Situación da normalización lingüística no ensino

CIG-Ensino esixe o dereito ao ensino en galego

Hoxe 24 de marzo, o Secretario Nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, e a membro da Executiva, Marta Dacosta, realizaron unha valoración das declaracións do futuro presidente da Xunta sobre a normalización do noso idioma no ensino, e anunciaron as medidas a levar a cabo para paralizar esta involución.
A situación da normalización lingüística

Hoxe 24 de marzo, o Secretario Nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, e a membro da Executiva, Marta Dacosta, realizaron unha valoración das declaracións do futuro presidente da Xunta sobre a normalización do noso idioma no ensino, e anunciaron as medidas a levar a cabo para paralizar esta involución.
A CIG-Ensino considera moi graves as declaracións do futuro presidente da Xunta de Galiza, o Sr. Núñez Feijoo, que anunciou a derrogación do Decreto 124/2007 de uso e promoción da lingua galega no ensino, co que pretende atender as demandas dun sector minoritario da sociedade cuxo obxectivo non é outro que o exterminio do galego. É sumamente preocupante que o futuro presidente dun país anuncie, como primeira medida, unha proposta en contra da lingua propia, o galego, malia  que esta continúa a ser a lingua marxinada do sistema educativo e de moitos outros ámbitos e usos. O normal e razoábel para un presidente, que non se sinta antigalego, sería garantir os dereitos dos galegofalantes, estar preocupado polo retroceso do uso do noso idioma e tomar as medidas adecuadas para que, como mínimo, a actual lexislación normalizadora se cumpra. Algo que, por certo, foi o que recomendou o Comité de expertos do Consello de Europa.
A CIG-Ensino entende que, á vista dos datos publicados no Mapa sociolingüístico, o futuro presidente debería activar e promover medidas tendentes a revalorizar, estender e usar o noso idioma, a non ser  que o que procure  sexa a  súa total extinción. Teñamos en conta que os datos do Mapa din que nos últimos doce anos a poboación que se declara monolingüe en galego reduciuse á metade, pasando a ser só dun 16%, e que os que declaran falar máis en galego ca en castelán, reducíronse en máis de 8 puntos, quedando nun 22,9%. Mentres o número de persoas que declaran que só falan en castelán duplicouse até acadar o 25,8% e tamén se incrementaron os que din empregar máis o castelán có galego, que pasan a ser un 35,3%.
No ámbito do ensino, malia que a lei de normalización lingüística de hai 27 anos xa establecía que as aulas se tiñan que impartir, como mínimo, o 50% en galego, segundo os datos publicados no informe do Consello Escolar de 2002, en Educación Infantil soamente o 33% do alumnado usa habitualmente máis o galego, en Educación primaria soamente o 36% do alumnado e en Educación secundaria non supera o 27%. Mentres o profesorado que usa o galego oralmente nas aulas de Infantil e Primaria non supera o 22,10%. Por outro lado o uso da nosa lingua na Universidade da Coruña non supera o 10%, na Universidade de Santiago non supera o 20% e na de Vigo non supera o 26%, habendo facultades en que a presenza da nosa lingua e totalmente nula.
Perante este panorama o que se pretende na realidade é promover a desaparición do noso idioma. Como se pode entender, senón, que se pretenda derrogar un decreto que o único que estabelece como prescritivo é que o 50% das materias se teña que impartir en galego e que o alumnado, ao remate dos seus estudos, teña competencia lingüística nos dous idiomas. Soamente desde posicións que aspiran ao aniquilamento do idioma propio se pode falar de imposicións. Como é sabido, o único idioma imposto na Galiza, ao longo da historia, foi o español, mentres que o galego foi proscrito e perseguido do sistema educativo durante séculos e, aínda hoxe, continúa a ser marxinado.
Non só non lle importa ao Sr. Núñez Feijoo que o galego  aínda non teña acadado, na Galiza, o mesmo estatus legal que o Español, que a escola continúe a ser unha institución desgaleguizadora, que nin sequera un terzo das aulas se imparta en lingua galega, que a mocidade use o noso idioma nun 40% menos do que o facían os seus avós e avoas, que o 10% do alumnado non recibe ningunha clase de galego, que se incumpra a actual normativa  do uso do galego nas aulas, que persista a carencia de material didáctico en galego ou necesidade dun plano de formación do profesorado, senón que aínda ten a ousadía de dicir que se está a impor o galego. A única imposición real é a nosa imposibilidade de podermos exercer como galegos e galegas no noso propio país.
A CIG porá todo da súa parte para impedir este atropelo que, incomprensibelmente, pretende levar a cabo o PP, unha vez que acadou a maioría absoluta. E dicimos incomprensibelmente porque debemos lembrar que a Lei de Normalización Lingüística, que xa  fixaba o 50% de impartición das aulas en galego, foi aprobada hai 27 anos co apoio do PP. O decreto, que agora pretenden derrogar, emana do plano xeral de normalización lingüística- aprobado por unanimidade no parlamento, co voto favorábel de Núñez Feijoo  e  cando  o PP tiña  maioría absoluta- que  recolle literalmente que  “como mínimo, o alumnado recibirá o 50% da súa docencia en galego”, que é o mesmo que reproduce o Decreto 124/2007 que, agora, pretende  derrogar o  Sr. Núñez Feijoo.
Para facer fronte a esta vaga de españolismo exacerbado en contra do o ensino en galego, a CIG-Ensino participará e promoverá diferentes accións e iniciativas A día de hoxe, está convocada, pola Mesa de Normalización Lingüística, unha manifestación para o 17 de maio, en Compostela, que conta co apoio de numerosas asociacións e organizacións entre as cales está a CIG. Imos realizar máis de 1000 asembleas nos centros de ensino, estamos a realizar reunións cos equipos de normalización lingüística, ás que xa asistiron máis de 300 coordinadores e coordinadoras, e deberemos comprometernos todos e todas en buscar os maiores apoios ao manifesto que promove a Mesa e sacar resolucións dos Claustros, Consellos escolares, etc. Desde a CIG-Ensino, non desbotamos, mesmamente, paralizar o ensino se non  conseguimos que o futuro goberno galego desista da súa intención de eliminar os pequenos avances que temos conseguido na normalización lingüística.
 
 
 
Santiago, 24 de marzo de 2009
Secretaría de prensa da CIG-ENSINO
 

Volver