Servizos mínimos excesivos e inaceptábeis para a folga de mulleres

Non queda garantido o lexítimo exercicio do dereito á folga das mulleres que traballan para Educación

Por enésima vez a Consellaría publica os servizos mínimos o día antes da data da folga, facendo oídos xordos a Sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza como a da folga do 14 de novembro de 2012. Nese auto o tribunal di que non alcanza a comprender que "a Administración, coñecedora desde hai varios meses da convocatoria dunha folga para a xornada do 14 de novembro de 2012 demorara a publicación do Decreto regulador da fixación dos servizos mínimos esenciais até dous días antes desta data", no caso actual un día.

Esta publicación non permite unha mínima organización do persoal nos centros de traballo, nominalmente nos de ensino.

Ademais, a CIG-Ensino considera especialmente intolerábel que a Xunta volva privar dos seus dereitos o persoal das escolar unitarias, e en boa medida dos/as coidadores/as e subalternos/as, xa que obriga á presenza dalgún/ha membro docente naqueles centros con menos de seis unidades.

Podedes ler no DOG os servizos mínimos do ensino na seguinte ligazón

A CIG recorre os servizos mínimos

A Confederación Intersindical Galega vén de presentar un recurso contra os servizos mínimos establecidos pola Xunta de Galiza. A secretaria das Mulleres da CIG, Margarida Corral, denuncia que son mesmo maiores que os establecidos para convocatorias anteriores de carácter similar e afirma que “non podemos aceptar uns servizos mínimos que, en realidade, son máximos, abusivos e esaxerados”.

Corral denuncia ademais que é “impresentábel” que a Xunta de Galiza agarde ao último día para publicar o Decreto de servizos mínimos, máis cando xa desde o propio TSXG se ten cuestionado este proceder recollendo nun auto que “non alcanza a comprender esta Sala que a Administración, coñecedora desde hai varios meses da convocatoria dunha folga para a xornada do 14 de novembro de 2012 demorara a publicación do Decreto regulador da fixación dos servizos mínimos esenciais até dous días antes desta data”.

A este respecto a secretaria das Mulleres da CIG lembra que a central sindical presentou a convocatoria de folga formal o día 29 de xaneiro e que, desde aquela, a Xunta de Galiza “tivo tempo abondo para negociar e publicar estes mínimos que recolle o DOG de hoxe causando indefensión e dificultades para recorrelos”.

Do mesmo xeito lembra que o chamamento que fai a central sindical é a unha folga de mulleres e, polo tanto, non ve sentido en establecer eses servizos mínimos cando hai traballadores que non están chamados a secundala, máxime en sectores moi masculinizados, como pode ser o transporte de viaxeiras/os.

Mínimos inaceptábeis

No caso concreto do transporte establécense nesta ocasión servizos mínimos excesivos cando “en ocasións anteriores nin se mencionaba medida algunha para este sector, máis alá dos decretados para o transporte escolar”. 

Para a CIG tamén son inaceptábeis os mínimos impostos na CRTVG, onde se pretende manter a programación habitual durante os paros, no canto de limitarse a informar sobre a incidencia da folga e as mobilizacións previstas no decurso da xornada, como correspondería a un servizo público coma este. 

Resulta especialmente rechamante o caso dos mínimos establecidos para a central de emerxencias 112, onde se fixan nalgunha categoría, como a de persoal estrutural, un número de efectivos superior ao de calquera quenda do mesmo horario nunha xornada ordinaria.

Canto aos servizos centrais da Xunta de Galiza e aos organismos da administración xeral do Estado decrétanse uns mínimos que superan os de un domingo ou festivo. “Entendemos que nestes casos os servizos mínimos son absolutamente innecesarios” porque “se nunha xornada non laborábel non ten a máis mínima consecuencia, nesta xornada de paros, tampouco”.

No ámbito da Sanidade e no Consorcio de Servizos de Igualdade e Benestar, para variar, fíxanse uns servizos mínimos que son mesmo superiores ao 100% do cadro de persoal habitual nun día laborábel ordinario vulnerando así o dereito fundamental á folga das traballadoras destes sectores, ámbitos especialmente feminizados e onde se visibiliza especialmente a relegación das mulleres aos ámbitos dos coidados e o teito de cristal que sofren estas traballadoras na súa promoción profesional.

Ademais, a CIG-Ensino considera especialmente intolerábel que a Xunta volva privar dos seus dereitos ao persoal das escolar unitarias e, en boa medida dos/as coidadores/as e subalternos/as, xa que obriga á presenza dalgún/ha membro docente naqueles centros con menos de seis unidades.

Servizos mínimos nos centros docentes non universitarios

A dirección ou membro do equipo da dirección e un subalterno o subalterna en cada centro escolar. Nos centros de menos de 6 unidades o/a director/a poderá ser substituído/a por un membro do equipo docente. En todo caso, quedará garantida a apertura e o peche de todos os centros.

- 1 auxiliar coidador/a en cada centro educativo que non sexa centro de educación especial e que neste curso teña asignado persoal desa categoría.

- O 20 % do persoal de comedores, limpeza e subalternos nos centros residenciais docentes.

- O 20 % do persoal de comedores, ATS, limpeza, coidadores/as e persoal médico dos centros de educación especial.

A designación nominal do persoal que deberá cubrir os distintos servizos relacionados neste punto será realizada pola dirección do centro respectivo e publicarase no taboleiro de anuncios do centro.

Universidades Galegas

- 1 empregado/a da área de conserxaría por quenda de traballo en cada facultade, escola, centro de investigación e demais centros administrativos.

- 1 funcionario/a no rexistro oficial de cada campus.

- 1 empregado/a do persoal de secretaría do reitor e dos vicerreitores/as dos campus onde non estea a sede reitoral.

Servizos regulares de uso especial para transporte de escolares

Manteranse como esenciais os servizos de entrada aos centros desde ás 7.30 ata as 10.30 horas e os de saída desde das 13.30 ás 19.00 horas nos itinerarios de transporte escolar de estudantes de niveis de ensino obrigatorio, cuxa lonxitude total sexa superior a 4 km.

Para os servizos de transporte a alumnado de centros de educación especial considéranse esenciais todos os itinerarios existentes nos horarios habituais.

Podedes ler no DOG todos servizos mínimos na seguinte ligazón

Volver