiro trimestre en función dos problemas detectados durante o confinamento e da desconexión dunha parte do alumnado. Todo iso esqueceuno xa a Consellaría. Óptase por calquera medida antes do aumento orzamentario necesario para unha atención de calidade, tanto desde a perspectiva educativa como sanitaria.

Tómase como referencia 1m no canto de 1,5m para evitar desdobramentos de grupos e cárgase de tarefas ao profesorado ao tempo que se dá por suposto que un hipotético uso de aula virtual vai facerse sen problemas cunha simple formación básica totalmente insuficiente, non só para o alumnado senón mesmo para o profesorado. O documento do Ministerio estipula 1,5 e a OMS recoñece que hai contaxio aéreo en sitios cerrados e cunha ocupación densa de espazos. Considerar só 1m de distancia de seguridade por proxeccións de gotículas é insuficiente, e sobre todo se temos en conta que esa distancia nin sequera vai ser real porque o alumnado non é autómata, son seres humanos: móvense.

Sobre o contido do protocolo, estas son as consideracións da CIG-Ensino que nos levan a rexeitalo totalmente.

Mala planificación e improvisación da Consellaría.

Denunciamos a escasa planificación e improvisación que denota todo o protocolo. Non se fixo un estudo previo dos centros, cando menos no sentido que demandaba a CIG-Ensino e que non é máis que o seguimento das pautas da Lei de Prevención de Riscos: avaliación de centros guía, con planos de actuación diferenciados e protocolos de actuación adaptados cada realidade. Non é o mesmo un CIFP que unha escola de infantil; un centro de educación especial que un conservatorio.

A este respecto, a CIG-Ensino chama a atención sobre as enormes diferenzas existentes nun documento borrador elaborado pola empresa CUALTIS (entidade privada que xestiona a prevención de riscos da Xunta) para as escolas infantís 0-3, con data do 22 de maio, e baixo o título de “AVALIACIÓN RISCO BIOLÓXICO - Exposición a Coronavirus (COVID-19)” e no que se impoñen unha serie de medidas drásticas e moito máis detalladas e restritivas. Respectando as diferenzas lóxicas nalgúns aspectos entre unha escola 0-3 e o resto dos centros escolares, parece obvio que tamén hai moitas semellanzas, sobre todo no que atinxe ao coidado da saúde do persoal. Desde ese punto de vista é moi difícil entender como se analizan de maneira tan diferente as medidas a adoptar en centros educativos que dependen todos eles da Xunta.

Tamén chama a atención que a Xunta impuxese unha ratio de 10 nenos e nenas por monitor nos campamentos de verán (incluso inferiores nalgún caso), cando estes se prestan maioritariamente ao aire libre, mentres que en setembro xa poden meter 25 nenos e nenas nunha aula.

A Xunta non asume a súa responsabilidade. 

A CIG-Ensino considera un despropósito que recaia nos centros, no profesorado sen formación previa, a adaptación dun protocolo con tantas carencias como este e nunha marxe de tempo mínima.

  • A Consellaría limítase a trazar unha liñas xerais para logo descargar a responsabilidade no profesorado. En primeiro lugar nas direccións e na equipa covid-19 (un ou dous docentes máis nomeados pola dirección) mais en segundo termo a todo o persoal do centro.
  • A responsabilidade última é da Xunta. Toda as normas e indicacións que poidan conter tanto o plan de adaptación da equipa covid-19 como o plan de continxencia do centro deberían estar visados e autorizados pola Consellaría de Sanidade e a Consellaría de Educación. Sen ese visado non se deben autorizar, xa que a quen lle compete é a quen ten recursos técnicos para asumir a responsabilidade das medidas adoptadas.
  • Debería indicarse expresamente que o anexo ao protocolo relacionado coas actividades extraescolares (ANPA ou concello) deben contar coa aprobación da autoridade autonómica, como o conxunto do protocolo.
  • Os prazos para aprobar as adaptacións e plans de continxencia son inasumíbeis se se queren facer con seriedade. As semanas que a Consellaría tivo agochado o documento xogan agora en contra dunha boa planificación e comezar o curso nas datas previstas con todo o que se indica no protocolo é impresentábel.
  • Os programas de madrugadores, que se realizan sen presenza de profesorado, tamén deben contar cun anexo específico, como as actividades extraescolares. Dicir que se segue o protocolo ordinario sen indicar que debe determinarse as responsabilidades de organizadores ou xestores é unha imprudencia. Para a CIG-Ensino este servizo, como o comedor escolar e as actividades extraescolares, debe ser prestado polas administracións públicas. Debería ser a Xunta quen o asumise para garantir que non dependa do voluntarismo das ANPAs. En todo caso, previa negociación, podería ser prestado polos concellos como xa acontece nalgúns casos. 

O invento dos grupos “estábeis” para non ter que reducir ratios.

  • As referencias “grupos estábeis” non se sosteñen. O protocolo de actuación é abertamente contraditorio. Fala da entelequia dos “grupos estábeis” como se se tratasen de burbullas sen ningún tipo de contacto físico fóra das aulas, cando todo o mundo sabe que iso é unha falacia. Ese concepto de grupos estábeis só ten como obxectivo levar ao extremo as ratios actuais de 25 alumnas/os por aula en infantil e primaria. Indica que se debe limitar a rotación de profesorado ao tempo que se fala do uso xeneralizado de aulas comúns e cando non debemos esquecer que hai profesorado especialista. Grupos estábeis como escusa para non contratar máis profesorado non; precisamos grupos reducidos.
  • A única solución pasa por unha redución de alumnado nas aulas. Defendemos unha ratio de referencia de 15 alumnas/os en infantil e 20, como máximo, nas demais etapas educativas. En todo caso, nesta situación, o condicionante debe ser a distancia física que non debe ser inferior a 1,5m-2m. Xa existen dúbidas científicas sobre a capacidade do virus de expandirse nesas distancias, o que nos leva a pensar que o 1m é unha imprudencia. Por iso, as ratios que propomos só se poderían superar naqueles casos nos que esa distancia de 1,5-2m se poda garantir. O documento do MEFP fixa en 1,5, esa distancia. Con todas as reservas, non se pode baixar desta referencia.

Do confinamento físico ao pedagóxico.

A proposta da Xunta de inzar as aulas de alumnado é un confinamento pedagóxico. Alumnado que non se pode mover, con máscara permanente, con movementos pautados sen saír do seu pupitre (o apartado 15.3 é moi claro ao respecto) ou claramente con limitacións para o contacto físico nas idades máis temperás; a rixidez en moitos casos derivada dos espazos saturados e da escaseza de docentes e persoal de apoio implica unha desnaturalización do noso modelo de ensino-aprendizaxe. A educación confinada tamén é pensar que un grupo de alumnado pode estar toda unha mañá sen moverse do seu espazo limitado dentro da súa aula (mesmo no recreo, como se apunta no 20.2). O modelo que presenta a Xunta vai dirixido a un único modelo pedagóxico: a pedagoxía tradicional. En aulas colocadas como se indica só é posíbel un único modelo de traballo: un mestre ou mestra que explica diante dun encerado e escolares situados en filas mirando todos para o mesmo sitio e sen interacción. Onde queda a educación por competencias? Onde queda o traballo por proxectos? Esta proposta supón unha emenda á totalidade da innovación pedagóxica das últimas décadas.

Outro elemento que afianza o concepto tradicionalista que a Consellaría ten da educación é que non hai nin a menor referencia a unha necesaria readaptación curricular con carácter xeral durante o curso escolar. Se é algo asumido por todo o mundo que os nosos currículos están sobredimensionados, se temos claro que existen unha carencias do curso 2019/20 que temos que paliar, se imos ter todo tipo de limitacións temporais e organizativas nas nosas áreas, módulos e materias, cómpre que a Consellaría estipule un marco curricular reducido con orientacións claras para que o profesorado poida adaptar as programacións á realidade que vai ter que afrontar durante o curso escolar.

A solución: máis profesorado, grupos reducidos e atención específica ao alumando en función de cada etapa educativa.
  • É fundamental o aumento de profesorado e prever a posíbel asignación de diferentes funcións docentes. O protocolo é un desastre desde a perspectiva da organización dos recursos humanos e da ordenación educativa. Non se pode pasar por alto que a realización dos protocolos hixiénicos e de prevención (entradas, saídas, limpeza de postos escolares, hixiene persoal, etc.. vai levar a unha necesaria reordenación de horarios das aulas e isto ten afectación no ámbito do persoal docente, polo que debe formar parte deste documento e, en todo caso, é materia de negociación no ámbito desta mesa. En todo caso, o que non se pode permitir é a extralimitación de funciónsque non lle corresponden ao profesorado, como é atender ao alumnado na vía pública, fóra do recinto escolar, como se indica no protocolo.
  • Cos cadros de persoal actuais non é posíbel manter os xa sobrecargados horarios e, ao tempo, atender todas as tarefas que se lle indican ao profesorado. A atención ao alumnado nas entradas, saídas e recreos, así como a atención do alumnado que acceda á aula antes do inicio da clase, forma parte do horario lectivo nos centros de infantil, primaria e EE e das gardas no resto dos centros. A alteración de horarios de entrada e saída ou a atención a recreos é un incremento de traballo inasumíbel se o que se pretende é prestar unha correcta atención ao alumando. As necesidade de que docentes do propio centro fagan un traballo específico de posta en marcha de aulas virtuais e asistencia a profesorado e alumnado (29.4) ten que implicar reforzos para cubrir horas lectivas que teñan que librar. En función da dimensión do centro deben ser varias persoas e con descontos horarios suficientes.
  • Non existen medidas para afrontar as incidencias por falta de persoal. A posibilidade de alteración constante da actividade ordinaria do centro é moi alta: as ausencias ao posto de traballo poden dispararse pola aparición de sintomatoloxía compatíbel coa covid-19, sobre todo coa chegada da gripe estacional. Iso pode provocar un caos organizativo nos centros ao non haber persoal suficiente. Outro motivo máis para ampliar os cadros de persoal. A maiores, ten que producirse un reforzo do persoal que fai os chamamentos de substitucións para garantir a cobertura inmediata das vacantes e que estas se produzan con carácter inmediato.
  • Casos extremos de ausencia de profesorado. Pode acontecer que nun momento determinado, especialmente en centros pequenos, a ausencia de docentes e de quen os substitúa faga inviábel atender o alumnado. Debe estabelecerse para estes casos con que porcentaxe de profesorado ausente se debe decretar o peche do colexio e fixar un protocolo de actuación e comunicación coas familias para esta circunstancia.
  • A redución de horarios lectivos, máis necesaria que nunca. A demanda do profesorado de recuperarmos as 18 horas lectivas en secundaria e as 21 en primaria e infantil cobra maior entidade en momentos como este. A alteración do noso traballo (atención ao alumnado, compatibilizar teledocencia, titorías telemáticas, necesidade imperiosa dunha maior coordinación didáctica, formación) debe levar á Consellaría a reducir os horarios lectivos. Onde van quedar os proxectos de innovación, o Plambe, as coordinacións didácticas?
  • En educación infantil e nos primeiros cursos de primaria é imposíbel que unha mestra ou mestre atenda, cumprindo a súa función educativa, a todo un grupo nas condicións que se indican. Coas ratios actuais é imposíbel traballar a integración social e a comunicación que son dos temas máis importantes en infantil (asembleas, lectura conxunta de contos, expresión oral, manipulación de obxectos…). Como poden á vez limpar obxectos e estar atendendo o resto do alumnado, é necesaria unha maior dotación de profesorado. Hai unha clara contradición cando se afirma que infantil é un grupo estábel no que non é preciso gardar a distancia de 1m (3.3) e despois (22.2) se indica que en mesas de traballo de gran grupo hai que sinalar separación de espazos de entre 1 e 1,5m. Non sabemos se quen redactou isto lembra como é unha aula de Infantil onde se traballa en grupos de varios alumnos. Unha contradición que tamén podemos atopar cando se desaconsella o uso de tobogáns ou areeiros nos colexios mais fóra deles poden usarse sen ningún tipo de problema nin control.
  • As escolas unitarias e os CRA, as itinerancias. Como non se fai un documento pensado nas diferentes tipoloxías de centros tampouco se pensa en casos concretos moi estendidos no país. Vaise manter o profesorado itinerante ou vaise optar por unha reordenación deste? Esta mesma cuestión pode trasladarse ao conxunto do profesorado itinerante, tanto especialistas como orientadoras e orientadores.
  • A atención ao alumnado con necesidades especiais e específicas de apoio. No caso das NEE, tanto do escolarizado en CEE como en centros ordinarios, non se pode dar se non existe máis persoal, tanto docente como non docente. Simplemente para cumprir co acompañamento permanente nalgúns casos (24.3) xa é preciso unha atención individualizada. Falar nestes casos de grupos de convivencia (24.1) supera todos os límites. Non se especifica nada para casos de escolarización combinada, ben con aula específica no propio centro ou en diferentes centros. Canto ao ANEAE non hai consideracións específicas no texto de cara a un posíbel recurso á teledocencia e na presencialidade tampouco se pode falar en moitos casos de formar parte dun grupo único cando se alterna a aula de referencia coa aula específica.
  • Na educación física demóstrase a incongruencia das medidas sanitarias implantadas pola Xunta. O mesmo alumnado que nos ximnasios ou polideportivas terá que usar máscara en distancias superiores a 1,5m, cando practiquen deporte fóra da escola as normas son outras diferentes e é a propia Xunta quen as fixa nos dous casos. Tamén é absolutamente incongruente que se permita que nos supostos “grupos estábeis” se poida socializar e xogar entre si sen ter que manter a distancia física de forma  estrita e nun pavillón ou ximnasio
  • Talleres de FP, laboratorios, aulas de música… A indefinición do protocolo (apartado 23) sobre talleres e laboratorios é absoluta. Non se indican medidas nin recomendacións nin que ten que decidilas. Esas medidas deben contar coa necesaria revisión de persoal especialista en materia sanitaria. O mesmo pasa coa referencia ás medidas para o alumnado especialmente sensíbel. Chégase ao extremo de falar dunha “mínima manipulación”. Un despropósito que ademais non se acompaña da indicación de quen, cando e como vai poder hixienizar todo. Todo isto tamén se pode aplicar a outros espazos de uso compartido como son as aulas de música.

 A saúde, o primeiro.

  • A CIG-Ensino demanda manter as condicións do protocolo de finais de curso ao respecto do persoal vulnerábel. A proposta actual desprotexe o persoal vulnerábel xa que impón que todo o mundo, pertenza ao grupo de risco que sexa, traballará mentres os servizos de prevención toman a decisión sobre a conveniencia ou non de acudir ao posto, algo abertamente contraditorio coa decisión adoptada no protocolo de incorporación ano final de curso, no que se eximía da incorporación do persoal mentres non houbese informe do servizo de prevención e que a CIG demanda que se manteña. Así se debe manter no actual protocolo. En todo caso, debe ser obriga da Consellaría avaliar o risco de todo o persoal docente que o solicite ante do comezo da actividades lectivas.
  • Non se debe valorar a sensibilidade dun traballador ou traballadora como se a pandemia non existise. Mantense (9.4.7) a consideración de que unha persoa dun grupo de risco non variou a súa situación a como traballaba antes da pandemia. Como se a covid-19 non existise. Unha muller embarazada ou un docente con inmunodeficiencia non se enfronta á mesma situación agora que hai 6 meses. Ese parágrafo é unha blindaxe da administración para obrigar a traballar a todas as persoas vulnerábeis.
  • Demandamos unha maior dotación de persoal médico nas Xefaturas Territoriais . Os servizos médicos de cada Xefatura Territorial son absolutamente insuficiente para facer fronte ao traballo que ten encomendado no protocolo, o que vai en detrimento dos dereitos do profesorado e outro persoal do centro no coidado da súa saúde. Co persoal médico actual derivarase todo ou case todo o traballo á empresa privada, algo co que estamos totalmente en contra.
  • O uso permanente das máscaras, inadecuado con carácter xeral. En determinadas materias o uso permanente da máscara por parte do profesorado é unha medida que restrinxe a comunicación oral e a aprendizaxe (a atención a alumando con NEAE por parte de especialistas de AL e PT, docentes de linguas…). Con carácter xeral o uso de máscaras en profesionais que traballa coa voz vai ser unha fonte de problemas foniátricos. Non se regulan excepcións de carácter sanitario, como si se fai con carácter xeral para o conxunto da poboación (persoas con insuficiencias respiratorias, etc..). Para o alumnado tamén vai ser un problema. O grave disto é que o uso permanente nace exclusivamente pola decisión da Xunta e saturar as aulas e non autorizar maior distancia física.
  • Non se prevén no documento medidas a adoptar en caso de alumnado que sexa grupo de risco. A Xunta ten que contemplar que facer no caso de que unha familia entenda que a situación sanitaria do seu fillo ou filla suporía un risco se acode ao centro. Ten que existir unha norma sobre esta situación para evitar problemas como a consideración de absentismo, etc..
  • Malia a propaganda, a realización de test a todo o persoal antes do inicio de curso. A Consellaría afirmou na súa web que sen van facer test serolóxicos con carácter universal mais disto non aparece nada no protocolo, no que só se citan os test para casos de posíbeis contaxios. Eses test debe ser para todo o profesorado e realizarse periodicamente, non só ao comezo de curso. Segundo opinións de expertas sanitarios a fiabilidade destes test é moi inferior aos test PCR, polo que o lóxico sería unha aclaración ao respecto. En todo caso, debe realizárselle a todo o profesorado que se incorpore a traballar durante o curso escolar. No caso de profesorado substituto que dea positivo nun test debe conservar o nomeamento até superar a corentena.
  • Esiximos un control no propio centro da temperatura. O protocolo non impón un control veraz e propio das posíbeis sintomatoloxías, como por exemplo o control de temperatura na entrada ao recinto escolar. Non é cuestión de valorar se é unha medida acaida ou non. A propia Consellaría asume que si o é cando afirma que ter máis de 37,5º nunha toma feita na casa é motivo para avisar ao centro de saúde e non acudir ao centro educativo. O control de temperatura xa está implantado hoxe en día no acceso a moitas instalacións de uso colectivo de titularidade privada. A opción por unha “auto-enquisa diaria de síntomas” sen garantir de ningún xeito que a administración titular dos centros educativos revise esa sintomatoloxía só se pode entender como produto da intención de “aforrar” no control da saúde.
  • Dotación de persoal sanitario. Sabemos das limitacións existentes no persoal sanitario mais nunha situación como esta ademais de ter un centro de saúde de referencia parece necesario dotar os centros de persoal sanitario, ben con carácter fixo ou zonal.

A xestión dos surtos, chea de incertezas.

A xestión dos brotes ou surtos presenta moitas dúbidas sobre a súa eficacia e organización.

  • Cando se fala do illamento dunha parte do centro a que se está a referir a Consellaría? No documento non queda nada claro. Entendemos que é só referido ao espazo físico non usado por estar un grupo en corentena. Convén aclaralo.
  • Fálase de corentena dun único grupo no caso dun contaxio confirmado. Hai que ter en conta que ese grupo, como dicimos, non é unha burbulla e dubidamos que se poida garantir a inexistencia de contacto con outro alumando doutras aulas. A corentena no caso do profesorado pode provocar unha alta incidencia que dubidamos que a Xunta sexa quen de xestionar e os limitados cadros de persoal van levar a que, de feito, se produzan serios problemas de atención ao alumnado.
  • No caso de varios contaxios (a Xunta fala de 3 nunha semana) e non sendo casos excepcionais (centros con edificios diferentes e sen case posibilidade de contacto) debe decretarse o peche de todo o centro.
  • Reincorporación en fases sen criterios. As fases de reinicio da actividade lectiva logo dun peche (apartado 8.4) implican unha reincorporación parcial para a que non se fixa ningún criterio, o que supón que terá que ser o profesorado quen tome unha decisión sen ningún amparo ou criterio xeral. A maiores, hai unha incongruencia entre o texto do protocolo e os anexos na porcentaxe que se debe incorporar ao centro. Mentres que no protocolo figura un 30% na fase 2 e un 60% na fase 3 no apartado 15 anexo VI (plan de continxencia) non figuran expresamente co que se pode concluír que se deixa nas mans dos centros, cando iso é unha decisión que lle corresponde á Consellaría.

O dereito e o deber á tutela de fillos, fillas e maiores a cargo debe garantirse.

  • O documento deixa a un lado as responsabilidades de tutela e coidados do persoal do centro con fillos ou maiores a cargo. Debe regularse especificamente o permiso por deber inescusábel nestes casos. O peche transitorio dunha aula, un colexio ou un centro de día implica que hai unha responsabilidade legal de tutela que debe preservase e protexerse. No caso de que nun centro educativo se manteña a actividade lectiva presencial ordinaria, debe concederse á profesora ou profesor afectado por ese deber de tutela un permiso retribuído mentres se manteña o peche da escola ou centro de día. No caso de que no centro de traballo exista apoio docente desde as casas, ese permiso retribuído poderá ser substituído por teledocencia, sempre e cando se regulen previamente horarios, condicións de traballo e material a disposición do docente.

A teledocencia, sen regulación e sen planificación. 

A Consellaría non quere unha regulación da teledocencia con carácter xeral. O protocolo é unha improvisación absoluta no referente á posibilidade da educación a distancia. A pesar da experiencia vivida, non se apuntan propostas para a ordenación dos recursos humanos en caso de ter que simultanear docencia presencial con teledocencia. Que vai pasar co alumnado que se teña que confinar mentres se mantén a actividade na súa aula? Quen se vai facer cargo da súa atención? Como se vai organizar o profesorado no caso de que haxa que atender a alumnado na casa e no centro? A negativa da Consellaría a contratar profesorado para reducir as ratios e mellorar a atención tamén ten consecuencias nesta situación.

Preséntase unha inmersión na teledocencia sen rigor. Sobre a creación de aulas virtuais hai varias cuestións a salientar.

  • Non se lle pode exixir ao profesorado o que a Xunta non é quen de facer. Preténdese facer en menos dun mes o que a Xunta non fixo nunca: formar a profesorado e alumnado para que a aula virtual estea “plenamente operativa” a finais de setembro. Hai docentes que non teñen a formación necesaria e a Xunta non se preocupou de darlla. Para o profesorado formarse é un dereito e tamén unha obriga mais esta debe ser con todas as garantías e prazos suficientes. A referencia a un curso de 15 horas para formarse parece unha tomadura de pelo. Para reforzar a formación en centros é preciso contar non só con persoal disposto a impartila senón de tempo para facela.
  • A inspección debería centrarse en asesorar. Non estamos de acordo co papel que se lle asigna á inspección con carácter xeral no noso sistema educativo. Neste caso tampouco estamos de acordo co permiso xeral e indiscriminado para acceder indiscriminadamente en todas as aulas virtuais, con usuario e clave propias. Existe unha programación que é a que debe revisar a inspección e que xa se cita no apartado 30. Será en caso de dúbidas ou supostas incorreccións cando se entenda que poida actuar a inspección. A idea que traslada a Consellaría e de desconfianza no profesorado.
  • O galego na teledocencia, confinado. Os recursos propios, mínimos. Os recursos en liña no noso idioma son moi limitados mais a Consellaría non fai nada por solucionar este problema. É tal o abandono que xa indica (29.9) que o profesorado se busque a vida procurando na web do Ministerio (!!!) ou de calquera outro xeito. O noso idioma, relegado novamente.
  • Non se garante a equidade en caso de recorrer á teledocencia. A única referencia é facer unha listaxe de alumando con problemas mais non se indica o importante: que medidas vai adoptar a Xunta nese suposto? A Xunta debe garantir que nin a fenda social nin a dixital polo lugar de residencia sexan motivo de discriminación. A experiencia deste curso debeulle servir xa para algo.
  • Non se estabelecen medidas nin criterios para a avaliación na teledocencia. Tan só hai referencias vagas sen concretar sobre o papel da Consellaría na avaliación. Como se actuará se non se pode garantir novamente o acceso universal ao ensino a distancia?
  • Non se prevén medidas de organización extraordinaria para a teledocencia. Dise no Anexo VI que será o mesmo profesorado do alumnado quen imparte a docencia a distancia mais non se teñen en conta todos os problemas acontecidos no final de curso: nada se di da posibilidade de educación mixta para un mesmo grupo de alumnos nunha reincorporación e non se regulan posíbeis adaptacións de horarios nin regulación específica do teletraballo (duración das clases, reordenación destas para que non se produzan sobrecarga de traballo, tanto para o profesorado como para o alumnado…)
  • A Consellaría debe proporcionar medios propios para o profesorado. Nada se di sobre isto. O persoal docente, como calquera traballadora ou traballador que se vexa na obriga de traballar desde casa non ten porque ter recursos propios (conexión a internet de alta capacidade, material informático, …). A Xunta debe proporcionalo, ben directamente ou ben mediante unha compensación económica.

Os servizos complementarios, en perigo.

  • Non se pode permitir ningunha discriminación do alumnado no transporte escolar pola súa zona de residencia como pretende a Xunta no apartado 13.2. Demandamos que se manteña o dereito de todo o alumnado a ser transportado. Baixo ningún concepto se pode deixar de transportar alumnado con ese dereito. Se a capacidade dos vehículos fose insuficiente a Xunta terá que dispoñer dos medios necesarios.
  • O transporte ten que acomodarse ás novas necesidades e posíbeis alteracións de horarios dos centros, non ao revés. É preciso unha planificación para evitar que siga sendo o transporte que marque o horario lectivo ou do comedor.
  • As medidas para o comedor escolar son claramente insuficientes. A posibilidade de estabelecer quendas de comedor para garantir a distancia física non pode estar condicionada polo persoal dispoñíbel. A Xunta ten que garantir a contratación do persoal colaborador necesario. A falacia do grupo estábel ou burbulla imaxinaria demóstrase novamente no comedor, onde o persoal, loxicamente, é o mesmo en todas as quendas. O protocolo levará a restrinxir o dereito ao comedor o que vai ser un golpe moi duro ao ensino público que non podemos consentir. A Xunta ten que garantir a súa continuidade.

Outras cuestións de interese.

  • Non existen propostas de organización con outras administracións para emprego de instalacións ou persoal de apoio. A negativa da Xunta a dar unha resposta correcta con alteración de espazos e dimensión de grupos lévaa a desbotar a posibilidade de ter que recorrer ao uso de instalacións municipais en casos extraordinarios se os centros non poden atender a todo o alumnado. Óptase polo aforro e desaténdense alternativas. A única referencia a persoal alleo é a charlas de persoal do SERGAS. Nin sequera se pensa na posibilidade de recorrer aos servizos sociais dos concellos en casos de que puidesen facer falta (un novo confinamento, etc..).
  • Debe existir un incremento orzamentario para todos os centros. A Consellaría limítase ao subministro inicial de material de protección e hixiene para que sexan os centros quen se encarguen das compras posteriores e sempre dentro dos orzamentos xerais. Isto vai en detrimento das xa escasas capacidades dos centros. Debe ser a Xunta quen centralice as compras e quen faga fronte, por riba dos gastos habituais dos centros, a todo tipo de gasto derivado da adaptación á covid-19. Non se entende como a Xunta dota dunha partida de 3 millóns de euros ás universidades para afrontar a covid-19 e non se modifican á alza os orzamentos dos centros.
  • Reunións telemáticas. As reunións de órganos de goberno, actividades de ANPA, e todo tipo de reunións que se realicen nun centro deben poder realizarse, obviamente, se xeito telemático mais non debe sinalarse como preferencia. É un contrasentido celebrar un claustro presencial e un consello escolar virtual. Ou que se realicen actividades extraescolares con presenza de membros dunha ANPA e que a súa directiva non se poida reunir presencialmente. Unha cousa é extremar as medidas e outra é caer nas contradicións. A redacción do apartado 26.4 sobre reunións de profesorado parece máis acaida tamén para o resto de reunións, órganos e asembleas.
  • Ao igual que acontece co profesorado se non se produce un incremento importante do persoal de limpeza é inasumíbel facer as tarefas que se indican cos cadros de persoal actuais, ben sexan propios, dos concellos ou privatizados. Non nos consta que exista a este respecto ningunha negociación coa FEGAMP para garantir que o persoal de limpeza propio ou contratado polos concellos sexa suficiente para poder garantir a carga de traballo. Fálase sempre de extremar a limpeza (zonas comúns, aseos, aseo para alumando con NEE, aulas de uso compartido, material de protección individual en laboratorios e talleres…) mais non se pode ampliar se non hai máis tempo para facelo. E tempo é igual a máis persoal. Simplemente para espazos como un ximnasio xa habería que pensar nunha limpeza ao remate de cada clase ou recreo. Non se pode derivar a limpeza ao alumando ou ao profesorado; hixienizar, especialmente en situacións como a actual, debe estar en mans de profesionais.
  • Sistema de fichaxe con pegada dixital. Hai algúns centros que teñen implantado este sistema. Algún deles, como denunciou a CIG perante a Axencia Española de Protección de Datos, con carácter ilegal, algo que a propia AEPD está a investigar neste momento por claros indicios de vulneración da lei. Hai unha orde no Ministerio de Sanidade en vigor que impón a substitución dese sistema. Que vai facer a Consellaría ao respecto? Debe dar instrucións claras.
  • Falta de negociación sobre condicións de traballo do persoal non docente. Como xa aconteceu na negociación do protocolo de finais de curso, a Xunta nin sequera convoca a Mesa Xeral de Negociación. Hai aspectos, como todo o relacionado co persoal de limpeza, administrativo ou coidador, quen deben pasar polo seu órgano de negociación, xa que a Mesa de Educación (na que só está a representación sindical do profesorado) non ten competencias. Mais para facernos unha idea de como actúa a Consellaría, impoñendo unilateralmente condicións de traballo sen negociar, salientar que no apartado 19.4 fálase do persoal coidador que acompaña ao alumnado de infantil ao aseos, cando as súas funcións limítanse ao alumnado NEE.
Resposta da CIG ao Protocolo da Consellaría

Documento


Volver