“Sermos Galiza” preséntase en Compostela nun auditorio abarrotado de público
A Executiva Confederal da CIG acordou apoiar este proxecto de comunicación que considera imprescindíbel para defender os nosos dereitos sociais e nacionais
O proxecto “Sermos Galiza” nace dun grupo promotor plural, formado por persoas de distintos ámbitos de actuación e distintas procedencias, conscientes da urxencia de contar con medios de comunicación galegos e en galego.
A súa pretensión é asentar un espazo de comunicación galego e botar a andar un diario dixital e un semanario que dean conta do que ocorre en Galiza, que defenda os nosos intereses como galegos e galegas e que se faga eco da nosa cultura e a nosa identidade, expresándose enteiramente na nosa lingua.
Propiedade plural e colectiva
Xorde como unha iniciativa aberta e plural, á xa que se foron sumando diversas organizacións e asociacións, ademais de persoas a título individual. E é que precisamente a isto aspira “Sermos Galiza”, a conformar un grupo editorial de propiedade plural e colectiva para que sexan as/os seus accionistas quen definan a súa liña editorial. “O capital social será, por tanto, unha construción de moitos, o que garantirá a súa solidez”.
Segundo explicou a escritora e profesora de universidade a cargo de quen correu a presentación, por iso se está a percorrer o camiño á inversa dun proxecto empresarial tradicional, no que primeiro se crea a empresa e se xunta o capital e finalmente se desenvolve o produto.
Tras facer un estudo de viabilidade, o grupo promotor concluíu que é imprescindíbel acadar un capital social de 300.000 euros, ao que se pretende chegar mediante a venda de accións, que poden ser adquiridas por 100 euros cada unha. Para garantir a súa independencia, ningún co-propietario, ou sexa, ningún accionista, poderá superar o 10%.
Unha vez constituída a Sociedade Anónima, lanzaríanse o xornal dixital e o semanario en papel. Para a súa supervivencia precísase dun mínimo de 3.000 subscritores/as. Número calculado, segundo explicou outro dos promotores, Néstor Rego, para non depender da publicidade coa que se conte. “O obxectivo é que os medios se manteñan por si mesmos, sen dependencias empresariais ou institucionais para ser, deste modo, menos vulnerábeis ao poder político ou económico”, explican.
“Sermos Galiza” ten habilitada na súa páxina web unha folla de subscrición e o número de conta onde facer o ingreso para adquirir accións.
A CIG acordou apostar decididamente por impulsar este proxecto, máis nun contexto no que se están laminando todos os medios en galego e no que silencia, de forma abafante, calquera voz discrepante co discurso oficial. Por iso anima a sumar esforzos para abrir esta nova e imprescindíbel xanela de comunicación.
A demanda existe. Só así se explica que o auditorio no que se celebrou o acto, organizado pola Asociación Cultural “O Galo”, fora insuficiente para acoller a todas as persoas interesadas en coñecer o proxecto. Só resta axuntar, entre todas e todos, o capital necesario para facelo realidade.