Silencio nos medios: que non se saiba que hai mobilizacións do profesorado.
Hai mobilizacións do profesorado contra a Xunta mais semella que o control da Xunta foi efectivo o día da marcha unitaria a San Caetano.
O 13 de novembro centos de manifestantes, tanto da CIG-Ensino como das demais OO.SS., rodeamos o edificio de San Caetano na primeira mobilización conxunta logo do peche sindical na Consellaría ante a negativa da Consellaría a negociar a recuperación dos nosos horarios.
Varias radios e as dúas televisións públicas (TVE, TVG) acudiron para facer seguimento da mobilización. Tamén recolleron declaracións as axencias de noticias. De feito, unha delas, EuropaPress difundiu a nova para todos os medios: ligazón
Como é obvio a CIG-Ensino mandou a súa propia nota de prensa a todos os medios xusto despois de rematar a mobilización: ligazón
Xoves 14 de novembro. Como recolleron os medios esa marcha sobre San Caetano? Co silencio máis noxento, coa censura máis absoluta. Na prensa escrita nada de nada, nin unha liña, a excepción dunha pequena foto en El Correo Gallego.
Nas televisións só a TVE emitiu a noticia no seu Telexornal.
A censura na TVG foi total, algo ao que xa nos ten habituado o goberno que con mais virulencia ten atacado os medios públicos en Galiza e que leva ao seu propio persoal a manter durante xa 78 semanas unha campaña de denuncias pola censura e manipulación informativas na radio e TV públicas baixo o lema #DefendeAGalega.
É coñecida a capacidade de presión do goberno galego sobre os medios de comunicación privados do país. O silencio absoluto do acto reivindicativo do día 13, como punto de saída para unhas mobilizacións que continuarán o xoves 21 con concentracións en todas as cidades e o día 12 de decembro cunha xornada de folga xeral no ensino, non pode ser casual.
Non podemos máis que ser respectuosos co traballo das e dos xornalistas e, ao tempo, profundamente críticos coas empresas editoriais que non só relegan a un segundo plano un tema de tanta relevancia como este senón que mesmo deciden silencialo.
Chamamos a atención de todo o profesorado sobre este intento de ocultación dunha realidade que a todos e todas nos afecta, a seguir a información das mobilización por quen directamente as promovemos, a partillar esa información nos nosos centros de traballo e a participar activamente nas mobilizacións.
A paralización do ensino público o día 12 de decembro e, previamente, a participación nas concentracións das sete grandes cidades ten que servir para obrigar ao goberno galego a abandonar a soberbia coa que se comporta e a negociar a devolución dos nosos dereitos mais tamén para romper o muro do apagón informativo.