
Sen novidades na reforma da profesión docente
Información da posta en marcha dos grupos de traballo do Ministerio de Educación
O pasado venres 21 de marzo tivo lugar unha reunión do primeiro dos catro grupos de traballo organizados polo Ministerio de Educación cos sindicatos que formamos parte da Mesa Docente estatal.
-
Marco de Competencias Profesionais Docentes e Formación inicial do profesorado (documento marco; graos e másteres en educación).
-
Sistemas selectivos e ingreso na función docente (modelos de ingreso; titorización de prácticas e iniciación á docencia; temarios.)
-
Formación permanente do profesorado, sistemas e procedementos para o seu desenvolvemento profesional docente.
-
Condicións do desempeño docente (xornada; ratios, apoios para necesidades específicas, desburocratización).
A reunión serviu tan só para que se presentase formalmente un documento marco aprobado polo Ministerio, as diferentes Consellarías de Educación e a Conferencia de decanatos de Ciencias de Educación e que xa compartimos logo da reunión do día 27 de febreiro.
A CIG-Ensino reiterou na reunión a súa desconformidade co sistema de grupos de traballo posto en marcha, especialmente polo feito de que, transcorridos máis de dous anos da presentación dun documento do Ministerio con 24 supostas medidas para a mellora da profesión docente, non se teña feito absolutamente nada. Todo o tempo transcorrido desde aquela é un tempo perdido.
Logo das últimas eleccións xerais tanto o presidente do goberno estatal, Pedro Sánchez, como a ministra de Educación, Pilar Alegría, afirmaron que a actual sería a “lexislatura do profesorado”. Unha declaración baleira de contido que xa recibiu a resposta da CIG-Ensino xa hai máis dun ano.
Co anuncio da creación dos grupos de traballo, a CIG-Ensino xa amosou a súa total desconfianza sobre esa dinámica, entendendo que nos atopamos diante dunha representación de negociación a paso de burro canso para demorar todo o posíbel a toma de calquera decisión que poida supoñer unha mellora efectiva para o profesorado.
O Ministerio non pode agardar un minuto máis en poñer sobre a mesa se ten ou non ten propostas para mellorar as nosas condicións de traballo naquilo que é da súa competencia. Da Xunta, coa complicidade sindical demostrada no “acordo da vergoña”, nada se pode agardar. O Ministerio, de momento, non ten demostrado que pretenda ir por outro camiño diferente.
En conclusión:
- partiamos de cero e en cero estamos.
- non se contempla ningunha intención do Ministerio por impulsar unha verdadeira negociación que permita acadar nun prazo breve unha batería de melloras para o profesorado.
- sen medidas aprobadas antes de finalizar o curso actual, pendentes despois de trámites lexislativos que poden prolongar en exceso a súa implementación, só se pode agardar que a “lexislatura do profesorado” remate como a “outra lexislatura de abandono do profesorado”.
- a CIG-Ensino non será cómplice de tácticas dilatorias e participará, como sempre, activamente só no caso de que se encete unha negociación real.