Sexenios para o profesorado interino: confirmado o dereito a percibir este complemento de formación

PRIMEIRO OS TRIENIOS, DESPOIS OS SEXENIOS: GAÑA O DEREITO DA NON DISCRIMINACIÓN

Despois de que numerosos xulgados galegos ditasen sentenzas a favor das demandas presentadas polos servizos xurídicos da CIG, a xustiza europea recoñece agora o dereito do profesorado interino a cobrar sexenios. Esta sentenza do alto tribunal europeo supón o remate da disputa sobre a discriminación dos docentes interinos ao respecto do funcionariado de carreira nas súas retribucións.

As primeiras sentenzas favorábeis á non discriminación do profesorado interino  retrotráense xa á campaña iniciada pola CIG-Ensino polo cobro dos trienios con carácter retroactivo á publicación do Estatuto Básico do Empregado Público, que obtivo as primeiras sentenzas favorábeis no ano 2009, confirmadas posteriormente a finais do 2010 por unha sentenza do TXUE.

Unha vez que a Consellaría de Educación perdeu xudicialmente a súa batalla para evitar estender aquel dereito ao persoal interino, desde a CIG-Ensino iniciouse unha nova campaña para conseguir rematar coa única discriminación económica que resta entre persoal fixo e temporal no ámbito do ensino público galego: o complemento vinculado á formación coñecido como sexenio.

A Consellaría rexeitou en novembro a proposta da CIG-Ensino de aplicar as primeiras sentenzas de tribunais galego a todo o persoal interino

En novembro de 2011 a CIG-Ensino instou á Consellaría de Educación a que estendese a todo o persoal con servizos prestados como interino os efectos de varias sentenzas gañadas polos servizos xurídicos da CIG en xulgados galegos (Santiago, Ourense, Pontevedra), evitando unha nova xudicialización como acontecera no caso dos trienios retroactivos. A Consellaría deu a calada por resposta e oficiosamente escudouse nunha sentenza dun xulgado coruñés que fallaba a favor dos intereses da Consellaría.

De novo vivimos un episodio que xa sufriramos na campaña de demandas xudiciais polo cobro dos trienios retroactivos, con xulgados que ditaban sentenzas favorábeis e outros  en contra. Chama a atención que a fundamentación xurídica da sentenza que vimos de coñecer do TXUE é idéntica á argumentación empregada polos servizos xurídicos da CIG e que se recollían case textualmente varias das sentenzas favorábeis nos tribunais galegos.

A Consellaría, obrigada a rectificar.

Agora a Consellaría de Educación debe evitar que se prolonguen máis no tempo a multitude de preitos pendentes de resolver, dando instrucións á súa asesoría para que desistan na defensa dunha posición xa derrotada. Ao tempo, desde a CIG-Ensino reiteramos a nosa esixencia, xa trasladada en novembro de 2011, de que aplique a todo o persoal con servizos prestados como profesorado interino (independentemente de que manteña esa condición temporal ou xa sexa funcionario de carreira) o criterio da non discriminación salarial e estenda o pago de sexenios a todo o persoal.

Desde a CIG-Ensino entendemos que ademais de pór remate aos xuízos pendentes, a Consellaría debe negociar no seo da Mesa Sectorial de Educación unha norma que recoñeza o dereito de todo o persoal interino á percepción do complemento de sexenios, superando a discriminación actual, e evitando o incremento de demandas xudiciais das que a Consellaría xa sabe de antemán que ten perdidas.

PARA MÁIS INFORMACIÓN

Os sexenios, un complemento vinculado á formación do profesorado.

O complemento de sexenios é un complemento que se percibe cada 6 anos sempre e cando nese período temporal o docente se formase durante un mínimo de 100 horas. Actualmente, e tendo en conta os recortes introducidos no 2010, a conxelación do 2011 e a nova conxelación salarial imposta polo goberno de Núñez Feijoo, estas son as cantidades brutas que se perciben en cada un dos sexenios:

1º sexenio

2º sexenio

3º sexenio

4º sexenio

5º sexenio

€ 59,21

€ 76,13

€ 101,53

€ 143,81

€ 42,29

 

Polo tanto, os docentes interinos están a ver recortadas, dun xeito discriminatorio, as súas retribucións mensuais dun xeito progresivo en función da súa antigüidade tal e como se reflicte no seguinte cadro.

Redución salarial do persoal interino con respecto ao funcionariado de carreira polo impago dos sexenios

 

 

1º sexenio

2º sexenio

3º sexenio

4º sexenio

mestres/as e PTFP

2,84%

6,28%

10,65%

16,59%

Resto do profesorado

2,50%

5,53%

9,35%

14,55%


TODA A INFORMACIÓN SOBRE AS PRIMEIRAS SENTENZAS DE SEXENIOS GAÑADAS POLA CIG-ENSINO E DA DEMANDA  DA SÚA EXTENSIÓN A TODO O PERSOAL INTERINO

TODA A INFORMACIÓN SOBRE AS SENTENZAS FAVORÁBEIS AO COBRO DOS TRIENIOS RETROACTIVOS

CIG INFORMA sexenios profesorado interino.pdf

 

Volver